O PP só retén a Deputación de Ourense e o PSdeG podería presidir as outras tres

Feijóo e Louzán, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA PPdeG

Son institucións antigas e por veces deostadas. Pero son tamén fonte de gran poder e, sobre todo, de recursos orzamentarios e competencias, moi especialmente en virtude da reforma local do Goberno central. As deputacións galegas son o outro terreo político que foi fonte de malas novas para o PPdeG neste 24-M. Atendendo ao escrutinio provisional e a falta de datos oficiais do Ministerio do Interior os conservadores perderán tamén a súa hexemonía nos entes provinciais e, previsiblemente, só reterán o bastón de mando na baltarista Deputación de Ourense, mentres que o PSdeG podería presidir as outras tres grazas aos pactos.

O resultado con máis repercusión interna no PPdeG é tamén o politicamente máis relevante. Os novos números deixan os populares de Rafael Louzán fóra do sillón da presidencia na Deputación que encabezaban dende que o seu presidente era Mariano Rajoy, a de Pontevedra. O desplome da candidata de Feijóo en Vigo fai que o PP ceda a maioría absoluta e fique con 12 deputados provinciais mentres que os socialistas terán 10 que, sumados aos 4 do BNG e ao deputado co que emerxe a Marea viguesa, lle permitirían gobernar.

Un panorama semellante é o da deputación coruñesa, ata agora dirixida por un home forte do PP de Carlos Negreira, Diego Calvo. Os populares terán 13 actas provinciais, insuficientes para acadar a maioría absoluta nunha corporación que podería dirixir un ou unha socialista con 8 deputados. Para facelo tería que pactar co Bloque, que terá 5, cos tres representantes da Marea Atlántica e coa persoa que asuma o escano que lle corresponde a Compostela Aberta. Tamén entra na Deputación a Alternativa dos Veciños, cun escano.

O PP perde a deputación que presidía dende tempos de Rajoy e tampouco acadan a absoluta na Coruña

O PP perde as dúas deputacións da Galicia atlántica e non logra compensar esta perda cun dos seus obxectivos máis cobizados: a Deputación de Lugo. Na corporación luguesa o reparto de escanos non se move e o PSdeG poderá exercer o relevo na presidencia -José Ramón Gómez Besteiro non é candidato- dende o poder se, como viñan facendo ata agora, os seus 11 representantes chegan a un acordo de goberno cos 2 do BNG, superando os 12 do PP.

Os socialistas poderán exercer o relevo en Lugo dende o poder

Neste escenario o papel do PP de Ourense medra dentro do PPdeG en canto a poder. Manuel Baltar amarra a presidencia que herdou do seu pai e só cede un deputado, ficando con 14. O PSdeG ourensán ten 8 actas e Democracia Ourensana rendibiliza o seu ascenso na capital da provincia para emerxer con 2. O BNG, pola súa banda, terá un deputado provincial.

Besteiro e Lara Méndez, sinalada como posible nova presidenta en Lugo © Deputación de Lugo
Baltar, con Jesús Vázquez e Feijóo © PP Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.