Feijóo chama á "renovación" no PP sen aclarar se seguirá en Galicia

Rueda, Feijóo e Barreiro, no comité de dirección do PPdeG CC-BY-SA PPdeG

Se os resultados do 24-M para o PP no conxunto do Estado se producisen mentres, en Galicia, o PP acadase un apoio semellante ao de 2011, arestora Alberto Núñez Feijóo tería pé e medio na madrileña rúa de Génova para, por exemplo, relevar a derrotada María Dolores de Cospedail na secretaría xeral do partido. Pero isto non sucedeu. O PP galego tivo o peor resultado da súa historia nunhas municipais e dentro da atribulada cúpula madrileña do partido xa hai quen indica que o presidente da Xunta, sinalado ata a saciedade como posible sucesor de Mariano Rajoy, xa non é o barón que o gaña todo. Este é o contexto no que Feijóo reuniu este xoves o comité de dirección do PPdeG, ante o que apelou á "renovación" sen aclarar se permanecerá en Galicia.

Tras perder uns 200.000 votos a respecto das anteriores municipais e ceder un amplísimo poder territorial os populares teiman en reiterar que foron a lista máis votada pero, non obstante, o propio Feijóo asegura xa que "a cidadanía" está a demandarlles "autocrítica" e por iso van "reaccionar cunha triple renovación: de equipos, de políticas e de actitudes". Esa renovación, di o xefe de filas da dereita, comezará coa valoración de resultados en cada provincia e, acto seguido coa elaboración dun "calendario" de congresos "ordinarios e extraordinarios" a nivel local, provincial e autonómico a celebrar en datas fixadas "de acordo" coa dirección estatal do partido.

O plan trazado pola cúpula de Feijóo e Alfonso Rueda pasa por celebrar os congresos locais e provinciais antes das eleccións xerais de outono e o congreso galego antes das eleccións autonómicas e non despois, como aconteceu en 2009 e 2012. Ábrese, polo tanto, a posibilidade de que o cónclave galego sexa o escenario para formalizar outra renovación da que, segundo manifestou este xoves Feijóo, aínda non toca falar: a da presidencia e da candidatura á Xunta, isto é, a súa. Non é o momento de abordar ese debate e facelo implicaría distraer a atención do importante, argumenta.

Feijóo inclúe o "falecemento de máis de 100.000 galegos nos últimos catro anos" entre as causas do seu devalo electoral

Feijóo expuxo ante a prensa un roteiro que, di, inclúe o retorno á organización de "campañas" con "presenza na rúa" e "participación da xente", xa que "traballamos para a xente, pero hai moita xente que non o percibe así". A explicación aos xornalistas chegaba despois dun comité de dirección no que o propio presidente da Xunta evidenciou que algunhas das causas do devalo cómpre buscalas na abstención do electorado que tradicionalmente vota ao PP, ao trasvase de parte destes sufraxios a Ciudadanos e, asemade, a que o electorado máis mozos apoia maioritariamente opcións de esquerda, nomeadamente as mareas que gobernarán A Coruña, Santiago ou Ferrol. Ademais, segundo informa Faro de Vigo, Feijóo incluíu entre as causas da perda de votos ao PP o "falecemento de máis de 100.000 galegos nos últimos catro anos".

Rueda apunta a Orozco e Besteiro

Mentres Feijóo non aclara se seguirá ou non en Galicia unha das persoas máis recorrentemente sinaladas como posible sucesor, o vicepresidente e secretario xeral, Alfonso Rueda, reproduce o discurso de "autocrítica" manifestado polo seu xefe de filas pero, ao tempo, aposta por enfocar a atención cara ao PSdeG, partido que, malia baixar en votos, verá incrementado o seu poder institucional. Así, nunha entrevista na TVG o número dous dos conservadores carga contra o líder dos socialistas, José Ramón Gómez Besteiro, e contra o alcalde de Lugo en funcións, Xosé López Orozco, por exploraren vías para artellar unha coalición que impediría que o PP goberne na cidade lucense, onde se mantivo como lista máis votada  pero perdendo 3 edís e 7.000 votos.

O número dous do PP carga contra o PSdeG por explorar a posibilidade dun pacto en Lugo e augura que o actual alcalde acabará "no Senado"

Mentres os socialistas lucenses inician os contactos con Lugonovo para exploraren un posible pacto de goberno, para o que a plataforma esixe a marcha de Orozco, Rueda augura que o PSdeG "enviará" o rexedor lucense "ao Senado" e que o fará con duplo obxectivo: "garantirlle o aforamento e gobernar con Podemos en Lugo", di, nun contexto no que o socialista nunca estivo aforado ata o momento e no que, asemade, Podemos non concorreu aos comicios do 24-M.

Segundo Rueda a "situación" en Lugo "é un fiasco para aqueles cidadáns que votaron ao PP" porque "unha vez máis os perdedores están negociando para que non goberne a lista de Jaime Castiñeira". Ao tempo, e despois de perder o control das deputacións da Coruña e Pontevedra e de non lograr a de Lugo, Rueda asegura que no seu partido estarán "moi atentos" á conformación dos novos entes provinciais para que non beneficien só os municipios nos que non goberne o PP.

Feijóo, durante o comité de dirección do PPdeG CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.