Orozco observa en "silencio intelixente" a partida de xadrez do futuro de Lugo

Orozco e Juan Carlos González Santín, secretario provincial e número 3 da lista, valorando os resultados CC-BY-NC-SA PSdeG

"Non o sei, agora estou metido completamente en sacar isto adiante, convencer os lucenses de que a nosa opción é a mellor". O pasado abril o actual alcalde en funcións de Lugo, Xosé López Orozco, respondía deste xeito en Praza Pública á pregunta sobre onde se vía "dentro de catro anos". Un mes despois, xa cos resultados electorais do 24M sobre a mesa, o veterano rexedor lucense contempla, como se dunha partida de xadrez se tratase, os movementos das negociacións para conformar goberno na cidade. Nesta partida el é a peza que reclaman os grupos que teñen a chave do goberno. Tras unha semana en segundo plano o socialista reapareceu fugazmente este luns para ratificar que se manterá nunha postura de "silencio intelixente" ata que sexa preciso.

As eleccións municipais deixaron un panorama moi fragmentado na capital da Muralla. O PP segue a ser a forza máis votada, pero perdeu 3 edís, case 8.000 votos e 13 puntos de apoio cidadán, unha caída máis pronunciada que a do propio PSdeG, que tamén ten 3 concelleiros menos cunha rebaixa de algo menos de 6.000 votos e uns 9 puntos. O resto da corporación divídese entre catro grupos máis dos que cando menos dous, Lugonovo e BNG, son necesarios para sumar a maioría absoluta que require a lei electoral para investir un alcalde distinto ao da forza máis votada. Eis a cuestión.

Lugonovo e BNG esixen a retirada de Orozco para abordar a negociación

Tanto a plataforma liderada por Santiago Fernández Rocha, con 3 edís, e o Bloque, con Rubén Arroxo á fronte e 2 escanos, esixen que Orozco renuncie á súa acta para comezar a negociar. "Reiteramos a nosa postura de non falar con imputados ou persoas con responsabilidade política en casos de corrupción tan graves como o da Pokémon", din dende Lugonovo. "O BNG non permite a presenza de imputados nos cargos institucionais", subliña Arroxo.

O PP, á espreita

Nesta conxuntura é na que Orozco opta polo silencio. Ante o risco de ser "escravo do que fale" opta por ser "dono dos meus silencios", di. "Vou gardar silencio durante este tempo para ver se se chega a algún tipo de solución" por parte dos negociadores nomeados polo seu partido, Luis Álvarez e Manuel Núñez. Álvarez, secretario xeral do PSdeG local e voceiro en funcións do goberno municipal, si vai alén do silencio para lembrar que o PP lucense está á espreita e que un fracaso das negociacións derivaría nun goberno dos de Jaime Castiñeira. Lugonovo e o BNG, di Álvarez, "deberan pensar seriamente" se os seus votantes "lles van perdoar que a Alcaldía de Lugo remate nas mans do PP".

Álvarez: "Non imaxino que, por posturas irrenunciables, poida resultar alcalde o señor Castiñeira"

"Que ninguén pense que o PSOE aceptará negociar que se poña sobre a mesa a renuncia de Orozco, é o noso candidato", reiterou en días pasados o socialista, que apela á "transparencia e claridade" ante a cidadanía para rexeitar que o actual alcalde abandone a escena. "Non imaxino un escenario no que, por posturas irrenunciables de partidos que nin de lonxe tiveron o noso resultado, poida resultar alcalde de Lugo o señor Castiñeira". "Daquela -resalta- esas forzas terían que ser quen desen explicacións", di Álvarez, quen ademais dubida de que "moitos militantes do BNG" ou "a xente de Lugonovo" prefiran un goberno dos populares antes que un encabezado por Orozco.

Castiñeira: "Mentres haxa unha posibilidade de que poidamos gobernar, ímola aproveitar"

Dadas as posturas, hai marxe para o acordo? As fontes consultadas por este diario indican que os posibles escenarios son aínda diversos, dende unha renuncia de Orozco para facilitar o pacto ata un goberno do PP en minoría sobre o que pairase a sombra da moción de censura dende o minuto cero. O que non se contempla arestora é que a dirección nacional do PSdeG exerza presión para forzar o abandono de quen asentou o partido nunha cidade que, antes de Orozco, fora na práctica un monocultivo dos conservadores, e nun escenario no que o político é lindeiro co emotivo e persoal. Mentres, Lugonovo celebran cadansúas asembleas este luns e martes e Castiñeira avisa: "Mentres haxa unha posibilidade de que poidamos gobernar o Concello de Lugo, ímola aproveitar".

Rocha (segundo pola dereita) e outros membros de Lugonovo CC-BY-SA Lugonovo
Arroxo (con camisola vermella) e membros do Consello Local do BNG CC-BY-NC-SA BNG
Jaime Castiñeira © PP Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.