Así será o primeiro goberno da Marea Atlántica

Un intre da 'Rede' da Marea, estes venres CC-BY-SA Sandra G. Rey / Marea Atlántica

Unha semana. É o que resta para que os resultados electorais do 24M se traduzan en novas corporacións municipais e, no caso da Coruña, para que a Marea Atlántica tome posesión do goberno da cidade. Na recta final deste período a plataforma que chegará a María Pita encabezada polo novo alcalde, Xulio Ferreiro, vén de definir a organización do seu primeiro goberno municipal, unha estrutura na que participan as 10 persoas electas como edís e que muda a distribución de competencias que viña funcionando no Concello.

O alcalde asumirá a área de Transparencia e a oficina de planificación económica

Segundo o aprobado na Rede da plataforma, celebrada no serán deste venres, Ferreiro dirixirá un goberno distribuído en catro áreas "transversais" e cinco "sectoriais". Unha desas grandes áreas transversais, a de Transparencia, será asumida polo propio alcalde, que tamén asumirá a "oficina de planificación económica". A de Igualdade e Diversidade estará baixo a dirección da socióloga Rocío Fraga e Medio Ambiente e Mobilidade Sostible terá á fronte dúas persoas que xestionarán cadansúas "sub-áreas": Medio Ambiente, dirixida pola técnica medioambiental María García, e Mobilidade Sostible, cuxo titular será Daniel Díaz Grandío, experto en topografía e territorio.

A cuarta área transversal será a de Participación e Innovación Democrática. A esta concellaría, indica a Marea, encomendaráselle "garantir o compromiso fundamental coa apertura do Concello á cidadanía" e a creación de "crear fórmulas e órganos de participación". Estará dirixida por Claudia Delso, mediadora cultural, mestra de psicomotricidade e "experta en autoxestión e prácticas colaborativas".

O Goberno da Coruña estará asentado en catro grandes áreas: Transparencia, Igualdade e Diversidade, Medio Ambiente e Mobilidade e Participación e Innovación Democrática

Xunto ás catro grandes áreas funcionarán os devanditos cinco departamentos sectoriais: Rexeneración Urbana e Dereito a Vivenda, dirixida polo arquitecto Xiao Varela; Xustiza Social e Coidados, que englobará o ámbito dos Servizos Sociais baixo o mando da avogada Silvia Cameán ou Emprego e Economía Social, que terá á fronte a Alberto Lema. A estrutura complétase coa concellaría de Cultura, Deporte e Coñececemento, "un dos eixos do donamismo social" que estará a cargo do filólogo, escritor e programador do CGAI José Manuel Sande, e coa área de Facenda e Administración, cuxa titular, Eugenia Vieito, é licenciada en Dereito e traballadora da Universidade.

A plataforma cidadá coida que este deseño permite pór en marcha un goberno "forte, común, preparado, innovador e con sentidiño" que fará realidade o principio de "mandar obedecendo". "Trátase dun equipo solvente e serio, que en grande medida supón a entrada nas institucións dunha xeración taponada, pero con memoria, que achegará un aire novo á cidade", aseguran. Os dez edís terán dedicación exclusiva ao Concello e "todos e todas cumprirán o compromiso de non cobrar máis de 40.000 euros brutos" ao ano, aseguran.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.