0 Gardados para despois

Feijoo é "un gato doméstico coas uñas limadas” fronte aos recortes de Rajoy, segundo o PSdeG

Redacción | @prazapublica

Xoaquín Fernández Leiceaga, voceiro de Educación e Universidade do PSdeG, reclámalle ao presidente da Xunta que presente un recurso de inconstitucionalidade fronte ás tesoiradas no ensino e a invasión das competencias de Galicia. Esta reclamación farase efectiva nunha moción que será debatida no Pleno da vindeira semana, na que tamén esixe que non se suban as taxas universitarias e que se incrementen as bolsas de ensino para que “ninguén deixe de estudar por motivos de renda”.

Nesta moción, o responsable socialista insta á Xunta a defender as competencias propias en materia educativa diante dun decreto que supón un “ataque á calidade do ensino público universitario”. Reclamou a posta en marcha de tódolos mecanismos autonómicos para minimizar os danos deste decreto que lesiona o autogoberno de Galicia e mesmo invade a autonomía organizativa das universidades que blinda a Constitución.

Leiceaga pídelle a Feijóo “que reaccione” xa que “mentres foi un tigre contra as medidas do anterior goberno hoxe con Rajoy compórtase como un gato doméstico coas uñas limadas”

Tamén reclama que a Xunta non aplique a elevación do número de alumnos por aula mentres o decreto estea vixente, así como considerar as horas lectivas mínimas para o profesorado como as máximas a aplicar. Así, solicita unha marxe dentro das horas consideradas lectivas para que poidan cubrirse as baixas con recursos internos dos centros e, alí onde non sexa posible, garantir a cobertura usando as contratacións laborais e outras que habilita o decreto. Reclama que o Goberno galego tampouco aplique a redución da obriga legal de ofertar polo menos dúas modalidades de bacharelato, garantindo a oferta plural actual.

Leiceaga pídelle a Feijóo “que reaccione” xa que “mentres foi un tigre contra as medidas do anterior goberno hoxe con Rajoy compórtase como un gato doméstico coas uñas limadas”. Sinalou que o decreto de recortes “non ten quen o defenda” e advirte que a Xunta quere “gañar tempo” para aplicalo na súa totalidade logo dunhas eleccións autonómicas “que eles contan con gañar pero que nós contamos con que perdan”.

Leiceaga reclamoulle á Xunta que conxele as taxas universitarias en termos reais para que non suban mais do IPC e incremente as bolsas para que “ningún alumno cun expediente aceptable deixe de estudar por motivos de renda”

Finalmente, reclamoulle á Xunta que conxele as taxas universitarias en termos reais para que non suban mais do IPC e incremente as bolsas para que “ningún alumno cun expediente aceptable deixe de estudar por motivos de renda”. Advertiu neste sentido que o anuncio da Xunta de destinar 80.000 euros a bolsas para estudantes que vexan deteriorada a súa capacidade económica “dura menos cunha golosina na porta dun colexio” xa que o sistema universitario ten 70.000 alumnos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.