O PSdeG defende a negociación co BNG nas deputacións: "non é ningunha chantaxe"

Xuntanza da Executiva Nacional do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Unha "negociación", non "unha chantaxe". Mentres o alcalde socialista de Becerreá, Manuel Martínez, teima na postura que a pasada semana lle entregou ao PP o goberno da Deputación de Lugo a dirección do PSdeG continúa tentando xestionar o complexo escenario aberto tras este terremoto político con epicentro en Lugo. A Executiva Nacional dos socialistas galegos reuniuse este luns para abordar o escenario político e, a preguntas da prensa, a secretaria de organización, Pilar Cancela, evitou descargar no BNG as responsabilidades do acontecido.

Mentres os partidarios de Martínez, que este mesmo luns insistiu en que aspira a ser presidente do ente provincial lucense, presentan o rexedor de Becerreá como vítima dunha chantaxe, a número dous dos socialistas galegos desbota tal posibilidade. O "escenario" debuxado por Martínez "só o ve el", di Cancela, que desbota a posibilidade de apostar por que el sexa presidente tras non "acatar unha decisión política" do partido, a de cambiar de candidato para posibilitar o acordo co Bloque.

PSdeG e BNG dispóñense a retomar as negociacións para as deputacións da Coruña e Pontevedra

Ese troco, como calquera outro consenso posible cos nacionalistas, explica, foi froito "dun diálogo e dunhas conversas para conformar gobernos progresistas". E, neste caso, o BNG esixía a saída de Martínez por estar imputado xudicialmente. "Non é renderse a ningunha chantaxe ou presións, eles poñen os seus condicionamentos e nós poñemos os nosos". A única "diferenza", di, é que as condicións do PSdeG non son "públicas" e as do Bloque, si o son.

Martínez, indispensable para unha posible censura

Este martes prevese que ambas formacións retomen as conversas para tentar chegar a un acordo nas deputacións da Coruña e Pontevedra mentres, en Lugo, o Grupo Socialista na Deputación ultima a súa constitución cunha incógnita sobre a mesa: se o expedientado Martínez continuará ou non como deputado provincial do PSdeG. En caso de que el optase por pasar ao grupo de non adscritos a posibilidade de artellar unha moción de censura esvaería por completo, toda vez que a lei esixiría un voto máis para desbancar ao PP, e isto sería aritmeticamente imposible. Esta circunstancia, precisamente, é a que a efectos prácticos impide que o deputado díscolo sexa expulsado do PSOE.

Se Martínez sae do grupo socialista na Deputación o PP ficará blindado na presidencia ata 2019

Neste escenario, e tamén a preguntas dos xornalistas, Cancela prefire non entrar a valorar polo miúdo a posibilidade de que a actitude de Manuel Martínez non sexa só resultado da súa contrariedade por non ser candidato, senón tamén froito dalgún tipo de acordo co PP. "Non se me pasa pola cabeza valorar esa posiblidade", di a número dous de José Ramón Gómez Besteiro. En calquera caso, se nos vindeiros dous días Martínez decide desmarcarse oficialmente do PSdeG na Deputación lucense, o PP estará blindado na presidencia ata 2019.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.