De Lara atribuélle a Baltar contas falsas, suborno e delito electoral no caso da caixa B do PP

Baltar Pumar, nun mitin con Rajoy e Feijóo © PPdeG

"Falseamento de contas, suborno e delito electoral". Son os presuntos delitos que a xuíza Pilar de Lara lle atribúe a José Luis Baltar, expresidente da Deputación de Ourense e do PP nesa provincia. A instrutora do caso Pokémon vén de culminar o primeiro treito da investigación da suposta "caixa B" dos populares ourensáns, que xa dá por confirmada, e ante a necesidade de ter que remitir parte do caso -todo agás o directamente ligado á Pokémon- aos xulgados de Ourense por tratarse de delitos presuntamente cometidos na súa xurisdicción, concreta nunha causa separada os cargos que lle atribúe ao que fora barón provincial do PP, cargo que agora ocupa o seu fillo, tanto no partido como na Deputación.

Nun auto emitido o pasado día 25 e a cuxo contido tivo acceso Praza Pública a maxistrada indica que as investigacións de Vixilancia Aduaneira "corroboran" que, durante anos, o PP de Ourense manexou un "elaborado sistema de facturación falsa e ficticia" que viría encubrir gastos abonados con cartos en metálico procedentes de diversas empresas, entre elas, algunhas do grupo Véndex, compañía considerada centro da trama Pokémon. Baltar, afirma De Lara, era o "encargado de recoller persoalmente os cartos que diversas empresas abonaban, teoricamente, en concepto de doazón ao partido".

De Lara inicia dilixencias contra José Luis Baltar e remíteas aos xulgados de Ourense

As indagacións que a xuíza dá por referendadas  avanzaron, en boa medida, grazas ao testemuño do ex xerente do partido, Emilio Pascual. Así, a maxistrada explica que as "distintas empresas" ás que se dirixiu confirman que "de forma habitual" recibiron pagamentos en metálico do PP de Ourense. Do mesmo xeito, "empregados do partido" xa "recoñeceron" que eses cartos alleos á contabilidade oficial serviron para pagarlles "gratificacións extraordinarias", isto é, asobresoldos. Todo isto, indica, sucede sen que haxa "ningunha anotación contable nin movemento bancario que poida xustificar ditos pagamentos en efectivo".

Facturas a nome de candidatos

A hipótese de De Lara toma forma, ademais, a través das declaracións que Vixilancia Aduaneira lles tomou a diversos membros das listas electorais do PP ourensán nas municipais de 2011, cuxos nomes figuraban nalgunhas das facturas investigadas. Segundo estas declaracións os candidatos indican que "nunca concertaran servizo ningún coas empresas", polo que, indica a instrutora, "sería o propio partido quen fixo os encargos e quen, finalmente, abonou as facturas", o que implicaría "un delito de falsidade documental, sempre que sexan certas as aseveracións dos candidatos".

A xuíza ve corroborado que o PP ourensán contou durante anos cunha "estrutura paralela de xestión económica a modo de caixa B"

Só un candidato se afasta desta liña argumental. É segundo o auto, quen ata o pasado 24M exerceu como voceiro municipal do PP na cidade de Ourense, ademais de como home forte da Deputación, Rosendo Fernández. "Este -afirma a xuíza- manifestou que si recoñece a factura e que se corres co encargo realizado" a unha empresa de publicidade da cidade, á que lle pagou "en efectivo con cartos que tiña na súa casa e que, dende un ano antes, fora retirando da súa conta bancaria ante a previsión destes gastos". Para Vixilancia Aduaneira "as declaracións realizadas" por Rosendo Fernández "son carentes de toda lóxica e poderían indicar un desexo de encubrir o pagamento real efectuado polo partido".

Con todos estes "indicios" sobre a mesa a xuíza "presupón" que o diñeiro manexado "podería ter a súa orixe en fondos opacos ou 'B' a favor do PP de Ourense", que contaría cunha "estrutura paralela de xestión económica a modo de caixa B". Estes movementos de fondos, abonda, "realizaríanse con falta de transparencia e respecto das prohibicións e limitacións establecidas na lexislación reguladora do financiamento dos partidos políticos". Asemade, indica, "descoñécese" se o propio José Luis Baltar "puido estar lucrándose con este sistema", o que implicaría que tería cometido non só "un presunto delito de falseamento de contas, senón tamén de suborno".

Baltar e Feijóo, nun congreso do PP de Ourense CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.