Os 'alcaldes de aldea' serán elixidos democraticamente en Lalín

Rafael Cuíña, asinando o cesamento dos alcaldes pedáneos © Concello de Lalín

Democracia real, participación, elección directa dos representantes públicos, primarias abertas... A demanda dun papel máis activo da cidadanía na toma de decisións tomou un papel protagonista no debate político nos últimos anos. Probablemente é na xestión municipal, na política local, onde estas demandas de maior participación e capacidade de decisión se poden exercer con máis facilidade, pola inevitable proximidade entre representantes e representados, entre a veciñanza e o poder.

“Trátase de que entre aire fresco no concello e de que sexan os propios veciños os que participen de forma aberta e transparente, sen presións clientelares, na toma de decisións que lles afectan de forma directa”

O Concello de Lalín quere que os alcaldes e alcaldesas pedáneas, un total de 49 en representación das parroquias da localidade, pasen a ser elixidos e elixidas democraticamente, isto é: directamente polos veciños e veciñas en votación. Ata agora estes postos eran designados directamente polo propio Goberno municipal. Ademais, mudarase a súa denominación, pasando a chamarse alcalde ou alcaldesa de aldea.

A este posto de representación veciñal poderá presentarse calquera persoa que queira e sexa maior de idade, aínda que o concello quere darlle prioridade a aquelas que nunca antes ostentasen esa función

O alcalde, Rafael Cuíña (CxG) fixo este anuncio no momento de asinar o cesamento dos actuais pedáneos, que xa cesaran de oficio tralos comicios do 24 de maio. Cuíña destacou que “a entrada do novo goberno en Lalín implica un novo xeito de facer e de entender a política”. “Trátase de que entre aire fresco no concello e de que sexan os propios veciños os que participen de forma aberta e transparente, sen presións clientelares, na toma de decisións que lles afectan de forma directa”, sinalou o rexedor. Destacou que se buscará que os novos alcaldes e alcaldesas de aldea representen un "unhas actitudes máis acordes co século XXI" e "afastadas do concepto caciquil que había ata agora”.

Ábrese agora o proceso para elixir os novos e novas representantes das parroquias, que podería estar concluído nun prazo de entre seis e oito meses. A este posto de representación veciñal poderá presentarse calquera persoa que queira e sexa maior de idade, aínda que o concello quere darlle prioridade a aquelas que nunca antes ostentasen esa función.

Rafael Cuíña, asinando o cesamento dos alcaldes pedáneos © Concello de Lalín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.