O novo currículo galego de Bacharelato forza parte do alumnado a estudar relixión

Alumnado nun instituto galego © IES Rosais 2 (Vigo)

Desleixo ou discriminación? É a pregunta que paira sobre parte da comunidade escolar galega tras coñecer, esta semana, o novo currículo do Bacharelato, publicado no DOG o pasado 29 de xuño. Ademais de adaptar este treito do ensino secundario á LOMCE a nova regulamentación trae implícita preceptos que, na práctica, van forzar unha parte do alumnado a cursar a materia de Relixión Católica, que a coñecida como 'lei Wert' converteu en avaliable e computable para ámbitos como a media global das cualificacións.

Este privilexio da materia relixiosa non está explícito na norma, pero convértese nun feito á hora de escoller determinadas materias no primeiro curso de Bacharelato. Xunto ás áreas troncais -como as linguas, por exemplo-, o estudantado ten que seleccionar dúas ou tres materias entre once alternativas posibles. Esas materias teñen cargas horarias diversas -4, 3, 2 ou 1 horas semanal- e o total da elección ten que sumar 6 horas semanais. Deste xeito, o abano de combinacións é múltiple: unha materia de 4 e outra de 2, dúas de 3, tres de 2, ou unha de 3, outra de 2 e unha terceira dunha hora semanal. Esta última posibilidade é a que pode abocar ao estudo da Relixión, xa que é a única das obrigatoriamente ofertadas que ten esa carga horaria e a Administración non garante unha alternativa coas mesmas características.

O estudantado que elixa unha materia específica de 3 horas e outra de 2 vese abocado a escoller Relixión para completar a carga horaria que esixe a nova normativa

Isto é o que acontecería, por exemplo, cunha alumna que decida cursar as materias de Tecnoloxía Industrial I e Tecnoloxías da Información e da Comunicación I, cun estudante que elixa Anatomía Aplica e Cultura Científica ou con quen teña interese en cursar Linguaxe e Práctica Musical e unha segunda lingua estranxeira. En todos estes supostos, ao seleccionaren unha materia de 3 horas e outra de 2, non terían garantida a posibilidade de completar as horas esixidas sen asistir á materia relixiosa.

Neste escenario, tería a Consellería de Educación marxe de manobra para evitar a imposición da relixión pola vía dos feitos? Podería telo feito se, por exemplo, ao determinar as materias de libre configuración que son de competencia autonómica, incluíse entre as materias específicas unha materia alternativa á relixión cunha hora semanal. Ao non facelo, depende en última instancia de cada centro educativo a vontade ou posibilidade de ofertar ou non unha alternativa.

Reclamación sindical

Esta situación chega despois de que, durante a fase de alegacións ao decreto, xa existisen demandas para arranxar estea situación. Unha delas chegou dende o sindicato STEG, que ao comprobar que nada mudou no texto definitivo considera que "só existen dúas respostas posibles" á pregunta de "por que a Xunta non lexislou" ao respecto. "A primeira, a menos mala, é a ineptitude á que nos ten afeita esta Consellería". "A segunda, gravísima -din-, é o desprezo absoluto da Administración por un dereito básico, a non discriminación por razón de relixión". "De tratarse dunha situación que a Consellería non contemplou, debe rectificar este erro"; en caso contrario, advirten, "o STEG estuda emprender accións legais que contribúan a mellorar o xa avultado récord de sentenzas condenatorias" da Xunta no ámbito educativo.

O STEG reclamou contra este precepto no período de alegacións

A xuízo do STEG resulta "intolerable" que a Xunta apele "á tan manida autonomía dos centros" para responsabilizalos de que haxa ou non alternativa a relixión. É unha "falacia", afirman, porque "esquece a obriga da Administración para velar polo respecto aos dereitos fundamentais do alumnado". Neste caso, "non garante aos centros medios humanos necesarios para cubrir a posible demanda" de alternativa á relixión nin prevé que acontecerá se "quen non queiran estudar relixión" non sexan estudantes dabondo como para poñer en marcha unha nova materia.

"Mesmo no caso de os centros acorden ofertar outra materia dunha hora seguiríamos a ter unha situación discriminatoria"

"Mesmo no caso de que os centros acorden ofertar algunha materia dunha hora, como suxire a Administración, de non tratarse de contidos alternativos á relixión, senón doutra materia calquera, seguiríamos a ter unha situación discriminatoria", porque quen "acepte a relixión na escola" tería a posibilidade de "escoller entre dúas materias dunha hora" e "quen non acepta, só podería escoller unha ". Todo isto sucede, en última instancia, conclúen, pola "premisa falsa introducida pola LOMCE", segundo a cal "a Relixión é unha materia máis, como se a este país non tivese chegado a Ilustración".

Distribución horaria do Bacharelato, incluída no currículo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.