A Eurocámara apoia o informe sobre o TTIP tras un pacto de socialistas e populares

Votación do informe sobre o TTIP, en Estrasburgo CC-BY-NC-SA Parlamento Europeo

Totalmente eclipsado pola posibilidade real dun Grexit e pola presenza do primeiro ministro grego, Alexis Tsipras no Parlamento Europeo, este mércores cara ás 14 horas o hemiciclo de Estrasburgo votou e aprobou a súa opinión sobre o tratado de libre comercio e investimento que a UE negocia con Estados Unidos, máis coñecido como TTIP.

436 eurodeputados votaron a favor, 241 en contra e 32 abstivéronse sobre un informe cuxa votación foi atrasada hai un mes ante a incerteza de que puidese ser rexeitado

436 eurodeputados votaron a favor, 241 en contra e 32 abstivéronse sobre un informe cuxa votación foi atrasada hai un mes ante a incerteza de que puidese ser rexeitado. Agora votaron a favor case todos os representantes do Partido Popular Europeo, os liberais de Alde (onde están Ciudadanos, UPyD ou CiU) e unha maioría de socialistas, con bastantes disidencias. Os eurodeputados do PSOE fixérono a favor.

A gran coalición a tres bandas domina a vida política europea e a semana pasada logrou un compromiso que permitiu aprobar este mércores o denominado Informe Lange, así denominado polo seu relator, o socialdemócrata alemán Bernd Lange. O acordo afecta ao punto máis polémico, o relativo aos tribunais de arbitraxe investidor-estado, máis coñecidos como ISDS (polas súas siglas en inglés). O ISDS existe a día de hoxe a nivel bilateral (entre dous estados: hai máis de 1.600 acordos deste tipo) e xeralmente asínase entre un país rico e outro máis pobre para garantirlles seguridade xurídica ás multinacionais do primeiro.

O problema dos ISDS é que os tribunais non os compoñen xuíces tradicionais, senón que están formados principalmente por membros procedentes do sector privado

O problema dos ISDS é que os tribunais non os compoñen xuíces tradicionais (con oposicións, carreira xurídica, etcétera) senón que están formados principalmente por membros procedentes do sector privado (Cámara de Comercio de París ou outros organismos non públicos). Así que liberais, socialistas e populares pactaron unha emenda que di que a arbitraxe incluída no TTIP será un sistema “non discriminatorio” coas empresas locais ou estranxeiras do que formen parte “xuíces independentes” e que “non antepoña os intereses privados aos públicos”.

Toda a oposición ao tratado (Esquerda Europea, Verdes, Movemento 5 Estrelas italiano, a extrema dereita de Le Pen e un longo etcétera) asegura que a emenda introducida non acouta o efecto perverso dos ISDS. “O compromiso nace morto, porque o vicesecretario de Estado de Comercio de EEUU xa dixo que non aprobará un TTIP sen ISDS”, lamentou Lola Sánchez, de Podemos. O presidente da Eurocámara, Martin Schulz, cre en cambio que a “arbitraxe privada é cousa do pasado”. Na actualidade non hai ningún exemplo de arbitraxe pública nas relacións comerciais internacionais.

Foi Schulz o que hai un mes recorreu a unha case descoñecida disposición parlamentaria para adiar  a votación do informe Lange na Eurocámara. Moi criticado por iso, o que ocorreu foi que xusto antes da sesión plenaria do pasado xuño os socialistas agrupados no grupo de Socialistas & Demócratas (S&D) e os populares da PPE pactaron unha emenda practicamente idéntica á que se aprobou definitivamente este mércores. As críticas non tardaron en aumentar e moitos membros do S&D, entre eles os eurodeputados do PSOE, mobilizáronse para cambiar a emenda por outra que dixese explicitamente non ao ISDS.

O PP negouse, moitos socialistas rebeláronse e Schulz pospuxo o voto sobre a opinión do Parlamento Europeo, que serve para marcarlle as liñas vermellas á Comisión (a única que negocia en nome da UE). Agora, e coa negociación sobre Grecia ruxindo vivamente ao redor, o grupo S&D aceptou recuperar a emenda inicial. Con todo, votaron en contra unha cincuentena de socialistas. Por exemplo, os socialistas belgas votaron en bloque non ao informe do TTIP.

Os defensores do informe Lange destacan que outra das resolucións incorporadas mantén os niveis de protección existentes para os traballadores europeos, xa que hai unha resolución que obriga a Estados Unidos a respectar os estándares laborais da Organización Internacional do Traballo (OIT).

O Europarlamento ten potestade para tombar todo o TTIP unha vez conclúan as negociacións

A Eurocámara non pode negociar nin incorporar emendas ao tratado: simplemente elaborou a súa propia opinión para delimitar os poderes da Comisión e, supostamente, protexer os servizos públicos. Con todo, o Europarlamento si ten potestade para tombar todo o TTIP unha vez conclúan as negociacións.

 

Lidia Senra (AGEe) critica a "alianza neoliberal"

Para Senra, a emenda de compromiso "deixa a porta aberta á implementación destes pseudotribunais entre empresas e Estados"

A eurodeputada galega Lidia Senra (AGEe), que votou en contra do informe e dos tribunais de arbitraxe, coma todos os representantes da Esquerda Unitaria Europea, sinalou que este mércores "asistimos de novo á confirmación de que a grande alianza neoliberal está disposta a empregar todo tipo de artimañas para sacar adiante instrumentos cos que someter aos pobos baixo os intereses do capital". Senra denuncia que "para impedir o bloqueo do ISDS foi presentada polo autor do informe, o tamén socialista Bernd Lange, unha enmenda de compromiso -aprobada- que deixa a porta aberta á implementación destes pseudotribunais entre empresas e Estados"

"Temos a responsabilidade de seguir alertando de que a Unión Europea e os Estados Unidos están negociando un grande nivel de transferencia de soberanía dos pobos ás grandes corporacións transnacionais", destacou Lídia Senra. "De feito" -engadiu- "moitos dos recortes impostos á cidadanía pola Troika a través do Partido Popular, coma a restrición de dereitos laborais, os recortes en servizos públicos... ou medidas impulsadas directamente dende a Unión Europea, como a liberalización de sectores produtivos como o leiteiro, xa están na liña de preparar o terreo para este grande acordo que, se non paramos, convertiranos en persoas sen dereitos e escravas das multinacionais."

"Temos a responsabilidade de seguir alertando de que a Unión Europea e os Estados Unidos están negociando un grande nivel de transferencia de soberanía dos pobos ás grandes corporacións transnacionais"

"Estamos diante dun acordo que ataca a democracia", advertiu a eurodeputada galega, "que ataca o principio de precaución, os servizos públicos, os dereitos laborais, as pequenas e medianas explotacións agrarias, as pequenas e medianas empresas, e que aparta aos produtores e produtoras dos seus mercados locais e de proximidade".

Un cartaz contra o TTIP, durante unha sesión na Eurocámara CC-BY-NC-SA Parlamento Europeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.