A Xunta denega a activación do plan de emerxencia en Ferrol

A auga embotellada esgotouse antes do mediodía en todos os supermercados de Ferrol Dominio Público Praza Pública

Os concellos de Ferrolterra continúan sen poder usar auga da billa. E xa van 48 horas. Os niveis de trihalometanos, o químico subproduto da desinfección da agua con cloro, continúan fóra dos niveis correctos. "Nos depósitos parece que a situación xa está restablecida", explica o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, "pero nos terminais, que é a auga que se consume, aínda non". "Os técnicos falan de 24 horas máis para recuperar a normalidade, pero non hai certezas nisto. Pode ser que a reapertura se vaia dando por zonas ou concellos", engade.

"Tras tres días sen noticias da Xunta, para ser esta a primeira, non é moi esperanzadora"

En vista disto, Suárez pediu á Xunta que active o plan de emerxencia para poñer a disposición dos concellos afectados (Ferrol, Fene, Ares, Mugardos e Narón) os medios materiais e humanos precisos para garantir o subministro de auga durante os próximos días. Porén, a Xunta non está polo labor. O vicepresidente Alfonso Rueda contestoulle ao rexedor que "non se trata de activar plans alegremente", aínda que matizou que a cidadanía contará con todas as medidas que sexan precisas. "Xa veremos que recursos se poñen en marcha en función dos plans que se vaian activando", indicou Rueda. Ao fío das declaracións do vicepresidente, Suárez comentou que "tras dous días sen noticias da Xunta, para ser esta a primeira, non é moi esperanzadora". "Falei con Feijóo e coa conselleira de Sanidade, e claro, todo foron boas palabras, pero ningún tipo de axuda", engadiu o rexedor.

Por outra banda, a Fiscalía da Área de Ferrol abriu dilixencias de oficio sobre a situación do subministro de auga. O obxecto é esclarecer se a agua que se está subministrando representa un risco para a saúde. O primeiro paso será solicitar á empresa de augas ferrolá, Emafesa e ao Concello de Ferrol información sobre os acontecementos e determinar se hai responsabilidades penais."As dilixencias que abriu a Fiscalía servirán para esclarecer varias cuestións, entre elas se é certo o que dixo a voceira do PP de que a Xunta non fixo públicos os primeiros análises porque llo pediu Emafesa", declarou o alcalde. Pola súa banda, o Valedor no Pobo tamén abriu unha queixa de oficio. A institución dirixiu escritos para pedir información aos rexedores das localidades afectadas, instándoos a informar da situación e, en concreto, a coñecer as causas polas que Emafesa non corrixiu a situación con anterioridade.

"As dilixencias que abriu a Fiscalía servirán para esclarecer varias cuestións, entre elas se é certo o que dixo a voceira do PP de que a Xunta non fixo públicos os primeiros análises porque llo pediu Emafesa"

Toda a situación rematou por causar un cruce de acusacións polas responsabilidades derivadas. En Ourense, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, atribuíu o problema á "desidia" de Emafesa, por non tomar "as medidas que tiña que tomar". Asemade tamén fixo fincapé en que a responsabilidade é do concello e do alcalde, que é presidente da empresa mixta, que ten como socio privado a Urbaser. Pola súa banda, Suárez sostén que no concello non tiveron información do que ocorría ata "o mesmo día" que lles fixeron a restricción. "Ese mesmo día", sostén o rexedor, "a xefa territorial de Sanidade aseguroume que as analíticas había que facelas en Lugo, e que ata 6 días non se ían saber os resultados. Por fortuna, a presión da xente fixo que buscasen outro método". O alcalde amosa o malestar pola falta de información "nós enterámonos dos resultados pola web do Sergas, non nos remitiron nada, nin onde colleron as mostras, nin a comparación desas con outras doutro periodo, nin nada".

Jorge Suárez © Ferrol en Común

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.