Beiras emenda o concepto de nación de Errejón

O líder de Anova, Xosé Manuel Beiras e un dos fundadores de Podemos, Íñigo Errejón CC-BY-SA Praza Pública

O último debate das xornadas de Procesos Constituíntes de Podemos Galicia tivo como convidados á secretaria de plurinacionalidade e políticas públicas para o cambio de Podemos, Gemma Ubasart, a Ana Luisa Bouza, de Somos Nós, a Íñigo Errejón, do núcleo fundador de Podemos, ao portavoz de Anova, Xosé Manuel Beiras, ao ensaísta e profesor de Historia, Xavier Domenech e á parlamentaria europea de IU, Marina Albiol. O encargado de presentar foi unha das mans dereitas de Pablo Iglesias en Galicia, Antón Gómez-Reino.

Gómez-Reino sacou a colación o posible proceso constituínte que podería aveciñarse. Ubasart analizou esta posibilidade en base a dous fundamentos: por unha banda, o deseño institucional disfuncional do Estado Español e, pola outra, á ausencia de cultura plurinacional do Estado, que "complicou a comprensión da diversidade".

"Foi a elite a que introduciu a disfunción que permitiu a etapa constituínte"

Errejón sostivo que "xa estamos" nunha etapa constituínte. "Pero o cambio iniciárono as minorías privilexiadas, foi a elite a que introduciu a disfunción", explicou. Ao fío disto engadiu que "ao facer isto quebraron os acordos e os cidadáns comezaron a sospeitar do núcleo dirixente, que non dirixía para a maioría". "O que ocorreu despois foi que os cidadáns decidiron entrar en política en vez de marchar para a casa, e non apostaron por opcións reaccionarias, senón de máis democracia", explicou. A fin de ciclo para o membro de Podemos viría determinada por catro cuestións: a redistribución dos recursos económicos cara a cima da pirámide, enriquecendo aos máis ricos e empobrecendo aos demais; as institucións patrimonializadas polo partido que as goberna, con redes clientelares; os problemas da política co poder xudicial e a dinámica recente pola que os gobernos "centralistas ceden competencias a poderes non elixidos por ninguén pero, ao mesmo tempo, son celosos e recentralizan, como o teito de gasto imposto ás Comunidades Autónomas". 

"Os últimos anos da Restauración Bubónica, porque é como unha peste, coinciden cunha rebelión cívica"

Para Beiras a fin de ciclo é "mundial e, por suposto, da UE, abonda con mirar o que aconteceu con Grecia, porque no remate do ciclo hai dinosaurios que, ao dar coletazos de agonía, poden ferir moito". O nacionalista trasladou o marco ao Estado Español no que "os últimos anos da Restauración Bubónica, porque é como unha peste, coinciden cunha rebelión cívica". "E hai que deixar moi claro", proseguiu, "que en Galicia ese punto de partida non é o 15M, senón uns nove anos antes, co movemento do Nunca Máis". "Por arriba están esbarrullando o edificio e por abaixo estámolo dinamitando, vaia, que o réxime cae seguro", afirmou. O líder de Anova focalizou en tres axentes o cambio en Galicia. Por unha parte, nas "70 mareas que se presentaron ás eleccións baixo o paradigma da unidade popular", pola outra o "tecido asociativo, moi denso, que non apareceu por xeración espontánea, senón tras anos de loita". A terceira pata serían os "partidos, nacionalistas, ou non, que asumen que Galicia é un suxeito político soberano". "As mareas galegas foron un movemento nacional en forma de arquipélago", explicou Beiras, "e os partidos teñen que apartar e ser só motores auxiliares".

"As mareas galegas foron un movemento nacional en forma de arquipélago"

Para Albiol a "cuestión nacional no Estado Español cicatrizou mal porque o modelo de Estado, o das autonomías, non era unha vía para chegar ao federalismo senón, pola contra, un xeito de frealo".

A polémica do encaixe

Gómez-Reino preguntou aos poñentes cal debía ser a fórmula de encaixe dos suxeitos nacionais que encarnan o Estado Español. Nesta cuestión, Errejón desatou a polémica con Beiras, Bouza e Domenech. Este último defendeu que "a solución pasa polo recoñecemento da soberanía plena dos pobos, e ten que ser plena, porque é o único xeito de que sexa compartida". "O debate no caso catalán é o referendo", explicou Domenech, "e ten que habelo, pero para min o importante, máis que o momento do referendo é que a súa celebración implica o recoñecemento da soberanía dos pobos".

"A solución pasa polo recoñecemento da soberanía plena dos pobos, e ten que ser plena, porque é o único xeito de que sexa compartida"

No seu turno, Errejón puxo enriba da mesa varias cuestións. "O fundamental para un movemento constituínte é que haxa un horizonte compartido, no noso caso, un estado plurinacional". "A plurinacionalidade", continuou o membro de Podemos, "implica asumir que a Constitución do 78 só a podemos derrogar xuntos, despois que cada un faga o que queira, pero o poder concentrado nunha Constitución escáchase na escala estatal".  En relación á reflexión de Domenech argumentou: "A soberanía ten que ser dos pobos, si, e no caso do Estado Español, cantos pobos hai?". "E logo está outra cuestión", continuou, "existe Galicia, existe Cataluña, existe o País Vasco, pero España tamén existe como identificación nacional". Domenech respostou taxativamente: "Ti cres na nación española, pero eu son catalán".

"España tamén existe como identificación nacional"

Beiras colleu o micrófono para retrucarlle a Errejón. "Para empezar", dixo o nacionalista, "en Galicia xa hai un proceso constituínte". "A nación preexiste ao estado, porque se constrúe nun proceso sociohistórico e sociocultural e, cando unha nación se fai desde o estado, que é o caso do Estado Español, iso chámase chovinismo", afirmou. "No proceso constituínte do Estado, ten que aparecer o suxeito político da cidadanía galega, non podemos esperar ao que pase nas Cortes, porque iso sería mutatis mutandis, o estado autonómico.

"A nación preexiste ao estado e cando unha nación se fai desde o estado, que é o caso do Estado Español, iso chámase chovinismo"

Bouza colleu o exemplo da crise do sector lácteo para replicarlle a Errejón. "Nós somos nós e as nosas vacas", comezou. "As cousas irrelevantes para España, aquí son fundamentais e indispensables", proseguiu, "por iso é básico un grupo galego que represente os intereses da nación galega". "Dito grupo ten que ser garante de que pare a destrucción da nosa forma de vida, e ten a responsabilidade de contribuír á formulación dun Estado Español diferente", concluíu.

Os convidados da última charla das xornadas Procesos Constituíntes de Podemos CC-BY-SA Praza Pública
Público asistente á charla CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.