0 Gardados para despois

O PP veta debater no Parlamento se cómpre investigar a xestión de NCG

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Un atropelo democrático" que é "intolerable nun país avanzado". Con estes termos de fondo botou este martes a andar de novo a actividade ordinaria no Parlamento de Galicia. Son os empregados pola voceira parlamentaria do BNG, Ana Pontón, e o seu homólogo socialista, Abel Losada, para definir o "veto" dos representantes do PP na Xunta de portavoces á comisión de investigación sobre a xestión de Novacaixagalicia, solicitada polo PSdeG. A contrariedade dos grupos da oposición non reside no feito de que os conservadores se opoñan á investigación -"por suposto, a maioría decide se se crea ou non", sinala Losada- senón no feito de que eviten que chegue a discutirse sobre ela.

"Que teñen que esconder?", pregúntase o parlamentario do PSdeG, en cuxa opinión o veto só pode estar motivado por unha estratexia de ocultación ou ben pola pretensión "de que a comisión de investigación se desenvolva cando xa non haxa ninguén a quen pedirlle responsabilidades, cando o sistema financeiro galego estea desaparecido". "É imprescindible que lles expliquen a súa estratexia aos galegos" e digan "que teñen que esconder para facer un ataque democrático desta categoría", subliña Losada.

A irritación de socialistas e nacionalistas era respostada minutos despois polo voceiro do PP, Pedro Puy, para quen neste asunto "o fundamental é o presente e o futuro". Neste sentido, o popular xustifica a negativa en que Novagalicia Banco está en pleno proceso de "capitalización". A súa "viabilidade", di, "reside na capacidade de obter capital para substituír" os fondos do Estado e, na súa opinión, a investigación prexudicaría un proceso que, en calquera caso, ten escasas posibilidades de concluír con éxito -o Goberno central confirmou que a súa intencioń non é outra que vender a entidade galega-. "Xa o dixemos cando se debateu" sobre este mesmo asunto a finais de 2011, asegura, "estamos dispostos, cando se produza a capitalización".

Contraste coas peticións de Feijóo na oposición 

Feijóo, en 2007: "Que cada grupo teña dereito a impulsar dúas comisións por lexislatura"

O veto á investigación imposto agora polo PP contrasta coa proposta formulada por Alberto Núñez Feijóo en xullo de 2007 cando, como líder da oposición, propuxo reformar as vías para crear este tipo de comisións. Daquela, nun acto coas mocidades do seu partido, o actual presidente da Xunta puña sobre a mesa a petición de que "cada grupo teña dereito a impulsar dúas comisións de investigación por lexislatura sen necesitar o apoio do resto da Cámara".

De terse levado a práctica esta proposta, este martes o PSdeG teríase que ter limitado a iniciar os trámites para investigar a xestión e as indemnizacións en Novacaixagalicia. Non obstante, e atendendo ás palabras do propio Feijóo hai cinco anos, os conservadores non terían que supoñer un obstáculo para crear a comisión: “Nunca me negarei a que se investigue e aclare o que non está claro”, sinalaba entón.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.