Rocío Mosquera afirma que o custe do actual sistema sanitario é "imposible de asumir"

Feijóo e Mosquera, nunha imaxe de arquivo © Conchi Paz

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, afirmou este mércores que o "custe social e económico" do actual sistema sanitario é "imposible de asumir", unha situación da que responsabilizou á "falta de alfabetización en saúde" dos cidadáns. Mosquera, que participa no encontro Health literacy, empoderamiento de pacientes y ciudadanos, que se celebra esta semana na Universidad Internacional Menéndez Pelayo de Santander, chamou a tomar medidas "a medio e longo prazo" para asegurar a sostibilidade do sistema, segundo recolle Europa Press.

Mosquera fixo fincapé na"falta de alfabetización en saúde", que leva a "unha inadecuada xestión da enfermidade, un mal uso dos recursos preventivos, un incremento das hospitalizacións, maiores riscos sanitarios e un aumento da taxa de mortalidade"

Na súa intervención, a máxima responsable da sanidade galega, fixo fincapé nesa "falta de alfabetización en saúde", que leva a "unha inadecuada xestión da enfermidade, un mal uso dos recursos preventivos, un incremento das hospitalizacións, maiores riscos sanitarios e un aumento da taxa de mortalidade". Criticou, igualmente a "falta de información" manexada polos cidadáns nesta cuestión, ou a súa inexactitude: "Adoitan acudir a Google, onde non existe ningún control de validez e certeza dos contidos".

As súas palabras, sobre todo a súa rotunda conclusión sobre o futuro do actual sistema sanitario, recibiron xa as primeiras críticas por parte dos sindicatos que representan o persoal sanitario en Galicia. CCOO-Sanidade cualificounas de "contraditorias" ao comparalas "con investimentos privados de alto custe como o novo hospital de Vigo, onde deixan a Vigo coas mesmas camas hospitalarias e un déficit de preto de 1.400 millóns de euros a pagar en 20 anos". Ou "contraditorias cando pensan en mercar camións para cirurxías ambulatorias por un valor de 1,7 millóns de euros, que poden ser destinados a melloras das actuais instalacións". Neste senso, CCOO afirma que "Galicia necesita un cambio de médico" e "gastar os cartos onde verdadeiramente se necesitan, mellorando os recursos: persoal, camas hospitalarias, infraestruturas, e non en apostar polas privatizacións e recortes".

As súas palabras, sobre todo a súa rotunda conclusión sobre o futuro do actual sistema sanitario, recibiron xa as primeiras críticas por parte dos sindicatos que representan o persoal sanitario en Galicia

CIG-Saúde en Vigo acusa a Mosquera de "cargar contra a sanidade pública" e sinala que "cada vez que vai fóra de Galiza abre a boca para interpretar o papel que lle ditan os sectores mais reaccionarios que buscan cargarse o sistema sanitario público". O sindicato tamén critica que a conselleira "tachou de analfabetos aos usuarios da sanidade e aos profesionais porque son incapaces de xestionar a enfermidade e a saúde por facer mal uso dos recursos". Tamén a agrupación lucense de CESM Galicia respondeu as palabras de Mosquera cun tuit no que, ante o diagnóstico de "insostible" ofrecido para o sistema sanitario, sinalan que "a insostible é ela".

Feijóo e Mosquera, nunha imaxe de arquivo © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.