Lugo suspende o sistema da ORA ata 2016

O sistema da ORA non volverá estar operativo ata os primeiros meses de 2016 © Concello de Lugo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou estes xoves a suspensión cautelar do sistema da ORA, atendendo a sentenza xudicial que hai case un ano anulou o contrato coa empresa concesionaria, Doal, do grupo Vendex, investigado no marco da operación Pokémon. Os condutores e condutoras lucenses non terán que pagar por aparcar na rúa nos vindeiros oito meses, o tempo que se estima que se prolongará o proceso de redacción e aprobación dun novo concurso e a súa adxudicación. O Concello buscará o “máximo consenso co tecido asociativo e empresarial, e co resto de grupos políticos” en todo o proceso e despois do verán a rexedora manterá reunións cos colectivos da cidade

O anuncio foi saudado pola Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti e pola Federación de Asociacións de Comercio. Tamén o PP celebrou a medida, sinalando que o Grupo Vendex ingresou máis de 5,2 millóns de euros nos últimos seis anos, a través da recadación da ORA, 3.8 millóns dende que o seu contrato co Concello foi anulado pola Xustiza.

Pola contra, Lugonovo, BNG e ACE expresaron as súas críticas. Lugonovo amosou a súa "sorpresa polo sixilo e nocturnidade coa que se comunicou a noticia, exclusivamente ós medios e sen ter en conta ó resto dos grupos da corporación municipal". A formación afirma que "ese procedemento nos leva a pensar que o equipo de goberno utiliza a xestión municipal de xeito partidista a modo de cortina de fume para tapar as súas vergonzas xudiciais, priorizando o populismo a unha xestión eficaz dos recursos de tódolos lucenses".

En termos semellantes expresouse o BNG, que declarou que o anuncio de suspensión do sistema ORA "é unha cortina de fume ante os graves problemas que ten o PSOE en relación ao proceso do Garañón".

Finalmente, Alternativa Cidadá de Esquerdas apostou pola municipalización da ORA, como a mellor forma de garantir os dereitos laborais dos e das traballadoras. A formación tamén se preguntou "por que se tardou tanto en executar o ditado da xustiza?" e "a quen lle estaban pagando realmente os lucenses durante todo este tempo?"

O sistema da ORA non volverá estar operativo ata os primeiros meses de 2016 © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.