Un manifesto de moz@s pide tamén a unidade da esquerda galega de cara ás xerais

A cidadanía ateiga unha manifestación en Galicia CC-BY CIG

Un novo manifesto pide a confluencia das forzas políticas galegas nacionalistas e da esquerda rupturista de cara ás eleccións xerais. Desta vez, trátase de xente nova, algunha sen militancia partidaria e outra de diferentes partidos ou organizacións estudantís, a que asina un documento con 150 firmas iniciais.

O manifesto de 150 sinaturas de mozos -sen militancia ou de diferentes organizacións- pide "a unidade nacional galega ás xerais"

"Mocidade pola unidade nacional galega ás Xerais", di o manifesto Tempo de Unión que viu a luz un día despois da manifestación unitaria polo Día Nacional de Galicia. "É o momento de dar un paso adiante. Ante esta crise de lexitimidade do sistema opoñemos o seguinte lema: a conquista do poder político. Estamos dispostas e dispostos a saír a gañar, queremos xogar ata o final, e queremos ocupar o noso propio espazo na partida", di o texto, que "reclama" ao "total das forzas galegas de esquerdas, de cara ás eleccións xerais, o mesmo compromiso de unidade de acción que amosa diariamente noutros eidos de acción social". 

"É o momento de dar un paso adiante. Ante esta crise de lexitimidade do sistema opoñemos o seguinte lema: a conquista do poder político"

O manifesto avoga por "unha resposta propia aos nosos problemas". "Queremos participar con sentido do internacionalismo, mais tamén queremos a mellor solución aos nosos problemas. É por iso que reclamamos ás forzas galegas de esquerdas, así como a colectivos sociais e cidadanía non organizada, que actúen tamén de forma autónoma, con independencia doutros centros de decisión e defendendo sempre os nosos intereses", asegura un documento que sinala que "co tecido produtivo desfeito – estaleiros desarticulados, sector lácteo e sector pesqueiro desestruturados, falta de investimento, ausencia total de industrias relevantes – á mocidade galega só lle queda unha saída: a emigración".

Por iso, insisten na unión de forzas políticas, sociais e cidadás que "ante un modelo esgotado" aposten por unha confluencia da esquerda galega e desde Galicia. "É o momento de dar un paso adiante", insisten. 

 

CxG pon a Marea Atlántica como "exemplo para construír unha Marea Galega"

Por outra banda, Compromiso por Galicia (CxG), formación que tamén aposta por unha lista unitaria da esquerda galega ás xerais, puxo a Marea Atlántica da Coruña como exemplo "para construír unha gran Marea Galega". Así, o secretario xeral do partido galeguista reuniuse co alcalde da cidade por esa formación e destacou o goberno local polo "liderado municipal que están exercendo poñendo as persoas e as súas necesidades"

Ademais, Bascuas indicou que outro dos cometidos desta xuntanza era “trasladarlle persoalmente a resolución do noso Consello Político Nacional” de promover “unha plataforma cidadá galega, unha Marea Galega” para as vindeiras eleccións xerais que sirva para propiciar un cambio político, institucional, económico e social e para garantir que Galicia teña voz propia no novo escenario político que se abre no Estado.

Bascuas cre que unha futura Marea Galega "debería parecerse ao que foi a Marea Atlántica"

O líder galeguista cre que “é a cidadanía quen ter que exercer esa responsabilidade, e que as organizacións políticas debemos ser simplemente instrumentos, dando cobertura e achegando o que se nos vaia solicitando de cara a chegar a esa ampla maioría social que quere un cambio político”. Este amplo movemento , “que adoptando o nome que adopte, debería parecerse ao que foi a Marea Atlántica da Coruña, onde quen se puxo diante a liderar foi a cidadanía e detrás a empurrar as organizacións políticas, sen veto a ninguén”, debe cristalizar, “nun lugar onte todos e todas nos sintamos cómodos e cómodas”.

A cidadanía ateiga unha manifestación en Galicia CC-BY CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.