BNG e CxG negocian xa na procura dunha "candidatura de país, galega, ampla e plural"

Xuntanza entre BNG e CxG CC-BY-SA BNG

Delegacións de Compromiso por Galicia (CxG) e BNG, encabezadas polos seus máximos dirixentes Xoán Bascuas e Xavier Vence, reuníronse este luns en Compostela, dentro da liña de diálogo de cara á creación dunha futura candidatura galega de confluencia para as vindeiras eleccións xerais. Ambas as dúas formacións emitiron un comunicado conxunto no que "coinciden na necesidade dunha candidatura galega, ampla, plural, con importante protagonismo da cidadanía para garantir unha representación potente de Galiza como nación nas cortes do Estado".

BNG e CxG coinciden na "necesidade dunha candidatura galega, ampla e plural, con importante protagonismo da cidadanía"

A xuntanza chega logo de que Anova e Podemos-Galicia se reunisen tamén a pasada semana tamén na busca de colaboracións. O deste luns é o "primeiro contacto formal" entre CxG e Bloque "co obxectivo de pór en común as posicións de cada organización en relación coas próximas eleccións xerais".

Tanto BNG como CxG entenden que, "precisamente nun momento en que é posíbel que se abra o debate sobre mudanzas políticas na estrutura do Estado", é necesario "que Galicia conte cun Grupo Parlamentario galego, sen dependencias externas, para falar con voz propia e para defender os intereses do noso País".

As dúas forzas concordan tamén na necesidade de que esa hipotética candidatura galega "sexa construída aquí, sobre a base dun amplo proceso social inclusivo e participativo que, para alén das forzas políticas, sexa capaz de integrar a multiplicidade de persoas e colectivos que están por unha profunda mudanza política democrática que supoña o recoñecemento dos dereitos nacionais de Galicia".

Bloque e Compromiso aposta por unha candidatura "construída aquí" e cun "amplo proceso social inclusivo e participativo"

En todo o caso, CxG e BNG, din ser "conscientes" de que se está "aínda no inicio dun proceso de debate en que participan diversos actores políticos e, por tanto, inevitablemente complexo", polo que acordan "manter abertas de forma permanente as canles de comunicación para continuar o diálogo e procurar os elementos en común que faciliten chegar ao obxectivo dunha candidatura de País nas próximas xerais".

Xavier Vence, voceiro nacional do BNG CC-BY-SA BNG
Bascuas, nun acto de partido CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.