O Comité Intercentros da CRTVG cualifica o pacto PP-PSdeG de "atentado ao pluralismo"

Sede da CRTVG Dominio Público Praza Pública

O Comité Intercentros da CRTVG únese ás críticas lanzadas por AGE e BNG ante o acordo acadado entre o PPdeG e o PSdeG para renovar o Consello de Administración do ente, un pacto que lles outorga aos populares 4 membros e 2 aos socialistas. Para o Comité Intercentros da CRTVG este acordo "representa un grave atentado ao pluralismo existente no país ao deixar fóra do órgano de administración da CRTVG aos grupos parlamentarios de AGE, BNG e mixto, mesmo en contra do criterio de proporcionalidade".

Para o Comité Intercentros, "a gravidade do acordo acrecéntase ao blindar a maioría absoluta do Partido Popular no Consello de Administración por un período de cinco anos, a só un ano das eleccións autonómicas"

A representación legal do persoal na CRTVG cre que "o pluralismo, como dereito fundamental da cidadanía, debe expresarse tanto nos contidos dos medios públicos como na xestión dos mesmos, sendo este último garantía daquel".

Para o Comité Intercentros, "a gravidade do acordo acrecéntase ao blindar a maioría absoluta do Partido Popular no Consello de Administración por un período de cinco anos, a só un ano das eleccións autonómicas". Mesmo nunha hipotética mudanza na composición do Parlamento, no que o Grupo Parlamentario Popular perda a súa actual maioría, este pacto "podería supoñer o bloqueo á renovación do órgano de goberno dos medios públicos con tan só manter esa forza política 25 escanos", sinalan.

"Omítese a aprobación do estatuto profesional e do consello de informativos co fin de garantir a profesionalidade e a independencia dos contidos, ou a regulación do dereito de acceso dos grupos sociais"

Engaden que "o carácter partidista da decisión de PPdeG e PSdeG, allea ao interese xeral, maniféstase na súa parcialidade ao non incorporar outros aspectos fundamentais regulados pola Lei 9/2011, de 9 de novembro, dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia". Por exemplo, sinalan, "non se inclúe a elección dun novo director ou directora xeral por maioría cualificada de dous terzos, que garanta a súa imparcialidade". Tampouco se aborda "a aprobación do mandato marco que asegure un financiamento estable, unha garantía de produción propia interna e o mantemento dos postos de traballo na CRTVG". Finalmente, "omítese a aprobación do estatuto profesional e do consello de informativos co fin de garantir a profesionalidade e a independencia dos contidos, ou a regulación do dereito de acceso dos grupos sociais e políticos significativos do país como condición necesaria do pluralismo".

"Non se inclúe a elección dun novo director ou directora xeral por maioría cualificada de dous terzos, que garanta a súa imparcialidade"

O Comité Intercentros fai un "chamamento á responsabilidade e o esforzo de todas e todos co fin de acadar un consenso amplo, que integre á totalidade das forzas políticas con representación parlamentar", para "desenvolver a Lei no seu conxunto e garantir dunha vez por todas uns medios públicos galegos independentes, plurais e de calidade", e "unha radio e unha televisión públicas ao servizo do interese xeral da cidadanía galega".

Sede da CRTVG, en Santiago © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.