A proximidade das eleccións volve poñer sobre as mesa os problemas para votar dende o exterior

Protesta contra o voto rogado © Jül2001

As eleccións xerais celebraranse en decembro, probablemente os días 13 ou 20, atendendo ao obrigado calendario de aprobación parlamentaria dos Orzamentos Xerais do Estado fixados polo Goberno de Mariano Rajoy. As contas públicas de 2016 poderían quedar definitivamente aprobadas entre o 19 e o 23 de outubro no Congreso, abríndose nese momento os prazos legais necesarios para a convocatoria de eleccións. Se os comicios fosen oficialmente convocados o 23 de outubro, os 54 días fixados na Lei Electoral como mínimo legal entre a convocatoria e a votación levarían as urnas ata mediados de decembro, un mes no que nunca se celebraron eleccións xerais en España.

A data de convocatoria dos comicios é importante para fixar unha serie de prazos e procedementos necesarios para que as persoas que se atopan do estranxeiro, de forma temporal ou permanente, poidan exercer o seu dereito ao voto. A Marea Granate, colectivo que agrupa a españois residente no exterior, sobre todo xente nova e exiliados económicos, denunciou a pasada semana que milleiros de persoas quedaron sen votar nas eleccións autonómicas do pasado mes de maio por mor dunha serie de irregularidades, nomeadamente polos limitados prazos de recepción de papeletas, pola imposibilidade de realizar a maior parte dos trámites a distancia, ou polo peche do censo sen previo aviso dous meses antes da convocatoria de eleccións.

O censo será o vixente a 1 de agosto. Só serán contabilizadas no censo aquelas persoas que se deron de alta no CERA anteriormente á data do peche

O rogo (ou solicitude) do voto pode realizarse dende a convocatoria de eleccións ata 25 días despois. Neste caso, o prazo chegaría ata o 15 ou 18 de novembro

  1. Censo. A data da publicación da convocatoria (ao redor do 20 de outubro) marcará o día do peche do Censo Electoral vixente do CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes, é dicir, os permanentes). O censo será pechado o día primeiro do segundo mes anterior á convocatoria, é dicir, entre 2 e 3 meses antes da mesma. Se a data das eleccións é o 13 ou o 20 de decembro, o censo será o vixente a 1 de agosto. Isto significa que tan só serán contabilizadas no censo aquelas persoas que se deron de alta no CERA anteriormente á data do peche, quedando fóra as que se rexistren posteriormente. O censo electoral vixente pode ser consultado nos consulados seis días despois da convocatoria dos comicios, e durante un prazo de oito días. Neste prazo tamén poderán formularse reclamacións sobre os posibles erros en datos do censo. Aquelas persoas inscritas no CERA posteriormente á data de peche do censo e que polo tanto quedaron fóra, poderán reclamar neste período a súa inclusión no mesmo.
  2. Rogo do voto. O rogo (ou solicitude) do voto pode realizarse dende a convocatoria de eleccións ata 25 días despois. Neste caso, o prazo chegaría ata o 15 ou 18 de novembro. As persoas inscritas no CERA poden rogar o seu voto enchendo o impreso que se lles enviará ao seu domicilio (que tamén pode obterse por internet). As persoas non inscritas no CERA están obrigadas a rexistrarse como non residentes (ERTA, residentes temporais). Neste caso, o rogo é presencial no consulado. Marea Granate recomenda rexistrarse unha vez fosen convocadas as eleccións para facer ambas as xestións (rexistro e rogo) dunha soa vez.
  3. Envío de papeletas e Voto. Unha vez recibido o rogo de voto, as persoas residentes no exterior recibirán no seu domicilio por correo certificado as papeletas e os sobres coas instrucións, como máximo 34 días despois da convocatoria (ata o 27 de novembro, aproximadamente) naquelas provincias onde non fose impugnada a proclamación de candidatos, e nas restantes, 42 días despois (ata o 5 de decembro, aproximadamente). Poden votar en urna as persoas inscritas no CERA; as votacións teñen lugar en embaixadas e consulados entre o cuarto e segundo día (ambos inclusive) anteriores ao día das eleccións. Poden votar por correo todos (CERA e ERTA). Os residentes CERA poden enviar o seu voto aos consulados ata cinco días antes dos comicios. Os residentes ERTA deben remitir por correo certificado o sobre coa papeleta de voto e o certificado de votación, nunha carta dirixida á mesa electoral da súa circunscripción.

 

Denuncia de obstáculos e irregularidades

Marea Granate critica o peche do censo sen previo aviso, algo que se volveu repetir para estas vindeiras eleccións xerais

A Marea Granate denuncia un amplo abano de obstáculos e algunhas irregularidades que está a dificultar a votación das persoas que por un ou outro motivo se atopan no estranxeiro, sobre no caso daquelas non censadas como residentes ausentes. En primeiro lugar, critica o peche do censo sen previo aviso, algo que se volveu repetir para estas vindeiras eleccións xerais. Explican ademais que, unha vez que se convocan os comicios, só hai una semana para que se subsanen posibles erros de rexistro, ou a notificación de cambio de domicilio. Este proceso ten que facerse necesariamente nas sedes dos Consulados e normalmente as oficinas só abren un día festivo -o sábado- nesa semana, de xeito que é habitual que ese día se produzan grandes esperas para que os e as votantes poidan subsanar erros. Marea Granate salienta que na convocatoria das eleccións andaluzas houbo fileiras de máis de hora e media no consulado de París.

Fan fincapé, sobre todo, na "negación da inscrición como residente temporal, case única alternativa para todos aqueles que quedasen fóra polo peche do censo"

Fan fincapé, sobre todo, na "negación da inscrición como residente temporal, case única alternativa para todos aqueles que quedasen fóra polo peche do censo". Salientan que unha circular do Ministerio de Exteriores lles esixiu aos Consulados negar a inscrición como residente temporal a todos aqueles que levasen máis dun ano residindo no país, ou que a pesar de levar menos tempo establecesen a súa residencia habitual no mesmo. "Esta interpretación estrita dos requisitos para ser considerados residentes temporais, sumada á aleatoriedade dos criterios de cada consulado, causou que esta inscrición fose negada a moitos emigrantes", sinalan.

Tamén subliñan as dificultades para as inscricións consulares a distancia, destacando que consulados como Copenhague, Hamburgo o Zurich eliminaron esta posibilidade. Critican igualmente a "chapuza da aplicación telemática para o rogo de voto, que deu numerosos problemas e fallos" e que obrigou o colectivo a elaborar unha guía para tentar minimizar estas eivas.

Consulado de España en Washington DC CC-BY Bruno Sanchez-Andrade Nuño
Protesta contra o voto rogado © Jül2001
Acción da Marea Granate © dontcoveryoureyes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.