A confluencia abócase a dúas listas malia o "último esforzo" que reclaman persoeiros da cultura

Pilar Fernández e Xabier P. Docampo © Manifesto pola Unidade

Galicia está abocada a dúas candidaturas da esquerda. Dúas listas autoproclamadas de unidade que non serán unitarias. Á falta da decisión de Compromiso por Galicia (CxG) -que o vindeiro sábado votará como concorrer ás xerais- Anova, Cerna, Espazo, Equo, EU e Podemos apostaron no foro organizado polo Encotro Cidadán por unha Marea Galega pola construción dunha candidatura unitaria nun documento que insiste en manter a porta aberta á "incorporación doutros axentes políticos e sociais". 

Pero as portas semellan totalmente pechadas a un acordo global, agás para os cambios de bando a última hora de pequenas formacións. O "veto" denunciado polo BNG e por Iniciativa pola Unión (IxU) ao reducirse a convocatoria do foro a estes oitos partidos acabou por ser o golpe definitivo a unha confluencia que xa naceu golpeada. 

Un grupo de persoeiros da cultura lanza un manifesto no que piden "un último esforzo urxente" por unha lista unitaria

Malia que dunha e doutra banda dan xa por desbotado un acordo unitario da esquerda rupturista e do nacionalismo, un grupo de intelectuais e persoeiros da cultura vén de lanzar outro manifesto na que reclaman "un último esforzo urxente" ás plataformas, axentes e partidos que manteñen as conversas pola confluencia para lograr unha "candidatura unitaria que consiga para o noso país un grupo parlamentar propio no parlamento español, levantada sobre os nosos problemas e necesidades e cun ambicioso programa social".

Insisten, ademais, en non aceptar "perder as esperanzas" nin unha "ruptura" do "proceso aberto".  "Pedímosvos aos partidos, plataformas e todo canta entidade que o desexe volver sentar a falar para acordala", din, para engadir que "ninguén ten dereito a derramar a nosa esperanza".

"Ninguén ten dereito a derramar a nosa esperanza", insisten nun texto asinado por Pereiro, Rivas, Docampo, De Toro ou Uxía 

"Esa esperanza non é só duns poucos, é de moita máis xente. Non hai tempo nin se precisa máis, esta semana é a máis axeitada para facelo. Queremos a candidatura", reclaman  nun texto aberto a novas achegas e asinado, entre outros, por Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo, Suso de Toro, Manuel Rivas, Rosa Aneiros, Pilar Fernández, Uxía, Xurxo Souto, Xosé Luis Armesto, Víctor Freixanes, Federico Pérez, María Reimóndez, Alfredo Conde, Manuel Bragado, Henrique Monteagudo, Xoán López Facal, Margarita Ledo Andión, Dionisio Pereira, Ubaldo Rueda Soto, Tareixa Navaza, Vítor Vaqueiro, Miguel Anxo Murado, Xavier Paz, Xosé María Álvarez Cáccamo, Xosé Manuel Pereiro, Pepe Barro, Francisco Fernández Naval, Xerardo Dasairas Valsa e Braulio Amaro. 

Mentres, e malia todo, Xosé Manuel Beiras, coordinacionar nacional de Anova, non pecha porta a un acordo final aínda que critica aos que practican o "egoísmo partidario". "Isto non rematou, aínda ten que dar algunhas voltas", dixo este martes no Parlamento, convencido de que "o proceso está en marcha" e de que "aínda non se fracasou". 

Beiras mantén a porta aberta ao acordo pero critica os partidos que practican o "egoísmo partidario"

Beiras aludiu á ausencia do BNG no foro convocado polo Encontro e asegurou que "hai dirixentes políticos da esquerda que non teñen o nivel necesario para ter claro que aquí hai un enemigo principal ao que hai que derrorar, pór paus nas rodas neste contexto é xogar a favor dese enemigo". O tamén vicevoceiro de AGE cargou contra partidos que se centran en "cuestións de todo secundarias cando non simplemente de egoísmo partidario". Ademais, insistiu en que é clave que "ningún partido apareza como protagonista, poque iso é incongruente co suxeito que se está a construír, plural e diverso".

Pilar Fernández e Xabier P. Docampo © Manifesto pola Unidade
Xosé Manuel Beiras, líder de Anova © Óscar Corral

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.