A TVG contradí o seu comité interempresas e os traballadores "que se din represaliados"

A xornalista Ana Pérez, durante o informativo de protesta CC-BY-SA Merixo

O pasado 10 de outubro boa parte do persoal da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) secundaba unha folga contra a nova lei dos medios públicos, daquela en fase de tramitación parlamentaria. Poucos días despois o comité interepresas da compañía alertaba de que un dos actos desa protesta tivera consecuencias en forma de "represalias". Os presentadores do Telexornal Ana Pérez e Alfonso Hermida, que representaran un informativo na compostelá Praza do Toural expoñendo as súas razóns para rexeitar a nova normativa, foran "apartados" da condución do especial da TVG sobre as eleccións xerais do 20 de novembro.

Case tres meses despois desta denuncia dos representantes dos traballadores -que aseguraban que os presentadores coñeceran a "represalia" a através "de directivos e persoal con responsabilidades en el programa"- a compañía contradí por completo o relato dos feitos, tanto do comité interempresas como das "persoas que se din represaliadas". Faino a través dunha resposta parlamentaria a unha pregunta da vicevoceira do BNG, Ana Pontón, que inicialmente se tramitou como oral pero que foi respostada por escrito a causa do remate do período de sesións ordinario, no mes de decembro.

Nese documento o ente público comeza contradicindo á propia deputada, xa que, di, "as premisas nas que se apoia" a súa pregunta "non se axustan á realidade". "Non se produciu ningunha represalia polo día de folga convocada contra a lei sobre a CRTVG que promoveu o Parlamento", afirma a compañía, para engadir despois que "ningún presentador/a foi apartado das súas funcións, senón que todos continuaron realizando o labor que lles foi encomendado para a presente temporada dos informativos".

No que atinxe á cobertura das eleccións xerais, a dirección dos medios públicos galegos acusa tamén implictamente o comité interempresas de ter mentido. Segundo o reflectido na resposta, "ningún presentador da TVG fora convocado" nas datas da folga "para o exercicio de tarefas concretas" sobre o proceso electoral, xa que "aínda non se elaborara o Plan de Cobertura" dos comicios. Nesta liña, abonda, "unha das persoas" nas que se centra a denuncia -Ana Pérez e Alfonso Hermida- "nin sequera fora consultada sobre a súa dispoñibilidade para o 20 de novembro", conclúe a resposta.

Así as cousas, a dirección da CRTVG, que dirixe o xornalista, Alfonso Sánchez Izquierdo, considera que "non se vulnerou ningún dereito fundamental de ningún traballador" como consecuencia da folga nin dos actos de protesta celebrados.

Os xornalistas Ana Pérez e Alfonso Hermida, durante o informativo de protesta CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.