A xuíza da Pokémon investiga a "procedencia" das fotos de Feijóo e Marcial Dorado

A imaxe de Feijóo e Dorado, na capa de El País © El País

Entre as moitas horas de escoitas telefónicas incluídas no sumario do caso Pokémon non todas elas ofrecen información directamente ligada á presunta trama corrupta. Ben ao contrario, das conversas derivan múltiples fíos a respecto da vida interna dos partidos, de manobras políticas e mesmo de conflitos persoais que despois tiveron repercursións na vida pública. Entre os asuntos que derivan colateralmente da investigación que instrúe a xuíza Pilar de Lara está un que provocou todo un terremoto político no país, as fotografías de Alberto Núñez Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado. As imaxes, tomadas en 1995, foron publicadas polo xornal El País en marzo de 2013 e a maxistrada quere saber se proceden dunha investigación policial ou xudicial.

Segundo un auto ditado o pasado 11 de agosto e a cuxo contido tivo acceso Praza Pública a xuíza tomou esta decisión tras interrogar, en calidade de testemuño, ao avogado Luciano Prado, irmán da ex voceira do PPdeG, Paula Prado. Segundo consta na parte do sumario sobre a que xa non pesa o segredo Prado confirmoulle a existencia das fotos a quen viña de ser destituído como xefe de gabinete da Alcaldía de Santiago, Ángel Espadas. "Había fotos, que as vin", dicíalle en abril de 2012 Prado a Espadas, nunha conversa na que asegura que a cúpula do PPdeG e mesmo representantes do PSdeG coñecía que as imaxes estaban a circular. A súa publicación antes das eleccións, vaticinaban, podería chegar a provocar que os conservadores "perdesen a Xunta".

O irmán da ex voceira do PP, testemuño no caso, asegurou coñecer as fotos un ano antes de que fosen publicadas por El País

Diante destas gravacións De Lara interrogou a Luciano Prado o pasado 29 de xullo -no interrogatorio participou como avogado o ex alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, representándose a si mesmo no caso, no que está imputado- e, "á vista da manifestación prestada" e da devandita conversa telefónica, "na que revela ver ese mesmo día" as fotografía, a maxistrada cre necesario "determinar se se puido cometer ou non un delito de revelación de segredos e, no seu caso, acordar a incoación de dilixencias previas e a inhibición ao órgano xurisdiccional competente".

Neste contexto a instrutora encoméndalle a Vixilancia Aduaneira que "informe" sobre "a procedencia das fotografías do señor Núñez Feijóo con Marcial Dorado que foron publicadas nun medio de comunicación" e "se tales fotografías foron incautadas nalgunha investigación policial ou xudicial". "Se as mesmas formaban parte dalgún expediente ou atestado policial" os axentes deberán especificar de que caso se trata. Os investigadores terán que recompilar toda esta información e emitir "informe extenso e detallado" para "determinar se se puido cometer ou non algún delito de revelación de segredos ou outra clase de infracción".

Feijóo, xunto a Marcial Dorado, nunha das fotografías de El País © El País
A imaxe de Feijóo e Dorado, na capa de El País © El País

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.