A Xunta encarga agora como “urxente” un “centro de datos único e fiable” sobre as persoas usuarias de residencias

Vacinación fronte á COVID nunha residencia de maiores CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego admite que a COVID “puxo de manifesto debilidade importantes, especialmente en relación coa coordinación co sistema sanitario” e obrigou a solucións “de continxencia” con revisións manuais de listados 

A Xunta carece dun centro de datos “único e fiable” sobre as 20.000 persoas que residen en centros de maiores ou as que tamén o fan en centros de discapacidade e mesmo das usuarias de centros de día. Así o admite o Goberno galego na documentación oficial coa que agora encarga como “urxente” por preto dun millón de euros un sistema informático que lle permita englobar toda a información sobre esas persoas e que “deberá ser utilizado en ao redor de 500 centros residenciais e de discapacidade públicos e privados (con e sen prazas concertadas)”. Un único sistema que poña solución ás “debilidades importantes, especialmente en relación coa coordinación co sistema sanitario” dos múltiples sistemas actuais, que segundo admite obrigaron no último ano a solucións “de continxencia” ou revisións manuais de listados nun proceso “non exento de erros”.

Descrición que fai a Xunta do proceso de identificación de persoas usuarias de centros de maiores durante a pandemia CC-BY-SA Praza Pública

O novo sistema “deberá ser utilizado en ao redor de 500 centros residenciais e de discapacidade públicos e privados (con e sen prazas concertadas)”, incluídos centros de día e ocupacionais

A memoria xustificativa do concurso público que agora lanza a Xunta sinala que “a información social ten gran relevancia na atención da saúde” e que “un dos primeiros elementos para conseguir que a atención sociosanitaria sexa unha realidade é a coordinación dos sistemas de información”. “A correcta identificación e trazabilidade da persoa residente en centros socio-sanitarios é algo fundamental como base da organización de todo programa aplicable ao colectivo, non só en tempos de pandemia”, di, pero admite que “a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID19 puxo de manifesto “debilidades importantes” na coordinación co sistema sanitario e “está a supoñer un intenso traballo de todos os axentes implicados e a posta a proba dos sistemas con solucións, moitas veces, de continxencia”.

“Os residentes cambian de localización, ben sexa por altas voluntarias, por traslados a outros centros residenciais, estancias hospitalarias habituais, traslados aos Centros Residenciais de Coidados Integrados”, di a memoria, que tamén engade que “é habitual a apertura ou peche, temporal ou definitivo, de centros residenciais”, de xeito que “o censo tanto de residentes como de residencias é algo vivo”. Por iso, argumenta, “dispor dun censo global e actualizado de todas as persoas residentes” que estea “integrado co sistema de dependencia e cos sistemas sanitarios” para o “seguimento individualizado” de cada persoa “resulta completamente clave no contexto actual” e será “a base sobre a que sustentar todas as accións de ámbito global ligadas á implantación do novo modelo integrado de atención socio-sanitaria no que está a traballar a Consellería de Política Social”.

A Xunta admite como unha das dificultades para dispoñer de datos homoxéneos sobre as persoas atendidas é "a complexa división organizativa do sistema galego de servizos sociais"

O prego de condicións técnicas para a elaboración do sistema informático apunta que “unha das dificultades procede da heteroxeneidade das tipoloxías dos centros (respecto da súa titularidade e modalidade de xestión: públicos, privados, públicos con xestión privada, privados con prazas concertadas; respecto do perfil de usuarios atendidos: maiores, discapacitados, autónomos, persoas con distinto grao de dependencia; respecto do seu tamaño: dende grandes complexos residenciais ata vivendas e fogares residenciais) e a complexa división organizativa do sistema galego de servizos sociais, con participación de múltiples entidades titulares de residencias”. O novo sistema deberá dar cobertura a toda esa variedade de residencias, incluídos os centros de día, centros ocupacionais para discapacidade ou vivendas comunitarias.

Unha residencia de maiores © DomusVi

O novo sistema, no que a Xunta está diposta a gastar preto dun millón de euros, non comezará a estar operativo ata dentro dun ano

Durante a pandemia, sinala o prego, a identificación das persoas “levouse a cabo a través de listados, cruces con diferentes sistemas de información e contacto directo cos centros, sendo ese proceso laborioso e non exento de erros”. “ A elaboración puntual dun listado precisa ser revisada manualmente ante cada nova petición de cambio, polo que non resulta un modelo de traballo eficiente”, engade, e di que “por estes motivos impulsouse a implementación dun sistema inicial de censo de residentes (e por conseguinte de centros) global e centralizado (chamado CENRES) que deberá ser evolucionado tomando en conta as diferentes casuísticas”. E enuméranse diversos procedementos a ter en conta como a denominada Historia Social Única Electrónica, o Sistema Galego de Atención á Dependencia o sistema corporativo de soporte aos centros da propia Consellería de Política Social. 

O novo sistema, que non comezará a estar operativo ata dentro dun ano, deberá “homologar” e unificar a información de todos eses e outros sistemas de información en 500 centros de todo tipo de toda Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.