Alfonso Rueda: “A medida máis urxente é non apartarse do camiño e seguir reducindo o paro”

Dominio Público Praza Pública

A SÚA QUENDA, SEÑORÍA

Cal é a súa principal motivación para optar a entrar no Parlamento?

A mesma que me levou a entrar en política: a vocación de servizo público. Tentar ser útil a Galicia e aos galegos, e que mellor lugar que no Parlamento de Galicia e formando parte dun proxecto como o que encabeza Alberto Núñez Feijóo.

Por que a cidadanía debería votar por vostedes?

Porque os cidadáns saben ben como xestionamos. Os nosos feitos nos avalan, presentámonos con compromisos cumpridos e cun proxecto de continuidade e de estabilidade. No 2009 España e Galicia estaban nunha situación complicadísima, e os cidadáns elixiron maioritariamente ao PP para tentar superar esa situación, enderezar o rumbo e levar Galicia  a bo porto. Foron anos difíciles, de crise, nos que mantivemos os servizos esenciais pese ás dificultades. Mentres outros pechaban camas, plantas de hospital e mesmo hospitais enteiros, en Galicia fomos quen de construír novos hospitais públicos, como o de Vigo, e de planificar outros, como o de Pontevedra. Os cidadáns déronnos a súa confianza e nos respondemos con feitos, hoxe estamos saíndo da crise mellor preparados, con máis e mellores servizos públicos, a economía medra e xérase emprego. E fronte ao que está a pasar no Estado, Galicia é estable. Cremos que  a cidadanía debe votar por nós para que Feijóo siga levando a Galicia a bo porto, para seguir a ser unha excepción e para seguir a medrar e xerar emprego.

Cal é a medida máis urxente que precisa o país despois do 25-S?

A medida máis urxente pasa por non apartarse do camiño que xa se emprendeu e seguir reducindo as cifras do paro, que son a prioridade absoluta para a Xunta de Galicia. Pese á crise, agora hai menos paro que cando accedemos ao goberno en 2009. Fronte a esa garantía de xestión temos a incerteza dun multipartito, e todos recordamos o que foi o bipartito. Se dous non se levaban ben, imaxine o que será que tres ou catro partidos que non se aturan, como se está vendo en Madrid, se teñan que poñer de acordo para gobernar Galicia.

Nota da redacción: Ademais das entrevistas e cuestionarios publicados nas últimas dúas semanas, Praza.gal solicitou, co gallo da campaña electoral, entrevistar o candidato do PP á Xunta, Alberto Núñez Feijóo, así como cuestionarios cos cabezas de lista do partido pola Coruña e Ourense. Estas solicitudes non foron atendidas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.