"Cambiar en Pontevedra sería volver atrás, a unha cidade anodina da que marchaba a xente"

Lores, durante a entrevista con Praza Pública CC-BY-SA Praza Pública

Miguel Anxo Fernández Lores fala con paixón, con frases que máis ben son fervenzas. Tras lograr ampliar a representación municipal do BNG nas eleccións do 24M o alcalde de Pontevedra emprega a mesma vehemencia para defender a súa ideoloxía e identidade nacionalista como para explicar con pragmatismo o modelo urbano que o seu goberno vén desenvolvendo. Dende o seu despacho, na céntrica rúa Michelena, convida a observar o que acontece ao abrir a fiestra: "escóitase falar á xente. Antes, por aquí pasaban 14.000 coches ao día", ilustra para resumir un proxecto de cidade que, afirma, non é "ningún milagre", senón resultado do "sentido común", de tomar "decisións políticas" malia ás resistencias e de "non facer tolerías como poñer un transporte público que non leve a ninguén". "Hai que facer cousas, ser sensato e contar coa xente", tamén vencer o "conservadurismo" que, admite, ás veces xorde nas propias filas.

Vimos dunhas eleccións nas que se falou moito de cambio. No entanto, en Pontevedra os cambios foron na oposición, na que se resituaron as forzas, mentres o grupo de goberno aumentaba a súa representación. Como leu este resultado?
Nós somos un goberno alternativo, sempre o fomos. Agora estase falando, por exemplo, da relixión e da separación Igrexa-Estado e nós levámolo facendo dende hai tempo. Somos un goberno democrático, con gran participación, cun modelo urbano punteiro no mundo... Aquí non hai que cambiar, haberá que profundar na transformación dunha cidade feita para as persoas, que é exemplo internacional e mellora a calidade de vida dos cidadańs, que é a función dos alcaldes. Temos un concello saneado, que paga a provedores, que xera actividade económica... E que é a única cidade que ten crecemento vexetativo positivo. Algunha expectativa xeraremos na xente para que a xente se decida a vivir e ter fillos aquí. O que pasa é que se tentan vender outras cousas.

"Se eu vivise en Madrid, se cadra estaba na órbita de Podemos, porque é unha resposta a un sistema corrupto; pero nós estamos aquí e xa aplicamos un modelo crítico e insubmiso"

Eu valoro positivamente eses procesos alternativos. Se eu vivise en Madrid, se cadra estaba na órbita de Podemos, porque é a resposta ante un sistema corrupto. Pero nós aquí estamos elaborando un modelo alternativo absolutamente crítico e insubmiso coas decisión que o capitalismo internacional aplica no mundo, no país e en Pontevedra en particular. Nós tomamos decisións contra ese sistema, como non aceptar o recorte das pagas extraordinarias ou seguir dando servizos. Por que aquí eses movementos alternativos o peso doutros sitios? Porque o Goberno municipal de Pontevedra está facendo o que ten que facer e porque o BNG foi historicamente crítico co sistema. Outra cousa é se fomos quen de transmitirllo á cidadanía; nós estamos no goberno e temos máis capacidade de chegar á xente. Os cidadáns apostan por un goberno que xera confianza coa súa xestión municipal e que ademais está ao tanto das posicións críticas e de cambio do sistema. Isto percíbese así, cun modelo urbano que a cidadanía sente como seu. Polo tanto, cambiar para que? Para volver a ese modelo de Pontevedra anodina e triste da que a xente quería marchar?

A respecto desas medidas máis simbólicas, como esa separación entre Igrexa e Concello, nos municipios nos que se comeza a facer agora xorden hostilidades e resistencias. No seu momento, en Pontevedra tamén atopou esa hostilidade pola banda dos poderes fácticos da cidade?

"Eu represento os cidadáns en cuestións administrativas e civís, pero non no relixioso; o Concello está para o que está"

Si, pero eu creo que a cidadanía valora a coherencia. Nós dende o primeiro momento dixemos que aquí hai unha sociedade moi elitista que é o Liceo Casino, que fai “puestas de largo” e esas cousas. Eu son respectuoso cos seus socios, pero o alcalde non participa desas cuestións. Aquí hai entidades e tradicións relixiosas nas que nós non participamos; nós dixemos que o voto a San Sebastián o debe facer unha autoridade relixiosa ou quen a autoridade relixiosa considere. Eu represento os cidadáns en cuestións administrativas e civís, pero non no relixioso, con independencia das miñas crenzas. Tampouco imos aos touros, mentres que antes o alcalde ía aos touros, a súa dona agasallaba puros e regalaban entradas. Nós devolvímolas xa na oposición e no goberno o que fixemos foi un convenio para utilizar a praza de touros 360 días ao ano para facer eventos deportivos, concertos e o que consideremos conveniente. A raíña das festas, a Semana Santa... sempre fomos moi claros con estas cuestións, e iso é coherente nunha cidade tradicionalista, pero que sabe que o Concello está para o que está. A xente sábeo e non houbo grandes problemas. Tamén houbo problemas con algúns sectores a respecto das peonalizacións, pero agora a xente decátase de que esta é unha cidade na que agora a cidadanía e a vida na rúa é o importante. Nós non enganamos a ninguén.

Cre un erro identificar as mareas como un todo?
Creo que a oposición, a crítica, o cambio de modelo para este país ten que partir deste país. Para min, trasladar cousas que veñen de fóra, por moi modernas que sexan, creo que ten pés de barro. En todo caso, pode ser a remodelación dunha esquerda estatal, ou ao mellor un recambio do Partido Socialista. Eu son nacionalista e defendo que somos nós, tomando as decisións de aquí, os que temos que cambiar o que haxa que cambiar. Os intereses de Galiza non os vai defender ningunha forza que non teña os pés na terra. Se veñen achegar cousas, benvidos sexan. Pero se veñen na mesma liña que estaban outros que gobernaron sempre aquí e non estamos de acordo, pois teranos enfronte, que lle imos facer. Nós apoiamos a todas mareas e forzas alternativas que apareceron polo país para gobernar fronte ao PP. Aquí, a única forza que votou contra a miña investidura foi esa.

"Nós apoiamos as mareas e forzas alternativas para gobernar fronte ao PP; aquí, a única forza que votou contra a miña investidura foi esa"

É un pouco estraño nun Concello absolutamente democrático e transparente. Mesmo poderían estar na Xunta de Goberno, con voz e voto. Obviamente non van levar cuestións fulcrais no funcionamento do Goberno, pero si poderían levar algunha xestión, sen ningún problema. Pero dinnos que non temos case nin dereito a cobrar. Pois non. Sexamos sensatos. Eu valoro que haxa forzas políticas que defendan as súas posición, trataranse os temas que queiran, pero nós temos a responsabilidade de gobernar.

Hai algo paradigmático neste tema: Nesta cidade hai a reivindicación dunha circunvalación libre de peaxe dende hai vinte anos. Fixéronse distintos trazados, levouse o máis lonxe posible da cidade... E agora hai un proxecto parcial, fixéronse as alegacións para corrixir defectos medioambientais. Pero eu non me podo opoñer  algo que levo pedindo toda a vida. Ou o tratamento de lixo a través da compostaxe: agora danse as condicións para facelo polo cambio da lei do solo, a parroquia vota por unanimidade que se instale alí, pero opóñense a isto. Pero isto ten que ir para adiante; se non vai adiante en Pontevedra, hai que olvidarse de poñela en ningún sitio de Galiza. Nós facemos as cousas con sentido común.

Fala do modelo urbano de Pontevedra, premiado en múltiples ámbitos nos últimos anos. Como valora que o presidente da Xunta poña en dúbida eses premios?
Vou poñer un exemplo: ao premio ONU-Hábitat, que entrega a ONU, presentáronse 4.500 proxectos. No Estado español presentáronse 100 proxectos e seleccionáronse 50 no Ministerio de Fomento que foron considerados como boas prácticas. Dentro deses había proxectos da Xunta de Galiza, tamén da Junta de Andalucía, de Madrid e doutros lugares. Eses 50 proxectos foron a Nairobi, á sede de ONU-Hábitat, xunto a outros 400, e alí un xurado internacional seleccionou os 50 mellores. En Dubai, outro xurado elixe once proxectos e o único de Europa foi o de Pontevedra. Cando o recibimos felicitáronme a ministra de Fomento e Feijóo, pero despois en campaña dinse moitas parvadas. Como non vai valer o premio se el se presentou? Sería ridículo.

Tamén nos deron o premio da Fundación Bloomberg en Nova York, déronnos o premio Intermodes polo Metro Minuto, déronnos dous premios pola seguridade viaria... Isto é unha realidade porque, por exemplo os datos que temos de seguridade viaria están entre os cinco mellores do mundo, os datos de Pontevedra só resisten comparación con Oslo, Chicago, Oxford de algún distrito de Sidney.  Non nos dan premios por criterios políticos e dánnolos aínda que, por exemplo, non haxa ningún financiamento europeo para as peonalizacións, todo é para as smart cities e todo iso.

"A N-550 pasaba polo centro histórico, con 28.000 vehículos ao día; agora non pasa ningún, puxemos árbores"

O que hai que facer é eliminar coches, reducir a velocidade e acalmar o tráfico. Agora abrimos a fiestra e escóitase falar á xente. A estrada N-550 pasaba polo centro histórico, 28.000 vehículos ao día. Agora, ningún, puxemos árbores. Isto, como o explicamos? Pódese facer, pero hai que tomar decisións políticas para facelo. E se poñemos escusas, non se fai nada. E todo o mundo sabe o que hai que facer: cidades habitables, feitas para as persoas. Dáse premios a cidades por reducir a contaminación un 10% e nós reducímola un 90% e un 60% no conxunto da cidade. Imos fóra e non o cren. Entón, cal é o cambio que hai que facer? Volver cara a atrás? Que o vehículo privado ocupe o espazo público para vinte persoas? E se tes tres coches, tes que ter tres espazos? Eu estou namorado desta cidade e encantado co que estamos facendo, porque sei que a xente quere que o fagamos, aínda que houbese oposición mediática e política. Pero non é o que pensa a sociedade. E a cidade medra, porque hai calidade de vida. Eu estou moi orgulloso, pero aínda temos que mellorar, porque non chegamos a todos os sitios.

Neste sentido, un dos retos que ten a cidade por diante, aínda que non dependa directamente do Concello, é a cuestión da permanencia de ENCE. Achegámonos a 2018 e semella que nada vai cambiar...
Isto é unha auténtica falta de vergoña. Os propietarios de ENCE mercárona cando xa sabían que había unha data de caducidade, mercaron un derrubo cunha rendibilidade máxima, co consello de administración como único beneficiario. Dende 1988, cando se aprobou a lei de costas, houbo 30 anos para buscar unha alternativa. Quen a ten que buscar? A empresa. Quen o ten que decidir? A Xunta, que é a que pode facer polígonos industrais.

A Xunta apela á cuestión laboral e aos datos da EPA.

"Eu aspiro a que nos terreos de ENCE estea a praia de Pontevedra; non se pode presionar a xente con 250 postos de traballo"

Eu sempre poño un exemplo esaxerado dun cadriño dos empregados dunha funeraria que dicía: “morra hoxe, non agarde a mañá”. Aquí pecharon empresas de 300 traballadores porque a Xunta non lles pegaba e ninguén puxo o berro no ceo. Pero aquí, como hai un consello de administración cunha ex ministra de Medio Ambiente... Ese é un espazo marítimo-terrestre recuperable e eu aspiro a ter aí a praia de Pontevedra. Hai que sacar iso de aí e dedicar ese espazo con lecer, con marisqueo... Por iso pelexamos por isto, aínda que non sexa competencia nosa. E estou convencido de que o vai funcionar vai ser a demanda da xente; o PP nestas eleccións dixo que había que mantela e o resultado está aí. Non se pode presionar a xente con 250 postos de traballo, é o vixésimo oitavo sector en xeración de emprego na cidade. Faise moita demagoxia: eses postos de traballo valen pero os da administración, os da construción ou os dos medios de comunicación non valen?

Todas estas cuestións e moitas outras tamén están sobre a mesa na negociación das deputacións provinciais. Como ve o panorama, especialmente despois do acontecido en Lugo?

"Ninguén pode ter a mínima dúbida de que o PP vaia seguir presidindo a Deputación pola nosa culpa"

O de Lugo é unha cuestión persoal. O PSdeG e o BNG chegaron a un acordo e un señor, a título persoal, fixo un tamayazo. Iso pode acontecer sempre, igual que no BNG podería haber unha persoa que se corrompa, e se o houbese actuaría en consecuencia. Nas deputacións o BNG formula unha negociación a nivel galego, a min paréceme ben esa coherencia. Aquí, en Pontevedra, do que falamso é do que consideramos que deberíamos esixir para que haxa un cambio, que obviamente é necesario, porque hai unhas formas caciquís de actuar. As condicións van ser sobre as regras de xogo, sobre a equidade no trato... Imos poñer unhas regras de xogo, pero obviamente non imos permitir que siga gobernando o PP, nunca o fixemos. Ninguén pode ter a mínima dúbida de que o PP vaia seguir presidindo a Deputación pola nosa culpa.

Todo isto dase nun ciclo electoral no que as eleccións xerais e as galegas están no horizonte. O escenario é moi efervescente e semella que o PP está nun fin de ciclo. Como interpreta este panorama?
Eu creo que vai haber unha gran transformación. Xa se notou nas europeas e notouse máis nas municipais agás nalgúns lugares. Eu creo que vai haber forzas emerxentes e a min paréceme importante que haxa representación galega a nivel de Estado. Eu sería partidario de que haxa unha candidatura galega sempre e cando saibamos que vai facer alí, cuns principios moi claros. As cousas deben ser planificadas, porque os saltos no baleiro e os avances en falso son contraproducentes. Se podemos ter unha representación que defenda os intereses do país por riba de todo, moi ben. E nas autonómicas, xa veremos.

Lores, nun intre da entrevista CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.