En Positivo destaca que os candidatos á Secretaría Xeral do PSdeG asumiron as súas "propostas de renovación"

Presentación de 'En Positivo' CC-BY-SA Praza Pública

A plataforma En Positivo reuniuse estes días con José Ramón López Besteiro e Manel Vázquez, os candidatos que, de reunir os avais necesarios, se presentarán en setembro á consulta para elixir novo secretario xeral do PSdeG. Os membros da plataforma fan un balance “moi positivo” das xuntanzas en tanto que os dous equipos mostraron o seu “absoluto respaldo” ao documento que lles foi entregado e que contiña propostas moi concretas referidos á renovación interna e programática do partido, segundo indicou o voceiro da platafoma, Jorge Nogueira.

“Son os candidatos quen aceptan os puntos básicos de rexeneración do partido propostos por nós, sen ofertas de contraprestacións”, explica Nogueira. Entre esas propostas ideolóxicas e programáticas figuran un galeguismo cosmopolita, incluínte e federalista, “que supere sucursalismos”; a defensa dunha economía produtiva que poña en valor os nosos sectores estratéxicos; a ordenación do territorio baseada na sustentabilidade; a defensa da igualdade de oportunidades e dos servizos públicos básicos e a reforma das Administracións para conseguir unha maior eficiencia.

En Positivo propón, entre outras cuestións, a elaboración dun código ético que sitúe ao partido como “o referente que nunca debeu deixar de ser”: listas abertas, non acumulación de cargos, sistematización das primarias...

No tocante á rexeneración orgánica, En Positivo propón, entre outras cuestións, a elaboración dun código ético que sitúe ao partido como “o referente que nunca debeu deixar de ser”: listas abertas, non acumulación de cargos, sistematización das primarias tanto para a elección de cargos orgánicos como institucionais, unha porcentaxe de avais para os procesos de elección non superior ao 5%; limitación de mandatos; a convocatoria dunha conferencia política e a reforma urxente da estrutura do Comité Nacional Galego para facelo máis democrático e participativo.

Nas xuntanzas informouse de que En Positivo "continuará realizando o seu traballo a medio e longo prazo ofrecendo as súas achegas" para seguir fortalecendo o partido “dende a crítica construtiva pero vixilantes de que os acordos se cumpran”. A este respecto os dous candidatos coincidiron en manifestar que “a presenza e traballo da nosa plataforma no futuro é Positiva”, explica Nogueira.

Xuntanza con Gómez Besteiro © En Positivo
Xuntanza con Manel Vázquez © En Positivo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.