Feijóo apadriña a ampliación do complexo eléctrico no que Iberdrola foi multada por manipular o prezo da luz

Feijóo e Sánchez Galán, na inauguración da central San Pedro II, nos Peares © Xoán Crespo

Foi unha das imaxes máis comentadas da primeira toma de posesión de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta, en abril de 2009. Tras meses de durísimas críticas ao concurso eólico do Goberno bipartito, o flamante novo titular do Goberno galego fundíase nunha aperta co presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, en plena Praza do Obradoiro. Aquela fotografía é lembrada como reproche aínda na actualidade pola oposición parlamentaria -o PP defende que o seu líder non tiña especial relación co empresario e que non existía amizade ningunha ou influencia deste en decisións gobernamentais-, se ben nestes anos houbo outras moitas, menos espontaneas e máis oficiais. A última tomouse este mesmo martes na contorna natal do presidente galego, Os Peares, na inauguración da ampliación do complexo hidroeléctrico onde, segundo Competencia, Iberdrola manipulou o mercado eléctrico.

Feijóo e o presidente de Iberdrola inauguraron a central hidroeléctrica San Pedro II, nos Peares

A obra apadriñada polo xefe do Executivo galego foi, concretamente, a da central San Pedro II, un encoro do río Sil ao seu paso por Nogueira de Ramuín. Esta hidroeléctrica, indica Iberdrola, é o "broche final" dun proxecto de ampliación iniciado en 2008 no "maior complexo hidroeléctrico" de Galicia. A nova planta, detallan, "actúa como contraencoro" da central de Santo Estevo, "modulando o caudal do río Sil", e "permite aproveitar a ampliación executada en Santo Estevo", cuxas novas instalacións visitaron tamén Galán e Feijóo no ano 2013.

Foi precisamente nese ano, concretamente entre o 30 de novembro e o 23 de decembro, cando segundo a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), Iberdrola amañou os prezos do mercado eléctrico utilizando estas centrais da Ribeira Sacra e tamén as que explota nos ríos Douro e Texo. "Consciente da existencia dun escenario de elevada demanda ao que corresponde o mes de decembro", dicía a sanción, Iberdrola "decidiu retirar unha capacidade de produción" das centrais para "elevar o prezo do mercado". Estes acontecementos sucederon xusto antes da poxa eléctrica que o Estado acabou anulando por disparar os prezos.

Competencia multou a Iberdrola con 25 millóns de euros e a sanción foi suspendida cautelarmente pola Audiencia mentres resolve o fondo do asunto

Aquela conduta cualificada pola CNMC como "moi grave" foi sancionada cunha multa de 25 millóns de euros que o xigante eléctrico recorreu ante a Audiencia Nacional. En marzo do pasado 2016 o tribunal decidiu suspender cautelarmente o pagamento contra o criterio da CNMC e mais da Avogacía do Estado, que considerou a suspensión cautelar contraria ao interese público. A suspensión cautelar tornará en anulación se a Xustiza dá por válidos os argumentos de Iberdrola, que acusa a Competencia de basear a multa en interpretacións incorrectas, "hipóteses" e "xuízos de valor", ademais de asegurar que non obtivo beneficio ningún con aquela operación, segundo adiantara El País.

Discursos de Feijóo e Galán

O presidente da Xunta afirma que infraestruturas coma esta "permiten reducir un dos principais gastos que teñen que soportar os fogares"

Fronte a este turbulento episodio e mentres proliferan os receos cara ás grandes compañías por mor do encarecemento da factura da luz Feijóo presenta esta nova central como unha mostra da "importancia de optimizar os recursos enerxéticos para reducir o custo da xeración eléctrica". Iberdrola, di, fai "unha aposta pola eficiencia" cunha infraestrutura que, "ademais de xerar postos de traballo, facilita un mellor aproveitamento dos recursos naturais e permite reducir un dos principais gastos que teñen que soportar os fogares e as empresas, especialmente nos momentos punta de demanda". A "aposta" da Xunta, asegura, é "returbinar as augas, para producir máis enerxía sen incrementar nin os pantanos nin os encoros".

Sánchez Galán, pola súa banda, presentou esta obra como un paso máis na "firme aposta" de Iberdrola "polas enerxías limpas", na que Galicia "é un dos mellores exemplos, pois coas nosas centrais hidroeléctricas e parques eólicos, o 100% da nosa capacidade de produción na comunidade ten orixe renovable". Os complexos eléctricos e os encargos a Navantia, advrte, "poñen de relevo o noso compromiso con esta terra, onde investimos máis de 1.200 millóns de euros na última década". Están a facelo, asegura, con actuacións como esta central, "con respecto por unha contorna de excepcional valor ecolóxico".

Feijóo e o presidente de Iberdrola, na inauguración da central © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.