Feijóo aposta polo "cambio" e por "non seguir co mesmo"... en Andalucía

Feijóo, durante a súa visita a La Palma del Condado Dominio Público @populareshuelva

Feijóo volveu facer campaña en Andalucía para asegurar que aquela autonomía "necesita un cambio" tras máis de 34 anos de gobernos socialistas. O presidente da Xunta de Galicia pediu aos adaluces que dean o seu voto ao candidato do PP naquela terra, Juan Manuel Moreno, durante unha visita a La Palma del Condado (Huelva).

Feijóo cre que Andalucía "necesita un cambio" tras 34 anos de gobernos socialistas

O tamén líder do PPdeG visitou as instalacións dunha empresa de agroindustria para asegurar que "cun cambio de política económica" Andalucía "é unha das comunidades autónomas con máis futuro de España" polas súas características climatolóxicas e pola súa posición xeoestratéxica. 

"Pódense facer as cousas de xeito distinto e só hai dúas posibilidades: ou seguir co mesmo outros catro anos máis, e xa van case 40, ou polo contrario facer un cambio", asegurou o presidente de Galicia, gobernada durante toda a época autonómica pola dereita, agás os catro anos do bipartito e dous máis co socialista González Laxe á fronte do Executivo. "Se unha terra necesita un cambio é a que non cambiou e Andalucía necesita un cambio", insistiu, tras asegurar que a comunidade andaluza "ao igual que Galicia" ten moitas posibilidades na actividade labrega. 

"Se unha terra necesita un cambio é a que non cambiou", asegura o presidente da Xunta

Feijóo non dubidou mesmo en presumir de que Galicia "leva dous anos co récrod de exportacións, de maneira que estas superan ás importacións, o que provoca un saldo comercial positivo". Por iso, destacou que o clima, a ubicación e o territorio andaluz "favorecen a competitividade da súa agricultura e a apertura da súa economía a través das exportacións". 

Para o presidente da Xunta, "hai dous tipos de xestións, as que unha vez que se implementan conseguen diminuír o paro, o déficit e a débeda para menter a solvencia da comunidade autónoma e as que polo contrario incrementan o paro, a débeda e o déficit e a rexión faise insolvente". En 2014, o Goberno galego pechou o ano do récord da débeda incrementándoa un 8%. Durante o pasado ano, a débeda galega chegou a superar os 10.000 millóns e rematou o ano en 9.961, un 152% máis que en 2008, logo de que o Goberno errase na súa previsión sobre o peso desta.

Feijóo, durante a súa visita a La Palma del Condado Dominio Público @populareshuelva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.