Feijóo, seguro de que a xente "de ben" sabe que "non hai substancia" nas fotos co narco

Feijóo, este luns en Madrid © Xunta

Unha semana despois de que as fotografías de Alberto Núñez Feijóo con Marcial Dorado publicadas por El País revolucionasen a escena política galega o presidente da Xunta enfrontábase este luns por primeira vez a outro escenario informativo no que, polo xeral, adoita ser tratado con notable amabilidade: Madrid. O xefe do Goberno galego acudiu á capital de España para asistir á sinatura dun convenio entre o Consello do Poder Xudicial e a Federación Galega de Municipios e Provincias e, na quenda de preguntas, tocoulle responder sobre as intantáneas no barco do narcotraficante. Tras sete días asentando a súa argumentación no descoñecemento das actividades de Dorado en 1995 e nunha "infamia" urdida pola oposición, Feijóo incorpora unha nova liña: a apelación á boa fe da cidadanía.

Para o líder da dereita en Galicia "non hai caso" pero iso non só é unha convicción súa, asegura. Ben ao contrario, mantén, "calquera persoa de ben sabe perfectamente que non hai substancia, nin caso nin causa" nas imaxes, sobre as cales as "explicacións están dadas" non só pola súa banda, afirma, senón tamén pola do xuíz Vázquez Taín, que enviou á cadea a Marcial Dorado en 2003 no marco da operación South Sea. Á espera de dar "explicacións en sede parlamentaria" o vindeiro mércores Feijóo coida que as verbas do maxistrado deixan claro que "nin de forma directa nin de forma indirecta houbo ningún tpo de relación sobre calquera feito non só reprochado xuridicamente", di, "senón tampouco eticamente".

A oposición subliña que non acusa de feitos "delitivos", senón da ausencia de "ética" que supón relacionarse cun narcotraficante

Á cuestión ética é precisamente á que se refire este luns a oposición parlamentaria. Dende o Pazo do Hórreo o voceiro socialista, Abel Losada, ten claro que "a dereita" política e "a dereita mediática" están a tentar "desviar o foco", pero "non estamos falando de comportamentos presuntamente delitivos relacionados co narcotráfico", porque se así fose Feijóo "estaría na cadea e non en Monte Pío". "Falamos de política -evidencia- e do que representa en termos de infamia que o máximo responsable do Servizo Galego de Saúde" naquela altura "mantivese unha relación moi prolongada cun dos máximos narcotraficantes de Galicia" mentres a sociedade galega, igaul que "os xuíces e as forzas de seguridade" estaban "en plena loita, durísima, contra o contrabando e o narcotráfico".

Esa "relación prolongada no tempo cun narcotraficante" é precisamente, para Losada, "o que prexudica á democracia" e non a publicación das fotografías, como suxire o voceiro do PP, Pedro Puy. "Que digan que [a publicación] desprestixia a democracia é insultante para os demócratas", máis aínda porque "o PP hai meses que lanzou a filosofía de que as maiorías lexitiman o comportamento ético". Pero "quen non traen a ética na mochila, aínda que teña maioría absoluta segue sen ela". "Non se merca -subliña-, tense ou non se ten".

O BNG pide a dimisión, o PP censura o "extremismo"

O Bloque reiterará o mércores que Feijóo debe marchar e Puy volve darlle unha importancia "menor" ás imaxes

Mentres os socialistas reclaman que o presidente "diga a verdade" na súa comparecencia do mércores e insisten en subliñar que tanto Feijóo como o daquela conselleiro de Sanidade, José Manuel Romay Beccaría, "sabían quen era Marcial Dorado en 1995", dende o BNG o seu voceiro parlamentario, Francisco Jorquera, adiantaba en rolda de prensa que o propio mércores "reiterá" a súa esixenica de que o xefe do Goberno "deixe a Presidencia de inmediato". Como Losada, o nacionalista pon o acento en que esta cuestión é "independente" de "se cometeu feitos delitivos ou non", dado que de calquera xeito é "inadmisible" que "un alto cargo tivese unha relación estreita e duradeira cun capo" como Dorado.

As "novas informacións", abonda Jorquera, fan que a versión de Feijóo sobre a súa relación co narco "caian como un castelo de naipes" e, por todo isto, tamén para "rescatar a democracia", cómpre a "dimisión inmediata do señor Feijóo". Estas peticións deron lugar a novas acusacións de extremismo do popular Pedro Puy. Se o pasado domingo consideraba que a publicación das fotos cómpre enmarcala nunha aposta por desprestixiar as institucións democráticas, este luns reitera que as fotos "teñen un alcance menor", pero "están sendo utilizadas por parte de grupos extremistas" para esa mesma finalidade. Non obstante, o parlamentario conservador desmárcase do seu compañeiro de filas, o presidente madrileño, Ignacio González, para non pedir censura nos medios de comunicación. "Eu creo na liberdade de prensa", afirma.

Feijóo, este luns en Madrid © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.