Feijóo sobre a marcha de Guerra a Ciudadanos: “Todos saben como acaban os seus candidatos á Xunta”

Feijóo e Guerra cando este último era conselleiro de Economía CC-BY-SA Xunta de Galicia

“Todos saben como acaban os candidatos de Ciudadanos á presidencia da Xunta, e eu para un amigo non lle desexo ese final”. Así se pronunciou este venres o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, preguntado pola marcha á formación laranxa de quen foi conselleiro de Economía no seu primeiro goberno, entre 2009 e 2012, Javier Guerra. Feijóo tentou minimizar a que sería ata o momento a deserción máis importante en todo o PP estatal lembrando os malos resultados de Ciudadanos en Galicia, a comunidade na que os populares conservan un maior poder e onde os de Albert Rivera non pasaron nas eleccións autonómicas de 2016, con Cristina Losada como candidata, do 3,4% dos votos, o que lles impediu obter ningún escano.

O presidente minimiza a importancia da saída do seu ex-conselleiro remitíndose aos resultados das eleccións autonómicas, nas que a formación laranxa non chegou ao 3,4% dos votos

Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno deste venres a Feijóo preguntóuselle se se sinte “traizoado” pola marcha de Guerra e se prevé máis fugas. “Estráñame moito que Javier Guerra dea o paso de abandonar o PP e fichar por Ciudadanos”, dixo Feijóo, salientando que “leva 36 anos no PP, é dicir, o dobre ca min” ao tempo que lembrou os sucesivos cargos de concelleiro e deputado polos que foi pasando o seu ex-conselleiro desde a súa entrada nas mocidades do partido, polo que desbotou a súa marcha por “unha razón de coherencia política e biográfica”.

“Eu téñolle afecto a Javier Guerra, e me sorprendería que adopte unha decisión que moi poucos compañeiros no seu partido entenderían”, engadiu Feijóo, para destacar que “todos saben como acaban os candidatos de Ciudadanos á presidencia da Xunta, e eu para un amigo non lle desexo ese final”. Ante a pregunta de se el mesmo falou xa con Guerra, Feijóo respondeu que este “nunca” lle trasladou “ningunha inquedanza” e que non ten problema en “manter ningunha conversa con el ou con calquera compañeiro do PP”.

Este mesmo venres, segundo divulgou Europa Press na súa web, desde Ciudadanos matizouse que foi o propio Guerra, e non a formación laranxa, quen iniciou as conversas entre as dúas partes.

Feijóo, na rolda de prensa tras o Consello da Xunta © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.