Jorquera asegura que o BNG vai "tender pontes" no nacionalismo tras a asemblea

Francisco Jorquera, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

A seis días da XIV Asemblea Nacional do BNG os dirixentes da formación frontista, que dende o domingo terá como portavoz nacional a Xavier Vence, poñen o acento na aposta por volver ser "casa común do nacionalismo". O encargado de subliñar esta mensaxe foi este luns o voceiro do Bloque no Parlamento, Francisco Jorquera, quen vinte e catro horas despois de que o líder da corrente Abrente, Carlos Aymerich, considerase que ese carácter inclusivo da formación se perdera tras a Asemblea de Amio, asegura que a vontade da nova dirección vai ser "tender pontes" no ámbito do nacionalismo.

Como xa expresou o propio Vence nunha entrevista con Praza Pública, Jorquera fai súas as verbas das teses que estarán a debate no plenario da asemblea para asegurar que o BNG tentará "ir cimentando a unidade do nacionalimso paso a paso" e iso implica "ir establecendo espazos de confluencia con outras organizacións", xa sexa "con outros colectivos nacionalistas" ou con persoas nacionalistas que non estean en "ningunha organización política". Neste sentido, subliña, as teses aprobadas polo Consello Nacional teñen en conta esta "nova realidade política", con "novas forzas nacionalistas que non están no BNG"

Jorquera subliña que as teses da asemblea teñen en conta a "nova realidade política", con "novas forzas nacionalistas que non están no BNG"

En calquera caso, Jorquera amósase convencido de que a cita asemblear servirá para que o Bloque recupere "a iniciativa política", potencie o seu "traballo social" e "revitalice o proxecto nacionalista". Nesta liña, o parlamentario respecta pero "non comparte" a decisión de Abrente de non entrar na nova Executiva, a cal o grupo de Aymerich asenta nas súas discrepancias coa liña política da organización, especialmente no que atinxe a poñer o acento no soberanismo e no achegamento aos grupos que o defenden. De calquera xeito, Jorquera non considera que exista "unha deriva soberanista" no BNG, senón máis ben unha "deriva centralista" no Estado que mesmo converte en "papel mollado" o réxime autonómico.

Con todo, Jorquera dá por boa a aposta de Abrente por "permanecer" no Bloque, desbotando así a posibilidade de novas escisións. Así as cousas, conclúe, tras a culminación do proceso asemblear tocará "poñer en valor o feito" sen que haxa "ningunha involución". O que está en crise, asegura, non é o ideario do BNG senón "o modelo político da transición española", conclúe.

Francisco Jorquera, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.