Máis de 230 candidatos e 25 listas nas primarias de En Marea

Local de votación, na sede da Marea Atlántica © Marea Atlántica

25 listas e 239 candidatos nas primarias de En Marea que comezaron este mércores e rematan o xoves a medianoite. Dous días nos que os asinantes do manifesto dos alcaldes da Coruña, Compostela e Ferrol, ademais dos inscritos de Podemos que tamén firmen e se incorporen ao censo, elixirán os representantes da confluencia nas candidaturas das catro provincias nas eleccións autonómicas do vindeiro 25 de setembro. 

25 listas e 239 candidatos concorren nas primarias de En Marea que comezaron este mércores e rematan o xoves

Son nove listas pola provincia de Pontevedra, seis pola da Coruña, cinco por Ourense e outras cinco por Lugo. Entre elas, as impulsadas por Anova, por EU, por Equo, por mareas municipalistas como a Atlántica da Coruña, por Cerna, algunha mesturada -con membros de Podemos xunto aos da FPG- e as íntegras da formación morada: a parte oficialista que apoia as teses da secretaria xeral, Carmen Santos, e a dos críticos con ela e defensores da integración en En Marea, apoiada polos deputados Gómez-Reino e Ángela Rodríguez. 

Os resultados coñeceranse o venres e será o sábado canso se proclamarán as candidaturas definitivas

De maneira telemática ou presencial en varias mesas electorais, o censo aberto por En Marea pechouse en case 9.000 persoas (8.875), ao que se engadirán os membros de Podemos que queiran participar. "Todas aquelas persoas que tiñan dereito a voto nas primarias de Podemos Galicia agora suspendidas e que, antes de votar, adicionalmente, se adhiran ao manifesto dos alcaldes e incorporen os seus datos ao censo de En Marea", aclarou a confluencia nun comunicado. 

O resultado das primarias coñecerase o venres e será o sábado 20 cando se proclamarán as candidaturas definitivas "tras a resolución de posibles reclamacións". 

Local de votación, na sede da Marea Atlántica © Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.