Militancia do PSdeG crea un foro "por un novo socialismo" e pide un congreso con "urxencia"

Dirixentes do PSdeG, durante un Comité Nacional CC-BY-NC-SA PSdeG

Comezan os movementos. Despois de que o Comité Nacional do PSdeG artellase o calendario que culminará no Congreso Nacional da formación, un grupo duns setenta militantes críticos coa actual dirección socialista veñen de constituír un "foro" de reflexión baseado na idea común da "necesidade dun cambio de rumbo no socialismo galego". Son "xente diversa, de distintos lugares" e representantes de varias xeracións, con persoas máis novas como o ex alcalde de Fene, Iván Puentes, o coordinador do grupo LGTB do partido, Gonzalo Diz, ou a concelleira coruñesa Yoya Neira, e outras máis veteranas, caso por exemplo do voceiro municipal de Pontevedra, Antón Louro, ou o ex portavoz parlamentario Xoaquín Fernández Leiceaga. Non se trata, aclaran, "dunha plataforma", senón dun "grupo de xente que di que estamos nun momento dun debate de ideas" e que, ao tempo, reclama que a renovación culmine con "rapidez" e mesmo con "urxencia".

No grupo encádranse militantes e cargos como Iván Puentes, Yoya Neira, Antón Louro ou Xaquín Fernández Leiceaga, entre outros

"Non podemos estar moito máis tempo discutindo sobre quen somos ou como nos organizamos", di un dos participantes neste foro en conversa con Praza Pública. "Temos que pechar iso con urxencia para empezar a facer política para a cidadanía". Para iso coidan que cómpre rematar coa "interinidade real" na que ven a dirección do partido. "É necesaria unha dirección estable e con tempo por diante para iniciar a recuperación do socialismo". Así, coidan que "o normal" sería que o proceso congresual finalizase "na primavera" e que non estea só encamiñado a "cambiar a dirección".

Porque o problema, afirman, é de proxecto. "Hai que recuperar a credibilidade para facer un proxecto de maioría social, para dirixir a maioría dende a esquerda", explican dende este grupo de militantes. Así, no documento sobre o que traballan, titulado Por un novo socialismo galego, recóllense, por exemplo, propostas dirixidas a "mellorar substancialmente a calidade democrática", a "eliminar duplicidades" como as que crean as deputacións provinciais, ou a introdución na práctica habitual do partido de "compromisos éticos claros: hai que ser austeros e honrados e ademais hai que demostralo".

O documento reclama un novo ideario baseado "na democracia social e no galeguismo cívico"

Propostas coma estas deben estar no ideario dunha aposta "pola democracia social e polo galeguismo cívico". "Isto -sinalan- significa un partido autónomo, un federalismo integrador pero puramente federal, unha aposta por renovar o título oitavo da Constitución e asumirmos con claridade que somos galegos". No ámbito socioeconómico, coidan, o PSdeG debe "entender que hai que contrarrestar a hexemonía neoliberal" cunha "resposta intelixente". Neste sentido, subliñan que "necesitamos incorporar á política moito coñecemento" porque "a reflexión é importante, as solucións non son obvias e para acertar, necesítase saber".

E, cal será o futuro deste grupo? Polo momento manteranse como un foro de reflexión pero non descartan nada. No seo do partido está a haber "moitos movementos" e "pode haber, ou non, confluencia con outra xente", tamén no momento no que toque poñerlle cara a quen encabece estas "ideas". Esta elección, din, debera facerse partindo do principio "un militante, un voto" e aplicando da maneira "máis flexible posible" os estatutos do partido para a participación no propio congreso. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.