O bipartidismo recupera posicións e consolídase por riba do 50% dos votos

Distribución de escanos © O Mirante

Os resultados da edición de agosto de O Mirante, o panorama electoral elaborado polo sociólogo Carlos Neira para a Asociación de Medios en Galego, veñen condicionados pola publicación da estimación trimestral do CIS, que segue inchando ao bipartidismo en 3 puntos, pola aparición en escena dunha nova casa de sondaxes, TNS Demoscopia, que publica semanalmente unha proxección para a cadea televisiva Antena 3, e por unha estimación anómala na casa Simple Lógica, que se consolida non como a máis nesgada pero si como a máis inconsistente das que publican estimacións regularmente.

Cabe advertir que cada vez resultan menos fiables estas enquisas para as xerais, por mor da máis que previsible presentación de candidaturas de unidade popular ou de base cidadá, así como da creación e ruputra de coalicións electorais en varias Comunidades

A pesar das novidades o sistema de cálculo neutraliza os desvíos de forma satisfactoria e non se rexistran cambios bruscos en comparación coas porcentaxes ofrecidas desde o mes pasado. Si cabe advertir que cada vez resultan menos fiables estas enquisas para as xerais, por mor da máis que previsible presentación de candidaturas de unidade popular ou de base cidadá, así como da creación e ruputra de coalicións electorais en varias Comunidades. Con certeza até o momento en que se coñezan a ciencia certa cales son as papeletas que terá diante o elector, e até o intre en que estes tomen conciencia de cales son as candidaturas, o voto estimado polas enquisas debe considerarse unha aproximación provisoria á realidade, e, coma sempre, máis unha fotografía fixa do momento demoscópico que un prognóstico ou predición electoral.

Segundo os nosos cálculos, o bipartidismo confirma a súa lenta pero sostida recuperación desde as municipais, instalándose comodamente por riba do 50% dos votos. O maior cambio neste último mes súfreo Podemos ao perder algo máis dun punto en estimación de voto. O centralismo democrático evidenciado na confección das listas para as xerais parece estar afectando ao sector máis ideoloxizado e informado do seu electorado.

O maior cambio neste último mes súfreo Podemos ao perder algo máis dun punto en estimación de voto

O principal beneficiado do retroceso de Podemos é Esquerda Unida, que sobe nove décimas anque segue por baixo do limiar do 5% en case todas as circunscricións, o que en virtude da lei electoral limita enormemente a súa representación parlamentaria. Ciudadanos sobe lixeiramente ou cando menos detén a caída que viña experimentando desde o seu cumio demoscópico, previo ás eleccións municipais.

Practicamente todas as formacións nacionalistas melloran lixeiramente o seu nivel de voto, anque en escanos o avance sexa limitado. O máis destacado é o crecemento da porcentaxe do PNV e a recuperación por parte do BNG do segundo escano no Congreso, sempre a teor do que din as enquisas estatais cuxos resultados por comunidades son moito menos representativos.

A caída de Podemos supera a suba do PSOE e a suma dos representantes de ambos afástase da posibilidade da maioría absoluta. Cabe lembrar que a coalición de goberno PSOE+Podemos é a opción preferida por unha maioría de cidadáns españois, a teor das últimas enquisas do CIS e de Encuestamos, que avaliaron todas as combinacións dous a dous entre as catro forzas principais.

Neste horizonte só a gran coalición PP+PSOE sumaría 176 escanos

Neste horizonte só a gran coalición PP+PSOE sumaría 176 escanos. Sería preciso o concurso de máis forzas noutras combinacións para sumaren a maioría absoluta no Congreso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.