O BNG cítase para "reorientar" o seu rumbo

Votación durante a XIII Asemblea Nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Poucas asembleas nacionais do BNG foron consideradas como 'unha asemblea máis', é posible que ningunha. O Carballiño en 1987, Ourense en 1998, A Coruña no 2002... Foron algunhas das citas que adoitan sinalarse como claves na historia da formación frontista. Tamén a de 2003 en Compostela, na que o Bloque cambiou de portavoz nacional por primeira vez na súa historia e a extraordinaria de 2009, chamada a xestionar o escenario político tras a saída da Xunta e que, malia esta circunstancia, non acadou o grao de tensión vivido no plenario celebrado no mercado compostelán de Amio en xaneiro de 2012. Aquela cita, lida nalgúns foros como a última oportunidade para a unidade do nacionalismo galego, desembocou nas xa coñecidas escisións. Este é o pano de fondo co que o BNG formulou o proceso asembleario que culmina este domingo, de novo en Compostela. Alí mudará por terceira vez a persoa titular da súa portavocía nacional e, sobre todo, procurará o xeito de "reorientar" a súa liña política.

Ao contrario do que veu acontecendo na última década os nacionalistas chegan á Asemblea Nacional coas cuestións orgánicas practicamente pechadas. Será sometida á votación da militancia unha única lista ao Consello Nacional encabezada polo catedrático de Economía Aplicada Xavier Vence, quen substituirá na portavocía nacional a Guillerme Vázquez. Desta candidatura, aprobada polo Consello Nacional saínte con máis do 80% dos votos, sairá unha Executiva Nacional na que non figurarán algúns dos rostros institucionais de referencia do Bloque, tales como as deputadas Ana Pontón e Carme Adán ou os alcaldes de Pontevedra e Allariz, Miguel Anxo Fernández Lores e Francisco García. Pola contra, si terán cadeira na dirección persoas que veñen desenvolvendo unha maior actividade en clave interna ou nos movementos sociais. Así, chegarán á Executiva o ex deputado Bieito Lobeira, a eurodeputada Ana Miranda, a parlamentaria no Congreso Rosana Pérez ou o secretario xeral da UPG, Néstor Rego.

A Asemblea márcase o reto de "espallar o nacionalismo, impulsar a democracia e revitalizar o BNG" con Xavier Vence á fronte

Estes serán algúns dos membros dunha Executiva á que a asemblea lle encomendará desenvolver unhas teses políticas que formulan un reto que non semella menor: "espallar o nacionalismo, impulsar a democracia e revitalizar o BNG". O propio Vence -que tivo especial peso na redacción das teses- detallaba hai poucos días, nunha entrevista con Praza Pública, que estes "obxectivos xerais" son o resumo do reto que o Bloque ten diante de si: "definir un plan de acción política axeitado ao momento político actual" , "poñer ao día o diagnóstico" da situación política, económica e social e tamén "introducir cambios no funcionamento da organización para corrixir algúns dos erros que se veñen detectando nos últimos anos e encetar unha dinámica nova".

Co soberanismo como un dos piares desta nova estratexia, Vence subliña o que tamén veñen asegurando nas últimas datas outros dirixentes do BNG, caso do voceiro parlamentario, Francisco Jorquera. "A aposta pola soberanía non é nova no programa do BNG, é a esencia do BNG dende que se creou e do nacionalismo dende as Irmandades da Fala". A diferenza, admite, é que segundo a época púxose máis ou menos "o acento" na cuestión e "as fórmulas concretas na loita polítíca diaria poden ir variando algo no tempo". Neste caso, o acento na reivindicación da soberanía para "decidir en función dos intereses do país" é claro, mesmo apuntando a posibilidade de que un dos chanzos a subir nese camiño sería un referendo de autodeterminación.

A "unidade" do nacionalismo e o desmarque de Abrente

Ademais de cuestións organizativas de aplicación, a priori, máis inmediata, como outorgarlle maior peso á militancia individual fronte aos partidos e colectivos internos, neste ámbito a XIV Asemblea servirá tamén para a reflexión sobre actual mapa do nacionalismo galego, o máis fragmentado das últimas décadas. Neste sentido, a aposta do relatorio político pasa pola procura dunha "ampla unidade na acción social de todas as forzas nacionalistas", con "relacións cordiais con todos os grupos". Isto implica o achegamento a grupos soberanistas tradicionalmente afastados do Bloque, como Nós-UP ou a plataforma Causa Galiza, pero tamén "tender pontes" con Anova, a formación que lidera Xosé Manuel Beiras. Hai quen ve especiamente axeitado a Vence para este segundo cometido.

As teses a debate apostan por procurar unha "ampla unidade na acción social de todas as forzas nacionalistas"

Ambas estratexias, a de poñer o acento no soberanismo e a do achegamento a certos grupos da esquerda soberanista e independentista, foron parte dos argumentos que levaron a Abrente, o grupo ata agora liderado por Carlos Aymerich, a desmarcarse das teses da asemblea. Aymerich, que corenta e oito horas despois da Asemblea oficializará a súa marcha do Parlamento, considerou que as novas liñas políticas do BNG pódeno facer "retroceder trinta anos" por non dirixirse a unha parte maioritaria da sociedade galega. Vence, que tentou sen éxito negociar a incorporación de Abrente ás teses e á nova dirección, terá diante de si o reto de amarrar o temón dun BNG que, di, "sacou conclusións dun proceso de reflexión autocrítica" que se vén desenvolvendo dende hai meses. O tempo dirá se a décimo cuarta asemblea foi ou non a da "reorientación" e "revitalización" do Bloque.

Imaxe da XIV Asemblea do BNG CC-BY-NC-SA BNG
Xavier Vence, portavoz nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.