O Congreso tomba a iniciativa de BNG, ERC e Amaiur a prol da autodeterminación

Olaia Fernández Davila, no Congreso CC-BY-NC-SA BNG

O pleno do Congreso rexeitou este martes a proposición non de lei presentada conxuntamente por ERC, Amaiur e BNG na que as tres formacións do Grupo Mixto reclaman o dereito de autodeterminación de Catalunya, Euskadi e Galicia e a convocatoria dun referendo para a súa proclamación como Estados independentes. O debate puxo en evidencia as friccións políticas que hai entre ERC e CiU, cuxo portavoz, Jordi Jané, acusou os republicanos de "tacticismo partidario" por traer ao Congreso "unilateralmente" unha proposta sobre o dereito a decidir cando o Parlamento catalán ha impulsado unha iniciativa para a celebración dunha consulta similar, pero dentro "do marco legal", que foi "acordada e pactada" por unha ampla maioría da Cámara autonómica.

A proposición non de lei contou co rexeitamento frontal do PSOE, PP e UPyD mentres que a Izquierda Plural apoiou o punto referido ao recoñecemento do dereito de autodeterminación. O seu portavoz, Joan Coscubiela, deputado de Iniciativa per Catalunya, deixou claro que aínda que o seu partido está a favor do dereito a decidir porque é parte da liberdade de calquera pobo, discrepaban co fondo da proposición "porque non axuda a buscar consensos, ao contrario, dificúltaos". "Para acordar estes procesos non caben unilateralismos", dixo Coscubiela.

Os nacionalistas cataláns abstivéronse. O portavoz de CiU, Jordi Jané, mostrouse irritado cos dirixentes de ERC por traer até o Congreso unha iniciativa que, segundo lembrou, foi debatida e aprobada polo Parlamento catalán "que xa ten a súa folla de ruta" e que, ademais, contou co apoio alí dos republicanos . Jané tamén lembrou que o seu partido deixou claro o seu desexo de non buscar confrontacións co Estado central polo que se están buscando "as condicións legais para poder exercer o dereito a decidir" e "a convocatoria dunha consulta acordada e pactada dentro do marco legal".

A proposición foi rexeitada por PSOE, PP, UPyD e Izquierda Plural apoiou o punto referido ao dereito de autodeterminación

Na súa proposta, ERC, BNG e Amaiur, entre outras cousas, instan o Goberno a que respecte a convocatoria dun referendo para decidir se os cidadáns queren a independencia se así o deciden o Parlamento autonómicos ou ben se o pide un 20% do censo electoral das últimas eleccións municipais.

Se a participación na devandita consulta superase o 50% dese censo e unha maioría votase a favor, os Gobernos autonómicos proclamarían a independencia da súa nación. Pola contra, continuarían formando parte de España, pero cos dereitos e deberes que decidisen.

Durante o debate, o portavoz de ERC, Alfred Bosch , sacou a relucir a Sánchez Camacho e a súa proposta, que sorprendeu no propio PP, sobre financiamento para Catalunya para pór en dúbida o talante dialogante do Goberno de Rajoy. "A súa especialidade non é o dialogo, non o fan nin con Sánchez Camacho que a súa líder en Catalunya. Son vostedes o partido do veto e da prohibición ", dixo Bosch, que lembrou que esta é a décimo cuarta vez que traen unha iniciativa similar ao Congreso e todas foron rexeitadas. Bosch terminou o seu discurso preguntándo en catalán: "é tan difícil de entender que queremos votar, cona?".

Olaia Fernández Davila acusa o Goberno central de impoñer o "café para todos" en Galicia, Euskadi e Catalunya

A deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, durante a súa intervención para defender a proposición non de lei, acusou o Goberno de Mariano Rajoy o seu afán "recentralizador" do Estado  e de impor o "café para todos" a pesar de que Galicia, Euskadi e Catalunya son comunidades diferenciadas en materia competencial.

Tamén Mikel Errekondo en nome de Amaiur esixiu ao "Estado español"  que respecte "simple e sinxelamente" o desexo de Euskadi a decidir se quere independizarse como ocorreu en Québec ou en Escocia. "A sociedade xa empezou a percorrer ese camiño e non lles caiba ningunha dúbida que así será", sentenciou.

Emilio Olabarria, en nome do PNV, anunciou que o seu partido só ía apoiar parte da proposición, pero pediu ao representante de Amaiur que "non nos dea leccións de nada", lembrando que o PNV ten unha longa historia en defensa da autodeteminación de Euskadi. 

Os portavoces do PP e PSOE coincidiron en rexeitaron de plano a proposición porque non entra no encaixe constitucional, mentres Carlos Martinez Gorriarán,  de UPD, aseguraba que a súa redacción está  baseada en "falacias", "mentiras" e "falsidades de tipo xurídico".

Olaia Fernández Davila, no Congreso CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.