Os candidatos a liderar o PSdeG abren a campaña das primarias

Reunión da Executiva Nacional do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

Os dous candidatos que optan a liderar o PSdeG-PSOE no proceso de primarias consultivas que terán lugar o vindeiro 7 de setembro, José Ramón Gómez Besteiro e Manel Vázquez, comezarán este mércores a campaña oficial de cara a esa cita. O 7 de setembro os e as militantes socialistas votarán nas súas respectivas agrupacións locais entre Besteiro e Vázquez, e tamén escollerán os e as delegadas que participarán no Congreso no partido o 29 de setembro e que, segundo o anunciado, refrendarán a decisión que adopten as bases.

Gómez Besteiro comezará a súa campaña esta mesma medianoite visitando militantes do PSdeG que deben estar dispoñibles para as gardas nocturnas dos servizos públicos de urxencias e de limpeza. Ao longo dos dez días que restan para a votación, Besteiro realizará máis de 50 actos "pequenos, próximos e a pé de rúa" para “volver estar coa xente”. Asegura que “os problemas da militancia son os problemas dos galegos. O PSdeG no que eu creo volve á rúa para que o partido e o militante estean abertos á sociedade e o cidadán se apoie no partido”, e reivindica a importancia do proceso interno do PSdeG “non como un fin en si mesmo, senón como medio para acadar a xustiza social e resolver os problemas das persoas e do noso país”.

“Desde o PSdeG debemos facer o que nunca fará o goberno de dereitas de Feijóo. Nós imos demostrar que somos a única alternativa crible e sólida de goberno en Galicia capaz de construír un modelo de progreso social e económico distinto ao actual desde o compromiso, a coherencia  a responsabilidade”, afirma Gómez Besteiro. “Non hai vento favorable para o que non sabe onde vai. Núñez Feijóo non ten proxecto de país e cada vez máis galegos se preguntan: despois desta dereita, que quedará en pé en Galicia?”, conclúe.

Pola súa banda, Manel Vázquez abrirá a súa campaña cun acto na sede do partido en Santiago ás 20.30 horas, no que presentará o seu programa e propostas para a participación directa dos cidadáns na acción de Goberno, para a supresión das provincias e para a elección directa do modelo de Xefatura do Estado. O candidato Manel asegura ser consciente da "frialdade" da militancia, "en parte pola tempada estival", pero fai "un chamamento a participación por ser a primeira consulta que se lles fai aos militantes do partido socialista".

Besteiro, nun acto coa militancia CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo
Manel Vázquez, nun acto coa militancia © Candidatomanel.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.