Sánchez ve a Rueda na senda de Feijóo nas xerais: "Sóame e sabemos como acaba, cun Goberno progresista"

José Ramón Gómez Besteiro, con Pedro Sánchez e outros dirixentes do PSdeG, no mitin deste 3 de febreiro en Ourense CC-BY-NC-SA PSdeG

"A min isto sóame e sabemos como acaba: cun presidente socialista e cun Goberno progresista". Por segunda fin de semana consecutiva, Pedro Sánchez acudiu a Galicia para aguilloar a carreira electoral do PSdeG. No segundo día dende o inicio da campaña, o presidente do Goberno de España e líder do PSOE acompañou en Ourense -ata onde viaxou dende Madrid no AVE- a José Ramón Gómez Besteiro para procurar encaixar a carreira electoral galega nun marco semellante ao das eleccións xerais de xullo do pasado ano, tras as que logrou revalidar a presidencia malia aos múltiplos prognósticos que situaban no posto a Alberto Núñez Feijóo.

Sánchez volve aguilloar a campaña do PSdeG apelando en Ourense á mobilización a prol de Besteiro do electorado que o apoiou a el o 23X e ratifica a aprobación da suba do SMI a vindeira semana

Despois de que, o pasado venres, Alfonso Rueda se ausentase do debate da Cadena SER e mentres o PP ratifica que "tampouco vai ir ao de RTVE, na última semana da campaña", Sánchez coida que os acontecementos en Galicia comezan a asemellarse aos do 23X. "Para liderar un país hai que merecelo e para ser presidente da Xunta hai que dar a cara", porque "esta terra necesita líderes que dean a cara por Galicia, rendan contas, debatan e respecten a cidadanía". "E por iso pido o voto para José Ramón Gómez Besteiro".

Pedro Sánchez augura que Rueda acabará como Feijóo tras o 23X, este 3 de febreiro en Ourense

Ante unhas 1.200 persoas congregadas no recinto de Expourense en San Cibrao das Viñas, entregadas ao berro de Desta vai, lema da campaña socialista, o PSdeG combinou as chamadas á mobilización do electorado apoiou a Sánchez nas xerais co acento en reclamar que un eventual cambio de cor política na Xunta estea encabezado pola súa formación. Entre chamamentos directos ao electorado feminino, Sánchez advirte de que "papeletas para o cambio hai moitas, pero papeletas para gobernar ese cambio só hai unha: a do PSdeG" e esgrime como aval o labor do seu propio Executivo que, avanzou, no Consello de Ministros do vindeiro martes aprobará a nova suba do salario mínimo interprofesional, que acadará así os 1.134 euros mensuais.

"Mobilizarnos a tope" 

Besteiro chama a contrapoñer propostas do PSdeG coas proclamas das "tres caravanas" do PP: "Din que van facer en catro anos o que non fixeron en quince"

A chamada á mobilización estivo tamén na cerna do discurso de Besteiro. "Aínda que puxesen a campaña no Entroido, ímoslle quitar a carauta a Rueda", augura o candidato á presidencia, quen contrapón a "experiencia de goberno" do PSdeG coa do resto da esquerda. Cando o electorado "decida cambiar", di, "vai pensar na verdadeira esquerda que xestiona e que goberna, a que trae solucións. E esa esquerda somos nosoutros".

Dende "a provincia máis castigada polo PP en toda a democracia", Besteiro propón contrastar propostas do seu programa como "un plan de choque en Atención Primaria" ou máis vivenda pública coas "tres caravanas" do PP, en referencia a Rajoy, Feijóo e un Rueda "escapado" que "non quere dar a cara cos problemas de Galicia" tras quince anos de botar "balóns fóra". E agora, ironiza, "din que van facer en catro anos o que non fixeron en quince".

Besteiro sinala o PP coma "os do non" dende Ourense, a "provincia máis castigada"

"Ides escoitar -advertiu Besteiro- que non é fácil o cambio. E cando foron as cousas fáciles para os socialistas? Nunca", considera nun contexto no que reitera que a mudanza de cor política na Xunta "é posible" e "se se produce, vainos levar á presidencia". Porque do que se trata, agrega Pedro Sánchez, é de "situar a realidade de Galicia á altura das súas enormes potencialidades e iso só o pode facer o Partido Socialista e José Ramón Gómez Besteiro".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.