Somos Nós propón as 'bases' dun programa para un Grupo galego nas Cortes

Anxo Quintana, nun acto de Somos Nós CC-BY-SA Somos Nós

"A vindeira lexislatura estatal pode ser, sequera dun xeito limitado, constituínte. E Galicia ten que estar onde se vai decidir, para poder decidir. Outros pobos téñeno claro. De non estarmos con capacidade de decisión teremos que asumir as consecuencias de perder benestar social e desenvolvemento económico". Partindo desta análise, Somos Nós presentou este mércores un documento de bases para un programa para un Grupo galego nas Cortes, co título de O que queremos.

O documento foi elaborado durante as últimas semanas coas achegas dos grupos de traballo creados polo movemento cívico e foi presentado nesta tardiña polos responsables dos grupos de Participación -Ana Luisa Bouza-, Demografía e Territorio -Lourenzo Fernández Prieto- e Economía -David Peón-, acompañados de Anxo Quintana. O texto está composto por dez puntos, que inciden en catro obxectivos: contribuír á reformulación do Estado, garantir a democracia a participación e os dereitos básicos, impulsar unha visión social da economía e conseguir que se escoite a voz galega no mundo. 

Somos Nós pide unha reforma constitucional en sentido plurinacional "que facilite a ampliación do autogoberno galego, garantindo o logro dun status político que reflicta o carácter nacional de Galicia"

Entre as propostas, destaca o impulso dunha reforma constitucional en sentido plurinacional "que facilite a ampliación do autogoberno galego, garantindo o logro dun status político que reflicta o carácter nacional de Galicia" e eliminando ou redefinindo "as instancias de poder centralizadas e obsoletas do vello estado decimonónico: provincias, ministerios con competencias transferidas...". De igual xeito, chama a "situar o Estado como garante do dereito á vivenda, ao traballo, á liberdade de expresión e manifestación". E proponse "rescatar os servizos públicos dos procesos privatizadores".

Propón "impulsar a economía produtiva que garanta o benestar e a igualdade como instrumento eficaz para desacelerar a desfeita demográfica, e na defensa dos sectores produtivos galegos"

No plano económico, propón "impulsar a economía produtiva que garanta o benestar e a igualdade como instrumento eficaz para desacelerar a desfeita demográfica, e na defensa dos sectores produtivos galegos", reducir a economía especulativa, impulsar a economía do coñecemento e a innovación, apoiar a agricultura sustentable, e priorizar o gasto público en investimentos produtivos a longo prazo e reducir o gasto en consumo e infraestruturas. Aposta tamén por "procurar unha fiscalidade xusta para Galicia consonte ás nosas características e necesidades na busca dun acordo bilateral". E pide "camiñar na superación do modelo económico Mediterráneo e radial dende a “periferia” atlántica do norte peninsular que é centro no Atlántico e nas rotas marítimas transcontinentais".

Igualmente, reclama "dar protagonismo a Galicia nas instancias onde se debaten cuestións de relevancia para o País" de xeito que Galicia sexa "a única responsábel na execución e aplicación do Dereito europeo e das decisións administrativas europeas", con representación directa no Consello de Ministros e o Comité de Representantes Permanentes (COREPER) e nos órganos da Unión de que fagan parte os Estados Membros. E pide "garantir o mesmo status para o galego e o castelán en Galicia, como dereito e como obriga. Cun tratamento preferente tamén para a lingua portuguesa a prol da competitividade global e das culturas".

Pide a "institucionalización dunha gobernanza política transfronteiriza europea no marco da Eurorrexión Galicia-Região Norte"

Finalmente, propón a "institucionalización dunha gobernanza política transfronteiriza europea no marco da Eurorrexión Galicia-Região Norte", de xeito que "o Estado atribuiralle constitucionalmente ao Poder Galego as plenas competencias para acordar coas Autoridades da República portuguesa e da Unión Europea o marco xurídico e institucional desa gobernanza".

Anxo Quintana, nun acto de Somos Nós CC-BY-SA Somos Nós
Imaxe dunha das asembleas de Somos Nós Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.