"Temos a responsabilidade de sermos espello de políticas transformadoras que digan: así actúa o BNG"

Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago polo BNG CC-BY-NC-SA BNG

Goretti Sanmartín recibe a Praza.gal no despacho da Alcaldía de Santiago, no Pazo de Raxoi. Polas amplas fiestras a luz entra coas cores da bandeira do arco da vella que, co gallo do Día do Orgullo LGBTIQ+, o goberno municipal do BNG e Compostela Aberta instalou na balconada. Apenas dúas semanas despois de tomar posesión, o equipo da nova alcaldesa de Compostela céntrase en abordar "asuntos pendentes que xa coñeciamos e que temos que resolver nas próximas semanas" mentres traza as liñas mestras do mandato nun ambiente no que, afirma a rexedora, "a xente continúa moi ilusionada e con moitas ganas". Sanmartín asegura que a "ilusión" que percibiu na campaña a observa tamén para un "cambio a nivel galego" e amósase convencida de que a acción do seu goberno pode contribuír a actuar como "catapulta cara ao Goberno da Xunta" para o Bloque.

Leva apenas dúas semanas na alcaldía, houbo algo que a sorprendeu ou algunha urxencia coa que non contase e que tivese que atender?

"Chamoume a atención a imposibilidade de convencer o PSOE para que entrase no goberno, pero creo que vai exercer unha oposición responsábel"

Realmente, o que me sorprendeu foi a recepción moi positiva por parte de todo o persoal do Concello, as gañas e a axuda en todo, tanto das persoas habilitadas como das direccións de área e xefaturas de servizo nesta nova etapa. Non houbo nada que me chamase especialmente a atención; o único, é certo, a imposibilidade de convencer o PSOE para que entrase no goberno. A nosa idea, unha vez vistos os resultados electorais, era conformar un goberno amplo con 14 persoas e condicións idóneas para este momento histórico, con maioría no pleno e só co PP na oposición. De todos os xeitos, unha vez despexada a dúbida, as 8 persoas que conformamos o goberno puxémonos a traballar con todas as forzas.

Cre que existe o risco de que esa negativa do PSdeG a entrar no goberno derive nun escenario de bloqueo? Case todos os asuntos relevantes van ter que negocialos co Grupo Socialista...

Penso que non. Creo que o PSdeG vai exercer unha oposición responsábel. Sabe que hai moitos temas que a cidade necesita sacar adiante e creo que teñen unha actitude construtiva. Alén da súa negativa a entrar no goberno, tivemos unha relación cordial na que escoitamos a súa argumentación e tentamos convencelos, pero creo que a relación vai ser positiva e que van poñer por diante os intereses da veciñanza. O único que é un pouco estraño é que tivese que contar tanto a dirección galega e provincial e non se repousase a decisión no ámbito local, que parecería máis lóxico.

Goretti Sanmartín, presidindo o pleno compostelán tras a súa elección como alcaldesa CC-BY-NC-SA BNG

En campaña e tamén na investidura sinalou a gobernanza do turismo como unha prioridade, puxo moito o foco en que Santiago non pode ser un “parque temático”. Esa é unha reivindicación moi reiterada na cidade nos últimos anos, pero como se consegue?

"A xente quere o pacto polo turismo consciente e podémolo conseguir (...) Unha das cuestións que queremos abordar con urxencia é a taxa turística e entendemos que a Xunta non debería oporse"

Cremos que iso se consegue en diferentes frontes. Primeiro, cun pacto polo turismo consciente que implique a todos o sectores afectados: hostalería, comerciantes, guías... E tentando conseguir que a xente en orixe saiba onde veña e promocionando eventos de calidade. Que a xente non veña só polo reclamo da Catedral, que entendemos que é lóxico, pero que poida vir a ver un concerto de alta calidade, a ver unha obra de teatro, a pasar aquí uns días... E que a xente coñeza en orixe que ten que respectar os dereitos da veciñanza ao descanso, a ocupar os espazos. Esas políticas deben facerse pensando na xente que vive aquí e en fixar poboación e, nese sentido, non temos medo. Buscaremos fórmulas, por exemplo, para que non proliferen as tendas de souvenirs, tentaremos reordenar os espazos máis ocupados, como a baixada cara a San Pedro ou a propia Praza do Obradoiro e tentaremos que a xente coñeza antes de vir esa política de boas prácticas. Todo o mundo coincide en que hai moitas diagnoses do que hai que facer: desestacionalizar, ir máis alá do núcleo do centro, lograr turismo de calidade e non invasivo... e crear campañas de concienciación e redes de cogobernanza. Creo que a xente quere ese pacto e que o podemos conseguir, pero tamén é certo que non se fai dun día para outro.

Implica tamén á Xunta, penso por exemplo na taxa turística, e mesmo tamén á Igrexa, caso da masiva peregrinación do pasado ano. Que relacións institucionais agarda co actual Goberno galego do PP e co Arcebispado?

Nós xa enviamos unha proposta de entrevista co presidente da Xunta e xa lle imos remitir a proposta de taxa turística, co informe da Universidade que xa temos feito. Xa lle trasladamos que é unha das cuestións que queremos abordar con urxencia e entendemos que non debería de oporse: é algo optativo para os concellos e en Santiago hai unha maioría ampla da corporación e da poboación que a quere. Nós esperamos relacións cordiais co presidente da Xunta e tamén lle imos poñer sobre a mesa a necesidade de maiores achegas para Santiago a nivel do Consorcio, do Estatuto de Capitalidade, dese conservatorio de danza tan solicitado, o novo edificio da Escola de Idiomas... Reivindicacións históricas e tamén un convenio específico para levar saneamento e abastecemento ao rural. A relación ata agora foi cordial e espero que siga sendo así. A respecto da Igrexa, eu xa saudei o arcebispo o día da investidura e tamén pensamos ter posibilidades de comentar esta cuestión e outras, como as relacionadas para que o seu patrimonio poida estar aberto e á disposición da veciñanza. E tamén creo que pode haber boa sintonía e colaboración sen ningún problema.

En materia de relacións institucionais comezou reuníndose co reitor da Universidade. Nesa xuntanza saíron bosquexados proxectos concretos como un servizo de bicicletas eléctricas para os campus, pero non só. En que vai mudar a mobilidade en Compostela neste mandato?

"Queremos unha revolución total na mobilidade e a prioridade é sacar o novo contrato de transporte público para que estea á altura de Santiago"

Dende logo, o que vai cambiar é na idea de reducir o tráfico en vehículo particular, apostar pola prioridade peonil e os modos de transporte brandos. A nosa intención é reducir avenidas claramente sobredimensionadas, polas que pasan demasiados coches, e a nosa prioridade é poder sacar o novo contrato de transporte público para que estea á altura que Santiago merece. E tamén favorecer o uso da bicicleta, primeiro con ese acordo coa Universidade poñendo á disposición bicicletas eléctricas, pero logo tamén fomentando os carrís bici e a interconexión non só cos campus, senón con outros territorios. Queremos poder conseguir unha revolución total: todo o mundo di que, fóra da cidade histórica, Santiago é un lugar de caos circulatorio e atasco continuo. O fundamental é conseguir a través dos aparcadoiros de bordo, do transporte público e da mobilidade peonil e en bicicleta reduzamos o vehículo privado e gañemos espazos de socialización para as persoas.

Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, no salón de plenos do Pazo de Raxoi © Concello de Santiago

Pode, daquela, a veciñanza confiar en que agora si o transporte urbano se vai renovar? A cuestión vén pendente dende hai cando menos dous mandatos e pasa polas liñas, pero tamén por renovar os propios autobuses, unha cuestión moi demandada e na que o propio BNG tamén puxo o foco na oposición...

Si. Non se entende que tivésemos que pasar tantos anos sen contrato. Neste momento veremos como se resolven as alegacións, pero independentemente disto, o noso obxectivo é sacar o contrato, que haxa unha renovación da frota e tamén melloras que teremos que ver nos pregos, porque non foron consensuados nin puidemos ver con anterioridade. Hai melloras que queremos introducir para que haxa transporte ao rural, bus nocturno ou reforzo en determinadas liñas nos barrios nas fins de semana. O noso obxectivo é que se adxudique e haxa unha renovación que ten que ser, non podemos manternos con estes autobuses, a situación non non é que non sexa ideal, é que non é nin boa nin regular, é mala.

O do transporte é un dos grandes contratos pendentes e o outro é o da auga. Hai marxe para a xestión pública directa, hai que estudalo, non é posible...?

"Imos encargar xa o informe para ver se é posíbel a xestión directa da auga"

Imos encargar xa o informe económico e xurídico para ver se é posíbel a xestión directa. Non desbotamos esa vía, entendemos que hai moitos lugares onde se fixo, aínda que sabemos que hai dificultades nun sitio como Santiago de Compostela, cunha rede obsoleta e con moitas deficiencias. O que acordamos dentro do goberno é que, dependendo do resultado deses informes, apostaremos pola xestión directa ou indirecta. En todo caso, o que si entendemos é que non hai que esperar a ter o contrato ou a culminar o proceso para ter a xestión directa para conseguir levar saneamento e abastecemento ao rural ou para substituír as tubaxes de fibrocemento que están estoupando e causando problemas día si e día tamén. Por iso tentaremos conveniar con outras administracións diñeiro suplementario para facer esas obras. Temos ese compromiso, ademais, de dedicar o 1% do orzamento anual ao rural para poñer en marcha o saneamento e o abastecemento nos núcleos rurais que non o teñen.

Falando tamén de materias pendentes que chegan neste caso dos dous mandatos anteriores, a Operación Peleteiro destaca entre elas. En campaña sinalou que nese espazo clave do Ensanche ten que haber vivenda pública. Agarda lograr votos dabondo para sacalo adiante?

Polo que falamos informalmente co Partido Socialista e tamén co anterior alcalde, creo que non habería problema ningún se a Sareb, e isto depende do Goberno do Estado, estivese disposta á cesión desa parcela e aí se puidese construír vivenda de protección, unha praza, un centro de día e un centro sociocultural. Pero ten que cumprirse unha promesa que polo menos fixo Pedro Sánchez no seu momento e que é perfectamente factíbel. Teremos que traballar en todas as opcións; se esa vía se pode materializar, cremos que é a mellor opción e así o poremos enriba da mesa do delegado do Goberno. Se non, traballaremos noutras opcións. De todas as maneiras, desatascar o proxecto Peleteiro é un dos obxectivos do mandato e estamos seguras de que se vai facer.

Integrantes do novo goberno do BNG e CA en Santiago, ante o Pazo de Raxoi © Concello de Santiago

Alén dese espazo, será este o mandato no que o Concello de Santiago volva intervir directamente no mercado da vivenda? Houbo épocas nas que a Empresa Municipal de Vivenda o fixo e o problema está na rúa...

"As dúas organizacións que conformamos o Goberno levamos no programa recuperar a Empresa Municipal e Vivenda. Apostamos por unha intervención municipal directa"

As dúas organizacións políticas que conformamos o Goberno levabamos no programa recuperar Emuvissa, a Empresa Municipal de Vivenda. Esa é unha das ideas fundamentais, ademais de aproveitala para facer un plan de dinamización da vivenda baleira, pero para iso temos que ter a colaboración da Xunta, que ten que definir o que entende por vivenda baleira para que poidamos intervir dende o Concello. De todos os xeitos, si apostamos por unha intervención municipal directa, aínda que a Xunta ten as súas competencias e debe exercelas, por iso imos pedir ao presidente da Xunta que ten que haber máis vivenda de protección pública en Santiago.

Tamén quedou a medias o centro de servizos sociais de Belvís, que no mandato previo ía ser un centro de atención a persoas sen fogar. Séntese máis cómoda co proxecto orixinal ou coa modificación de Sánchez Bugallo que agora herdan? 

"O goberno entrante prefire o centro de senfogarismo tal e como estaba consensuado"

O goberno entrante prefire o centro de senfogarismo tal e como estaba consensuado no seu momento, sen ningunha dúbida, non só co goberno daquela de Compostela Aberta, senón tamén cunha comisión de persoas expertas que dedicaran moito tempo a realizar informes e concluír que ese era un recurso moi necesario para Santiago de Compostela. O que está sen estudar é se é reversíbel ou non, porque xa houbo avances no proxecto que tiña o anterior goberno, que convertía aquilo máis nun edificio administrativo. Este, coma outros proxectos, temos que ver en que punto están, porque depende de fondos alleos e hai que ver se se pode ou non. En todo caso, a loita contra a pobreza e a exclusión social e as posibilidades de dotarnos dun centro de senfogarismo é unha das cuestións que temos entre os temas que trataremos.

Tamén sinalou en campaña que a súa intención como alcaldesa sería que Compostela recobrase a vida cultural que tivo noutras épocas. O novo goberno ten, de feito, unha concellería de Capital Cultural. En que se van notar os cambios?

Ten que haber un cambio relacionado con que toda a creatividade de Santiago ten que ter espazos habituais de promoción e difusión do seu labor. Para iso imos crear unha marca de calidade de Santiago que poida ser referenciado en sinais de identidade de defensa da lingua e da cultura. E tentar asirse a elementos de proxección internacional como pode ser Rosalía de Castro, que ao redor da súa figura poida haber elementos que poñan en valor o que foi e significou para Santiago e a unan con temas de actualidade total: apostar polas mulleres creadoras, a cultura propia e o máis vangardista que pode haber. A partir de aí, imos ver todo un proxecto que xa lle propuxemos á presidenta do Consello da Cultura Galega para que nos poida ofrecer asesoramento e pareceulle moi ben. Esa é unha das cuestións; a outra, que calquera elemento importante para Santiago sexa referencia para que dende outros sitios teñan que vir: por exemplo, ano 2023, centenario do Seminario de Estudos Galegos, importantísimo para a cidade e para a Universidade, pois convertelo nun foco para potenciar a investigación e conseguir sermos vangarda como fomos noutros momentos. Trátase de apostar pola cultura do día a día e algo cambiaremos cando haxa xente que, dende calquera lugar do mundo, diga: “Vou a Santiago porque hai este importante evento cultural que eu non quero perder”.

Acto de celebración do BNG tras a toma de posesión de Goretti Sanmartín como alcaldesa de Santiago, o pasado 17 de xuño CC-BY-NC-SA BNG

Mencionaba a figura de Rosalía, que ten un obvio enfoque de xénero. Nun momento no que se fala de vaga reaccionaria global, os gobernos locais da esquerda teñen unha responsabilidade extra nas políticas con ese enfoque?

"As políticas feministas serán transversais en todas as áreas e a aposta polas diversidades ten que ser un compromiso dende o minuto cero"

Sen ningunha dúbida. Estámolo vivindo; hoxe é o Día do Orgullo e hai xente que nos fai chegar que nunha cidade como a nosa, que en xeral é amábel, inclusiva, onde houbo un fomento da reivindicación do Orgullo e da loita trans, e hai xente que está recibindo agresións verbais e físicas. Algo que antes pasaba de maneira esporádica agora é demasiado frecuente e nós temos a responsabilidade e o compromiso non só de sermos resistencia ante esa involución, senón de facer políticas activas a prol da completa aposta polas diversidades. As institucións temos que ser garantía diso e nese sentido xa demos instrucións de que as políticas feministas sexan transversais en todas as áreas de goberno e a aposta polas diversidades ten que ser un compromiso dende o minuto cero. Un goberno transformador que non aposte polas diversidades non é un goberno transformador e quero lanzar esa mensaxe a todo o activismo: este vai ser un goberno aliado que vai frear calquera ataque ou involución e ser garantía de colaboración con ese movemento asociativo.

Santiago é agora a principal alcaldía do BNG por ser a capital do país e tamén por poboación. Ese é un plus de responsabilidade, tamén pensando que estamos nun ciclo electoral?

"Unha maioría da sociedade galega cre que cómpre un cambio. Non teño ningunha dúbida de que a próxima presidenta será Ana Pontón"

Si, é un plus de responsabilidades sen ningunha dúbida. Durante a campaña diciamos que isto era posíbel e viamos efervescencia, ganas, vibracións positivas. E diciamos que era o primeiro paso para as galegas. Ao final, iso no que algunha xente non acreditaba cumpriuse, e temos a responsabilidade de sermos espello, un espazo de visibilidade de políticas transformadoras que digan: así actúa o BNG. É certo que xa leva actuando noutros concellos, temos o caso de Pontevedra, de Carballo, de Allariz... pero esta tamén é unha responsabilidade nun ciclo que vai chegar até esas eleccións galegas nas que o BNG é a alternativa e temos posibilidades de conseguir a Xunta de Galiza e desprazar o PP. Temos o peso da responsabilidade, pero tamén moita forza, gañas e enerxía. 

Ve posible, daquela, poder formular nuns meses ou nun ano todas as demandas das que vimos de falar a un Goberno galego do BNG?

Si, por suposto. É absolutamente factíbel. Nós imos traballar por iso e estou convencida de que hai unha maioría da sociedade galega ve que se necesita un cambio e que este é o momento. Este foi o momento histórico para Santiago, o momento de que unha muller chegase á alcaldía, e é o momento tamén de que iso aconteza na presidencia da Xunta e non teño ningunha dúbida de que a próxima presidenta será Ana Pontón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.