A xerencia do Hospital Clínico de Santiago prohibe as gravacións e requisa pancartas nas Urxencias

Unha das pancartas colocada no servizo de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago © Persoal Urxencias CHUS

O persoal sanitario das Urxencias do Hospital Clínico de Santiago vai camiño da súa duodécima semana de folga. Reivindica máis medios, máis persoal e máis espazo para mellorar unha asistencia que, segundo denuncian, está a ser afectada gravemente. Advirten dos continuos “colapsos”, a “saturación” e as longas esperas de ducias de doentes nos corredores, circunstancia que levou a Fiscalía a investigar a morte de dous pacientes a principios deste ano

As imaxes dos corredores ateigados e das protestas do persoal saltaron aos medios nas últimas semanas; a xerencia prohibiu esta semana as gravacións en Urxencias e requisou cartelería

As imaxes de corredores ateigados de padiolas, cadeiras de rodas e pacientes e familiares agardando saltaron a numerosos medios e deitaron luz sobre unha situación denunciada desde hai tempo polos usuarios. Xuntáronse aqueles vídeos e fotografías coas das mobilizacións e esta semana usuarios e profesionais denuncian que a xerencia da área sanitaria de Santiago prohibiu as gravacións nas Urxencias e retirou pancartas de protesta colocadas polo persoal en folga, unha medida que a dirección atribúe a unha normativa implantada desde hai anos.

Foi persoal de seguridade do servizo de Urxencias quen retivo a principios desta semana persoas que pretendían denunciar publicamente un novo colapso e tamén quen retirou este venres pancartas que advertían aos pacientes dos motivos da folga. 

Unha das imaxes das Urxencias difundidas pola Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS © Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS

Así o denuncian os afectados. A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia que o persoal de seguridade actuou “por orde da xerencia” coa intención de “impedir a denuncia pública da situación baixo a escusa de que non se poden sacar documentos gráficos dos corredores sen autorización dos pacientes”

Desde a xerencia advirten de que a súa intención é “velar rigorosamente pola intimidade e respecto á imaxe dos pacientes que acoden” aos seus centros. Por iso, di, non consente “a toma de imaxes de pacientes sen o seu consentimento expreso e en ningún caso a entrada de cámaras en zonas de hospitalización e probas por respecto aos doentes”. 

A Asociación de Pacientes do CHUS acusa a xerencia de buscar "escusas" para "impedir a denuncia pública"; a dirección di que "vela pola intimidade e respecto dos doentes"

A asociación de usuarios considera “alarmante” que “para evitar a defensa de dereitos fundamentais das persoas se utilice a vulneración inexistente dun dereito que a asociación nunca transgrediu”. “Sempre preservamos a identidade dos pacientes maltratados no servizo e utilizamos medios que impiden a súa identificación como destinatarios de servizos sanitarios”, explica a entidade, que adoita difundir imaxes cos rostros pixelados ou tras unha bandanegra que oculta a súa identidade. 

Para a asociación de pacientes, a conduta da xerencia é “autoritaria e antisocial” e só pretende “silenciar” as súas denuncias “dunha realidade que os responsables sanitarios queren que se manteña oculta”. 

Da mesma opinión é Fátima Nercellas, médica de Urxencias e delegada sindical de persoal, que denunciou a retirada de pancartas reivindicativas na mañá deste venres, tamén por parte do persoal de seguridade, que xustificou a súa acción nas “ordes da xerencia”. “Non queren que se saiba o que pasa e a repercusión mediática da situación é o que lles amola”, explican fontes do persoal sanitario. 

A xerencia ordenou retirar carteis que advertían aos pacientes dos motivos da folga e que foron devoltos ao persoal ás poucas horas

“O que se pretende coas pancartas é explicarlles aos pacientes as cousas, aclararlles que non é a folga quen provoca saturacións ou colapsos no servizo, senón ao revés”, engade Nercellas, quen levou á Fiscalía o caso das dúas mortes tras longas esperas dos pacientes nos corredores. “Non estás no pasillo porque estemos en folga; estamos en folga porque estás no pasillo”, reza un dos carteis retirados a primeira hora do venres. Pasado o mediodía, todos os que foran requisados foron devoltos ante as queixas dos profesionais mobilizados. 

Desde a xerencia aseguran que, “por respecto aos doentes e por cuestións de asepsia e limpeza non está permitida a colocación sen permiso de cartelería nas paredes das zonas asitenciais en todo o complexo hospitalario”. Así, e en canto aos dous paros convocados en Urxencias —o que secunda o persoal sanitario e o secundado en exclusiva por médicos—, a dirección lembra que os comités de folga “teñen carteis dispostos en zonas exteriores, nas salas de espera do propio servizo e noutras zonas do resto do hospital”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.