O Silvosa bateu contra o muro da dársena do porto de Malpica cando comezaba a xornada
Horas tráxicas no mar galego ás portas do Nadal, unha das épocas do ano de máis traballo para o sector. Na madrugada do mércores ao xoves o Silvosa, un barco novo en boas condicións técnicas, comezaba a súa xornada de traballo no porto de Malpica. Apenas avanzara un chisco cando bateu contra un muro da dársena e foi a pique, co seu patrón como vítima mortal e outros tres tripulantes rescatados.
A primeiras horas da mañá, segundo informa a Radio Galega, continuaban as tarefas de recuperación do Silvosa, parcialmente afundido no porto de Malpica, mentres en Cambados choran a traxedia do Sin Querer Dos, un cerqueiro con base en Portonovo que regresaba de Euskadi para que o seu persoal pasase as festas na casa. Tras pasar a noite do luns na Coruña, refuxiados do temporal, os mariñeiros do Sin Querer Dos retomaron a travesía, pero non deron pasado de Fisterra.
O Sin Querer Dos regresaba de Euskadi para que o seu persoal pasase as festas na casa
O pesqueiro estaba a apenas cinco millas de cabo Fisterra cando, pouco antes das dúas da tarde do mércores, lanzou a alerta do afundimento. Mentres Salvamento Marítimo puña en marcha o dispositivo de rescate, outros dous barcos salvaban a parte do persoal: o Hermanos Silva subiu a bordo dous dos mariñeiros e o Meira da Costa, outros catro.
Pouco despois os equipos de rescate confirmaron catro falecementos. A embarcación de rescate Salvamar Régulus recuperou os corpos sen vida de dous tripulantes e o Helimer 401, o dun terceiro. Eran o patrón, Manuel Serén, e os mariñeiros Téofilo Rodríguez e Bernardino Padín. Segundo detalla La Opinión de A Coruña, todos eles deixan fillos.
Na mañá do xoves continuaba no mar a procura do décimo tripulante do Sin Querer Dos
Os mariñeiros rescatados foron atendidos poucos despois no Clínico de Santiago e no hospital Virxe da Xunqueira de Cee. Mentres, os cadáveres xa recuperados foron trasladados ao porto de Porto do Son e ao aeroporto coruñés de Alvedro.
No mar, o operativo de busca continuou durante toda a noite á procura do décimo tripulante do Sin Querer Dos. A primeiras horas deste xoves seguía desaparecido.