Cruce de acusacións entre o Sergas e un hospital privado de Ourense, condenados por un mozo que perdeu un testículo

Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) CC-BY-SA Xunta de Galicia

A xustiza reprocha ao Centro Médico El Carmen ao que foi de urxencia o afectado que o desviase ao CHUO sen facerlle ningunha proba, e ao hospital público que non o vise un urólogo, "cuxa presencia non resultaría extravagante ás dez da mañá dun luns"

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza que condena o Sergas e o Centro Médico El Carmen, de Ourense, a indemnizar a medias con 45.000 euros a un mozo que con 19 anos perdeu un testículo logo de que non fose correctamente atendido nin no hospital privado nin no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). 

A sentenza recolle un cruce de acusacións entre o centro privado e o Sergas, pero a xustiza reprocha ao primeiro, ao que foi de urxencias o afectado, que o desviase ao CHUO sen facerlle ningunha proba, e ao hospital público que non o vise un urólogo, "cuxa presencia non resultaría extravagante ás dez da mañá dun luns".

Sentenza do TSXG que condena o Sergas e o Centro Médico El Carmen a indemnizar un paciente pola perda dun testículo CC-BY-SA Praza Pública

Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza, o mozo, de 19 anos e con cobertura médica por Muface, a mutualidade que cobre o funcionariado do Estado, e asegurado en DKV, acudiu a urxencias do Centro Médico El Carmen ás 9.44 horas por dor nun testículo desde as oito da mañá. Alí un médico de garda explorouno, estableceu un "diagnóstico de sospeita de torsión testicular" e "o deriva ao CHUO para a súa atención", xa que a carteira de servizos de DKV contemplaba as urxencias xerais pero non as urolóxicas.

No CHUO é atendido ás 10.35 horas por un médico de garda que realiza unha interconsulta con Uroloxía pero sen que o explore ningún urólogo. Tras unha analítica e tres horas en observación danlle o alta con diagnóstico de inflamación dun conduto testicular (epididimitis) e tratamento médico para esa doenza. Porén, ás 17 horas, sen que os síntomas remitisen, o mozo volve ao Centro Médico El Carmen, onde é atendido por un urólogo privado sen vinculación laboral co centro médico pero si incluído na carteira de servizos de DKV, que lle fai unha ecografía e o opera ás 19.30 horas sen posibilidade xa de salvar o testículo.

O afectado reclamou na vía administrativa e o Sergas estableceu que tiña dereito a unha indemnización de 29.500 euros a cargo de Centro Médico El Carmen. Porén, desconforme coa contía, o afectado recorreu á xustiza e tanto un xulgado de Ourense como agora o TSXG coincidiron en elevar a súa indemnización a 45.000 euros e facer responsables a medias tanto ao centro privado como ao CHUO.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

A xuíza que analizou inicialmente o caso concluíu que o Centro Médico El Carmen era responsable "por falta de disposición de medios" xa que alí se diagnosticou unha sospeita de torsión testicular "pero simplemente limitouse a derivar o paciente ao hospital público, sen efectuar proba algunha nin mediar consulta por especialista en uroloxía pese a que, horas despois, si se lle realiza en dito centro unha ecografía e é consultado e tratado por un urólogo". Tamén censurou a xuíza "falta de comunicación co centro de destino". 

Pola súa banda, no CHUO viu "mala praxis e un importante déficit asistencial" xa que "non descartaron unha torsión testicular nun hospital perfectamente dotado para efectualo nese tempo que o paciente permaneceu en urxencias e contando cun diagnóstico de sospeita inicial". 

O TSXG considera "sorprendente" que o xefe de Uroloxía do CHUO insinuase que en El Carmen atenderan mal o caso por non velo un urólogo cando tampouco se fixo no hospital público

O hospital privado recorreu esa sentenza inicial acusando o Sergas de excederse nas súas competencias ao establecer na vía administrativa que debía indemnizar ao paciente, xa que ao seu ver debía ser o Estado o encargado de analizar o caso como responsable de Muface. Pola súa banda, o Sergas, que vén subcontratando de xeito irregular co centro privado diversas atencións médicas, alegou que "El Carmen demostrou unha total falta de disposición de medios, pois nin o viu un especialista, nin se lle realizou ningunha proba complementaria, limitándose a derivalo ao CHUO tras un diagnóstico de sospeita".

Sentenza do TSXG que condena o Sergas e o Centro Médico El Carmen a indemnizar un paciente pola perda dun testículo CC-BY-SA Praza Pública

O TSXG desbota os argumentos de El Carmen lembrando que xa houbera outro procedemento xudicial entre ese centro e o Sergas que ditaminara que este último si era competente para establecer a pertinencia dunha indemnización. E sobre o Sergas o TSXG coincide coa primeira xuíza que analizou o caso en que houbo "un déficit asistencial reprochable en dúas vertentes: nin se realizou a proba clínica indicada para os síntomas [ecografía], nin foi explorado persoalmente por un especialista en uroloxía, pese a chegar ao hospital derivado doutro centro no que se facía constar unha sospeita moi determinada". 

Pero o TSXG vai máis alá na súa crítica ao Sergas: "É sorprendente que o Xefe do Servizo de Uroloxía do CHUO [nun informe sobre o caso] insinúe un déficit asistencial por parte do servizo de urxencias do hospital privado" por non velo alí un urólogo "cando, precisamente, esa mesma acusación ha de tornarse en contra do servizo público: no CHUO non foi valorado por ningún urólogo, pese a esa alta sospeita. Unha interconsulta non é sinónimo dunha exploración por especialista".

O TSXG conclúe que "non se fixo todo o que tiña que facerse, porque non se aplicaron os medios técnicos e humanos que a urxencia requiría para a correcta asistencia médica: bastaba cunha exploración persoal a cargo de especialista en uroloxía (cuxa presenza non podería resultar extravagante no hospital público ás dez da mañá dun luns)".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.