Máis da metade da enerxía xerada en Galicia depende aínda do petróleo importado

Sultan Al Jaber, ministro dos Emiratos Árabes, na COP 28 CC-BY-SA Imaxe: COP28 / Montaxe: Praza Pública

O cumio do clima de Dubai entraba este pasado martes na súa última xornada, pero a proposta de acordo presentada na tarde do luns pola presidencia da COP28, nas mans do ministro dos Emiratos Árabes Sultan Al Jaber, provocou a insatisfacción e o reproche de case todo o mundo. As partes abriron así unha nova negociación para intentar alcanzar un acordo final que superase un borrador que pedía "reducir" o uso de combustibles fósiles pero que nada falaba da súa eliminación. Marcábase como obxectivo chegar ás emisións netas sobre o 2050 pero obviábase a "eliminación progresiva" do petróleo, o gas o carbón que figuraba nos documentos previos, algo que foi considerado "insuficiente" e "inaceptable" pola UE, os EUA e os grupos ecoloxistas, fronte á postura dos países produtores de petróleo. 

Finalmente, o cumio acordou transitar para "deixar atrás" os combustibles fósiles, nun texto pechado polos 200 países implicados que conta coa primeira mención directa aos principais causantes da crise climática: o carbón, o gas e o petróleo. E pactouse acabar con eles en 2050, aínda que sen obxectivos intermedios

Un debate e unha posterior declaración que sinala os combustibles fósiles, dos que segue a manter unha elevadísima dependencia Galicia, o que a afasta así do autoabastecemento a través de renovábeis. Así se explica nun informe publicado polo Observatorio Galego de Acción Climática (Ogacli) e Greenpeace, coincidindo coa clausura desta Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP28), no que se analiza a situación da transición enerxética no país.  

"Non temos ningún excedente de enerxía renovábel. A forte dependencia de enerxía fósil importada é aínda unha característica destacada da economía galega"

Os datos, malia algunhas teses recorrentes, son teimudos. "Non temos ningún excedente de enerxía renovábel. Pola contra, a forte dependencia de enerxía fósil importada é aínda unha característica destacada da economía galega", destaca o documento Galicia máis aló dos combustibles fósiles, que tira do último balance enerxético publicado polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), con cifras de 2021, que apuntan que máis do 75 % do total da enerxía primaria usada no país provén de fontes de enerxía fósil, importacións fundamentalmente en forma de cru, doutros produtos petrolíferos e de gas fósil, e en menor medida de carbón e de biocarburantes.

Xa que logo, tres cuartas partes dos recursos enerxéticos transformados en Galicia para obter electricidade, combustíbeis e calor proceden de terceiros países, moitos deles situados no Sur Global, e de fontes fósiles e moi contaminantes. É esta a enerxía primaria, os recursos enerxéticos extraídos ou captados da natureza (petróleo, carbón, auga, vento…) que son transformados para poderen ser consumidos na industria, no transporte ou nos fogares como enerxía final. 

Tres cuartas partes da enerxía que xera Galicia provén de combustibles fósiles importados do Sur Global; máis da metade depende do petróleo

A principal fonte desta enerxía primaria en Galicia é o petróleo, que é o recurso enerxético máis usado e supón máis da metade do total (52,7%), mentres que as fontes de enerxía renovábel supoñen algo máis dun cuarto (25,8%), seguidas do gas fósil (19,7%) e do carbón (1,4%), que desapareceu xa do mix enerxético galego tras o peche definitivo da central das Pontes en outubro. 

Malia que o petróleo continúa a ser a principal fonte enerxética primaria en Galicia, o seu uso —e mais o do carbón— foi descendendo desde o 2000, ano no que empezou a medrar o emprego de gas fósil, cun crecemento maior ao total de recursos renovábeis. Ademais, como destaca o informe, e agás o carbón que se extraeu nas Pontes e Meirama até 2007, "todos os combustíbeis fósiles usados en Galicia durante o presente século tiveron que ser importados do estranxeiro, procedendo sobre todo do Sur Global, onde se extraeron a base de importantes impactos ambientais e sociais". 

Máis do 80% do carbón importado entre 2000 e 2022 a Galicia veu de Indonesia, mentres que o petróleo e os seus derivados seguen a chegar fundamentalmente desde México (case o 27% do total de importacións de 2018 a 2022), Libia (sobre o 20%) ou os Estados Unidos (19%). 

En canto ao gas fósil, a súa principal vía de entrada en Galicia é a regasificadora de Reganosa en Mugardos, na que a maioría das descargas efectuadas dende a súa entrada en funcionamento en 2007 tiveron orixe en África, América do Sur e países como Rusia.

É a partir destes recursos enerxéticos (autóctonos ou importados maioritariamente) de onde se obtén a enerxía dispoñible para o consumo, xa sexa a través da electricidade, a calor ou combustíbeis. Enerxía final que é destinada fundamentalmente ao consumo interno en Galicia pero que da que hai unha parte importante que é exportada ao resto de España e de Europa. 

A maioría da enerxía final que exporta Galicia é de orixe fósil malia que o foco se centre na electricidade de orixe renovable: "É rigorosamente falso que non precisemos máis parques eólicos"

"Malia que a enerxía dispoñíbel para o consumo destínase maioritariamente ao consumo interno e unha parte é exportada, Galicia exporta enerxía final pero sobre todo de orixe fósil, non só porque parte da electricidade exportada se produza con gas e carbón, senón principalmente pola exportación de produtos petrolíferos e de gas", aclara o informe. 

O documento insiste en aclarar que "cando se fala das exportacións galegas de enerxía, ponse acotío o foco só na electricidade, e máis concretamente na de orixe renovábel, coa pretensión de demostrar que Galicia non precisa de máis parques eólicos ou outras instalacións renovábeis, o que é rigorosamente falso", advirten Greenpeace e Ogacli, que aclara que "é o sector enerxético fósil, e non o renovábel, o gran responsábel de que Galicia sexa hoxe exportadora de enerxía dispoñíbel para o consumo (que non de recursos enerxéticos)". 

"Se desexamos un sector enerxético galego máis orientado a satisfacer a demanda interna, o lóxico sería poñer principalmente o foco na refinaría de petróleo de Repsol na Coruña, a regasificadora de Reganosa en Mugardos ou as centrais eléctricas de gas e carbón, e non nas renovábeis", engade o informe, que advirte de "non ignorar a necesidade de producir máis electricidade renovábel para substituír enerxía fósil en Galicia mediante unha maior electrificación do consumo". 

É no consumo enerxético final, unha vez transformada a materia prima, onde a cota de renovables en Galicia alcanza o 43,5% e supera a media europea e española

Outra cousa é o consumo enerxético final, unha vez transformada a materia prima, ben sexa para electricidade, combustíbeis ou calor e nos diferentes sectores de actividade: industria, transporte ou fogares, entre outros. Aí, a cota das renovábeis en Galicia supera o 40%, alcanzando o 43,5% e duplicando a media europea (21,8%) e española (20,7%). 

Esta cifra cumpre o obxectivo provisional para 2030 acordado recentemente para o conxunto da UE (42,5%) e aproxímase ao proposto para España no borrador da primeira actualización do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) 2021-2030 (48%). Aínda así, "a ambición destes obxectivos non está á altura do que a ciencia pide para combater o cambio climático. É un bo punto de partida, pero aínda non supón nin a metade do camiño, pois o sistema enerxético debería ser 100% renovable en 2040", advirte o informe.

"As boas cifras na cota de renovables no consumo eléctrico (102,1%) contrastan coa baixa achega de renovábeis noutros sectores como a calefacción e a refrixeración (30%) e sobre todo o transporte (6,5%), onde queda todo por facer", insiste o documento. 

No caso concreto da electricidade, a cota de renovábeis no consumo estivo arredor do 100 % en 2020 e 2021, o que "non significa que Galicia poida abastecerse actualmente só con electricidade renovábel xerada no seu propio territorio". Para atinxir estas cifras resultou decisivo, no que levamos de século, o desenvolvemento da enerxía eólica e o descenso da produción eléctrica con carbón. 

Refinería de Repsol, na Coruña © Un claro no bosque

Xosé Veiras, do Ogacli, aclara que “ter unha cota de renovábeis relativamente alta no contexto español e europeo non é en si mesmo un problema senón unha vantaxe". "Non se trata de frear o despregue das renovábeis para equipararnos aos territorios máis atrasados na transición enerxética, senón de avanzar para chegar canto antes a un sistema enerxético 100% renovábel e xusto, tendo en conta as comunidades que acollen os proxectos renovábeis e a protección da biodiversidade”, di. 

"Galicia precisa máis renovables"

No caso da produción eléctrica, o informe insiste en que "Galicia necesita producir e sobre todo usar máis electricidade de orixe renovábel". "Aínda que durante o últimos tres anos a produción eléctrica anual en Galicia igualou aproximadamente á demanda interna, non significa que Galicia poida autoabastecerse con electricidade renovábel durante todos os días e todas as horas do ano. Polo xeral, en todos os meses de maio a outubro a xeración renovábel é inferior á demanda", di o documento, que advirte que o proceso de descarbonización require un importante descenso na demanda enerxética no seu conxunto, "pero tamén un forte aumento da produción eléctrica renovábel destinada a substituír unha gran parte da enerxía fósil consumida, o cal se faría mediante a electrificación directa do consumo sempre que sexa posíbel".

Como derivada e fundamental, as consecuencias no estado da emisións galegas de gases con efecto invernadoiro, que en 2021 situouse nunha redución do 34% con respecto a 1990. Supón unha cifra "positiva" pola "expansión das enerxías renovábeis e o descenso da produción a partir de carbón, algo que, paradoxalmente, nin a Xunta  nin ningún partido do arco parlamentario galego desexaba". 

Aínda así, as Greenpeace e Ogacli apuntan a que o obxectivo de redución do 55% para 2030 debería ser máis ambicioso, ampliándose ao 65% e felicítanse de que o presidente da Xunta afirmase hai uns días que Galicia aspira a acadar a neutralidade climática no ano 2040, dez anos antes do marcado na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e no anteproxecto da Lei do Clima de Galicia, como demandaran ambas as organizacións. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.