Medio ano de cadea e de suspensión militar para un cabo da Comandancia Naval do Miño por tentar bicar unha subordinada

Comandancia Naval do Miño, en Tui © Comandancia Naval do Miño, Ministerio de Defensa

O condenado admitiu os feitos e asumiu un delito de abuso sexual polo que tamén terá pagar unha multa de 2.200 euros e unha indemnización de 200 por danos morais á vítima, á que non poderá achegarse durante un ano

O Poder Xudicial vén de facer pública nos últimos días unha sentenza emitida a comezos deste ano polo Tribunal Militar Territorial da Coruña que condena un cabo primeiro da Armada por "abuso de autoridade na súa modalidade de abuso sexual" tras tentar bicar unha subordinada nas dependencias da Comandancia Naval do Miño, en Tui. 

O home admitiu os feitos e asumiu unha sentenza por conformidade entre as partes que o condena a seis meses de cadea, outro tanto de suspensión militar de emprego, así como ao pagamento dunha multa de 2.200 euros e dunha indemnización á vítima de 200 euros por danos morais. Tampouco poderá comunicarse nin achegarse a ela a menos de mil metros durante un ano. 

A Comandancia Naval do Miño e o seu embarcadoiro, abaixo á dereita CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

Segundo os feitos probados da sentenza, aceptados polo acusado, na noite dun venres a un sábado de novembro de 2021 a vítima, cabo da Armada, prestaba garda de 24 horas na Comandancia Naval do Miño cando, ás dúas da madrugada, o acusado, cabo primeiro, que ese día prestaba servizo como supervisor de garda, presentouse no lugar. A vítima pensou que o seu superior estaba "baixo os efectos do alcol ou dalgunha substancia psicotrópica" e "pediulle en varias ocasións, dado o estado no que se atopaba, que se retirase ao seu camarote". 

A sentenza por conformidade admite a atenuante de "embriaguez non plena"

O condenado entrou no edificio e chamou á súa subordinada á que se achegou "coa evidente intención de bicala na boca, conseguindo ela afastarse". Porén, o home "agarrouna do brazo esquerdo fortemente e tentou bicala en varias ocasións", ao que ela respondeu usando as súas mans para empurralo "alzando a voz, ante o que el pediu silencio" dicindo repetidamente "voume arrepentir toda a vida". "Finalmente depuxo a súa actitude e abandonou a zona para ir ao seu camarote", conclúe o relato dos feitos.

Condena a un cabo primeiro da Comandancia Naval do Miño, en Tui, por abuso sexual ao tentar bicar a unha subordinada CC-BY-SA Praza Pública

Segundo a sentenza, a muller contou o sucedido esa mesma madrugada por mensaxes telefónicas a unha amiga, e ao día seguinte, sábado, a unha compañeira mariñeira. O luns contoullo a outro compañeiro para que lle cambiase a quenda e non coincidir novamente co condenado. E ese mesmo día, pola tarde, aproveitando unha patrulla, o sucedido foi posto en coñecemento dun comandante.

A sentenza por conformidade do tribunal militar considera que estes feitos son "constitutivos dun delito consumado de abuso de autoridade na súa modalidade de abuso sexual", ao que aplica a atenuante de "embriaguez non plena". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.