O PP gaba a "exemplaridade contra a violencia machista" dun condenado por violencia machista ao que recupera como edil

Matías González Cañón é reintegrado no grupo municipal do PP da Illa de Arousa © PP da Illa

Quen hai un ano ía ser candidato popular na Illa de Arousa deixouo grupo ao facerse pública súa condena en 2011 por golpear na cara e romper un dente a unha ex-parella e agora é reintegrado presentándoo como "persoa intachable" 

O PP da Illa de Arousa vén de anunciar a reintegración no seu grupo municipal de quen fora o seu candidato nas eleccións municipais de hai un ano, Matías González Cañón, quen acabou como edil independente logo de revelar elDiario.es que foi condenado en 2011 por violencia machista contra unha ex-parella, á que rompera un dente e provocara lesións cervicais leves golpeándoa na cara. Na nota de prensa coa que veñen de comunicar a recuperación de González Cañón os populares gaban de xeito destacado e reiterativo a súa "exemplaridade contra a violencia machista".

Nota de prensa coa que o PP gaba como persoa "intachable" a un edil que foi condenado por violencia machista CC-BY-SA Praza Pública

O agora novamente edil popular fora condenado, segundo o partido, a traballos comunitarios e a pagar 89 euros. "Cometeu un erro e pagou por el", di o comunicado do PP, que se centra fundamentalmente en presentar a González Cañón como unha "persoa intachable".

Segundo o PP, "a súa vida se caracteriza pola exemplaridade, a súa gran implicación social e o seu compromiso inquebrantable e irrenunciable contra a violencia machista". A nota non explica por que renunciou ou quebrou ese compromiso cando cometeu os feitos polos que foi condenado. 

Vídeo divulgado hai un ano polo PP da Illa na defensa do seu candidato

O PP, que hai un ano xa o defendera, xustifica a recuperación do edil como unha demanda "da maioría social da Illa" e do "sentido común"

Os eloxios ao novamente edil popular continúan no comunicado e o presentan como unha "persoa intachable cun enorme caudal político, humano e social e cunha implicación absoluta na loita pola igualdade e na erradicación da execrable violencia contra as mulleres"

Porén, os populares non sitúan esa loita contra a violencia machista do concelleiro como o motivo da súa reintegración senón que o fan, segundo o seu argumentario, "para respectar a vontade das urnas e a defensa dos intereses xerais dos veciños". É, din, o que demanda "a maioría social da Illa" e "o sentido común".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.