Matías González Cañón é o cabeza de lista da candidatura do PP na Illa de Arousa. A súa exposición pública nas últimas semanas fixo que saíse á luz a condena que recibiu por malos tratos a quen era a súa parella hai doce anos, tal e como revelou elDiario.es. Daquela, a moza sufrira a rotura dun dos seus dentes e lesións leves na zona cervical, unha agresión e unha condena pola que a dirección provincial do PP en Pontevedra esixiu o aspirante a alcalde que abandonase a candidatura "por uns feitos que chocan frontalmente cos principios do partido e co seu código ético".
A polémica volve envolver o PP logo da dobre multa a José Manuel Baltar por exceso de velocidade no coche oficial da Deputación de Ourense. Desta vez, os populares reclamaron a marcha do seu candidato, pero González Cañón négase a abandonar e, nun vídeo no que o acompañan o resto de membros da candidatura, denuncia ser "vítima dun ataque oportunista" por parte dos seus rivais políticos "neste momento da campaña".
González Cañón négase a abandonar a candidatura: "Non vou dar un paso atrás". O PP advirte de que non pode forzar a súa marcha
Logo de amosar a súa "máis absoluta repulsa a calquera acto de violencia machista", o candidato popular di estar doído por sacaren á lux un tema polo que, di, pagou "inxustamente hai doce anos". "Sorte que é un lugar pequeno onde todos sabemos quen é quen; lamento que usen o beneficio da lei para facer dano a outras persoas e apoiamos a xente que de verdade sofre casos de violencia de xénero", engadiu.
Así, González Cañón asegura que seguirá "adiante" co seu proxecto e que non dará "un paso atrás" ante un feito "que non só fai dano" ao seu equipo senón tamén á súa "familia". No momento daqueles feitos, o candidato do PP tiña 22 anos e tivo que asumir unha pena de 25 días de traballos comunitarios.
O PP de Pontevedra, nun comunicado, explica que non sabía da situación xudicial de González Cañón porque "non existe un rexistro público de persoas condenadas nin de condenas, polo que non é posible comprobar os antecedentes de cada unha, á marxe do que elas mesmas declaren".
O PP agrega que o candidato non é militante do partido, polo que tampouco cabe aplicarlle os estatutos da formación
A formación conservadora aclara, ademais, que ao non ser o candidato militante do PP, non lle poden ser aplicados os seus estatutos e que a decisión de abandonar a candidatura é "estritamente persoal". "Unha vez publicadas as listas electorais, só se pode perder esta condición pola vontade do propio candidato", aclara.
O BNG, pola súa banda, pediu tamén a "renuncia" do candidato do PP mentres que o PSdeG, acusado de ser a formación que filtrou a antiga condena, instou os populares a "resolver os seus problemas internamente".