Traballadoras das Galiñas Azuis mobilízanse ante a “improvisación” da Xunta: “somos escolas, non gardarías”

En Galicia hai 140 escolas infantís públicas Galiña Azul de xestión directa con preto de 1.500 traballadoras. CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

O persoal educativo das Galiñas Azuis alerta de que coa redución horaria que vén de aplicarse vaise resentir a atención educativa aos nenos e nenas pois xa non se contempla tempo para programar e organizar o traballo ou ofrecer titorías

“Este ano xa tivemos que mandar facer os disfraces de Entroido na casa, cando outros anos facíamolos aquí nun obradoiro cos pais e nais pola tarde”. “Se unha unha nai pide unha titoría non lla podemos dar porque non temos horas asignadas para iso”. O persoal educativo das Galiñas Azuis alerta de que coa redución horaria que vén de aplicarse vaise resentir a atención educativa aos nenos e nenas pois xa non se contempla tempo para programar e organizar o traballo ou ofrecer titorías. Este mércores está prevista unha concentración en Santiago para exixir cambios á Xunta e que se deixe de precarizar o sector educativo.

Desde o 1 de febreiro as traballadoras das Galiñas Azuis teñen en vigor unha redución de xornada, que pasou de 37,5 horas semanais a 35, froito dun acordo entre a representación sindical e a Consellería de Política Social.  Esta reestruturación, alertan desde os equipos educativos, supón a perda dos tempos de titorías que viñan facendo ata o de agora, xuntanzas coas familias, entrevistas iniciais, festas e obradoiros, xuntanzas de equipo, informes de avaliación das nenas e nenos ou o deseño de documentos como o proxecto educativo, programacións xerais anuais, memorias ou calendario de actividades. “Nos están igualando ao sistema privado asistencial pero nós somos escolas, non gardarías”, lamenta Rosa, profesora no centro educativo de Nigrán.

Cartel da concentración prevista para este mércores, 14 de febreiro pola calidade educativa nas escolas infantís públicas. Dominio Público CIG

O problema, alertan, non é a redución horaria,  senón a falta de organización e previsión desde a Consellería de Política Social

O problema, alertan, non é a redución horaria,  senón a falta de organización e previsión desde a Consellería de Política Social, cuxo criterio foi eliminar 30 minutos de atención educativa e dúas horas de organización do traballo para acadar a redución asinada. “É unha simplificación absurda”, alerta Rebeca Quintillán,  delegada da CIG na Consellería de Política Social e mestra. A representante sindical alerta de que na última reunión coa Xerencia do Consorcio Galego de Servizos Sociais e Igualdade xa lle trasladaron os problemas que van xurdir coa eliminación da parte pedagóxica. “Soamente imos poder cambiar cueiros, procurar que estean ben alimentados e pouco máis. Pasamos a ser gardarías”, lamenta. Pero a xerente adxunta da Área de Escolas Infantís dos Consorcio, Carmen García Campelo, “tomou a decisión de forma improvisada e sen dar ningunha alternativa”, asegura. 

“Vai ser unha catástrofe a nivel educativo”, explica outra mestra. “A redución horaria é unha mellora para todas as traballadoras que implica pensar e reorganizar”, detalla.

Nun escrito trasladado ás familias, os equipos educativos explican que non están de acordo con que a redución de horas se aplique á totalidade do tempo empregado en titorías. “Levamos moito tempo traballando polo recoñecemento do 0-3 como ciclo educativo e o simple feito de considerar que se pode atender ás nenas e nenos destas idades sen un traballo previo é simplificalo ao máximo”, indican.

As primeiras cuestións que se ven afectadas, din, son a preparación de actividades e obradoiros, así como a planificación de diferentes eventos ao longo do ano na escola, “xa que estas cuestións deixan de estar dentro da nosa xornada laboral, o que afecta a calidade do servizo”. 

Unha mestra coas crianzas dunha Galiña Azul. © CIG-Administración Autonómica

A Xunta subliña que se garante a "calidade educativa e pedagóxica do servizo" e se cumpre coa normativa vixente e co currículo establecido para a educación infantil

En Galicia, o primeiro ciclo de educación infantil regúlase polo Decreto 150/2022 do 8 de setembro polo que se establece a ordenación e o currículo da educación infantil en Galicia, onde se debullan aspectos como o currículo, os obxectivos da etapa ou as competencias clave. “Nós estamos dentro da LOE como primeiro ciclo da etapa educativa e temos que facer un proxecto educativo, con programación, memoria educativa, ou obxectivos cumpridos”, explica Quintillán. 

Actualmente hai 140 escolas infantís públicas Galiña Azul de xestión directa con preto de 1.500 traballadoras.

 En resposta a unha consuta de PRAZA sobre o conflito, a Consellería de Política Social destaca que, tras a redución horaria asinada, as escolas infantís do Consorcio seguen a contar coa maior ratio de persoal educativo por alumno de toda a Comunidade Autónoma, é dicir, en comparación coas de titularidade municipal ou privadas, polo que se “garante a calidade educativa e pedagóxica do servizo e se cumpre coa normativa vixente e co currículo establecido para a educación infantil”.

Desde a CIG alertan , así mesmo, de que cando restaban horas para a mobilización programada, a xerencia adxunta do Consorcio estaba a “enviar comunicados ás familias para desacreditar as súas propias profesionais”, segundo explican nun comunicado. O sindicato asegura que as traballadoras están recibindo comunicacións e “incluso acoso, ameazas e presión individual”. “A mobilización e o conflito é a ferramenta que temos todas as traballadoras para demandar os dereitos laborais e como empregadas públicas tamén para defender un servizo público de calidade”, salienta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.