Arranca o segundo curso de colapso pola gratuidade nas escolas infantís sen que a Xunta regule aínda o acceso ás privadas

O 5 de setembro comeza o que será o segundo curso coas escolas infantís públicas e privadas gratuítas en Galicia. © Xunta

Ante unha demanda superior á oferta, centros e familias reclaman ao Goberno galego que poña unha “pouca de orde” no acceso ás aulas dos pequenos de 0 a 3 anos 

Esta semana comeza un novo curso nas escolas infantís de Galicia que, por segundo ano, serán gratuítas con carácter universal para todas as familias e seguirán sen contar con criterios de admisión no caso dos centros privados subvencionados pola Xunta.

Un prazo de matrícula único, unha lista universal e a introdución de requisitos como a situación laboral ou a proximidade son as principais demandas do sector e das familias, que ven como esta medida estrela do Goberno galego máis que facilitar a conciliación, dificúltaa.

Malia que desde o propio Goberno galego xa recoñeceron a necesidade de “ir introducindo melloras” nesta “medida pioneira” a nivel estatal, a realidade é que moitas familias que necesitan unha praza de gardería quedaron fóra porque non foron tan rápidas coma outras e non teñen onde deixar os pequenos nin pagando. 

A gratuidade ten un claro efecto chamada que supón un incremento da demanda por riba da oferta e o colapso dun sistema que afronta o seu segundo curso sen regular para a maior parte dos centro educativos, os privados. Todo isto nun contexto no que a natalidade segue a caer

A gratuidade nas escolas infantís disparou a demanda das familias, malia a caída da natalidade. © Xunta

“Eu estaba como fóra da realidade. Non me imaxinaba que unha nena puidese quedar sen praza na gardería, cando a necesita", lamenta Analía Rial, que ten unha nena de 10 meses

“En febreiro unha amiga díxome que se tiña reservada unha gardería e fun a unha próxima á miña casa onde me dixeron que ata o 1 de marzo nada, pero cando chamei en marzo xa non había prazas e quedei nunha lista de agarda", explica Analía Rial, nai dunha bebé de 10 meses.

Rial relata que entón foi cando fixo a solicitude para tres escolas da Xunta. "Tampouco acadei praza e comecei a chamar a todas as que podería ir entre Vigo e Nigrán. Debín de chamar a 7 ou 8 pero xa estaban cheas e quedei en varias listas de agarda”, asegura.

“Eu estaba como fóra da realidade. Non me imaxinaba que unha nena puidese quedar sen praza na gardería, cando a necesita. Pero cando xa vin que estaba fóra da Galiña Azul e que non podía levala ás privadas nin pagando xa me bloqueei. E agora que fago?”, lembra.  

Redución de xornada e cambio nas quendas 

Analía finalmente o único que atopou foi sitio pola tarde nun centro próximo ao seu lugar de residencia. Redución de xornada laboral para obter días libres completos e trocos nas quendas de traballo coas compañeiras farán posible que poida quedar coa nena polas mañás e traballar polas tardes.

“Eu son enfermeira e teño esa certa flexibilidade, pero haberá outra xente que noi poida cambiar os horarios de traballo. E que fai?”

“Na miña vida pensei que me ía pasar isto cunha gardería. Todo o mundo ten dereito a levar os seus fillos á escola infantil pero se é gratis terá que haber un criterio laboral ou de proximidade, digo eu”, engade.

Calendario de matrícula e lista unificada así como uns criterios obxectivos de admisión son as principais demandas dos centros e as familias 

Desde a Asociación Galega de Escolas Infantís (Agadei) explican que este pasado ano foi especialmente complicado pola gratuidade universal -o anterior curso a medida só era para o segundo fillo- . “Este ano foi un pouco de tolos. Ás veces duplícanse as matrículas e chegamos ao mes de agosto chamando a xente porque se liberan prazas a ultima hora”, indica o presidente de Agadei, Fernando Rolland. 

Para o representante do sector en Galicia sería fundamental “chegar a un consenso coa Consellería para poder poñer unha pouca de orde”.  

En primeiro lugar, Rolland reclama que haxa unha petición a través dunha lista única, como nos colexios, para que non se poida pedir en varios a un tempo. “Aínda que a Orde da Xunta recolle o pago de 100 euros para reservar praza e se finalmente non te matriculas perdes os cartos, a xente segue a anotarse en varios sitios” asegura o presidente de Agadei. 

Para evitar esta duplicidade, segundo explica Rolland, tamén sería fundamental unificar o calendario de matrícula porque a día de hoxe hai algunhas escolas infantís privadas que xa comezan en xaneiro e as públicas ata marzo nada.

Actualmente non existen criterios de admisión para as garderías privadas, subvencionas ao 100% pola Xunta no que respecta á atención educativa, máis alá de estar correctamente vacinado e residir en Galicia. E as prazas adxudícanse por estrita orde de chegada. Os primeiros en chamar ou acudir teñen praza, os outros non.

Pola contra, para matricularse nunha Galiña Azul existen uns baremos estritos e obxectivos como o número de membros da unidade familiar, a situación laboral dos proxenitores e os ingresos. Quen teña máis puntos entra e os demais irán á lista de agarda. No centro público vigués de Valadares enchéronse rapidamente as 23 prazas ofertadas para os nenos de 1 a 2 anos e quedaron fóra -en lista de agarda- máis de 60, un dato que amosa a situación dos centros desde que son gratuítos. "Sabiamos que ía ser un éxito", destacaba Rueda no último Consello de goberno preguntado polo balance da gratuidade nas escolas infantís.

O presidente de Agadei espera poder reunirse con representantes da Xunta durante este mes para introducir as necesarias melloras na orde que subvenciona a atención educativa de 0 a 3 anos.

O presidente Rueda nunha escola infantil o pasado xullo CC-BY-SA Xunta de Galicia

As críticas á implantación da gratuide nas escolas infantís chegaron nos últimos días tamén desde a Fegamp. O organismo que representa os concellos galegos lamenta que a Xunta financie a gratuidade das prazas nas escolas de titularidade privada con ata 300 euros, mentras que aos concellos “o máximo que se lles dá sexa en torno a 170 euros" para as prazas das escolas públicas, e "o resto" sufrágano os concellos, aseguran desde a Fegamp.

Desde a Consellería de Política Social, pola súa banda, non concretan se no próximo curso, por fin, poderase regular o acceso aos centros privados que xa son gratuitos ao xeito dos públicos. “Con respecto aos criterios de admisión nas escolas infantís privadas non podemos avanzar nada xa que estamos centrados no inicio do curso escolar 2023/24, que arrancará o vindeiro 5 de setembro”, indican desde o departamento autonómico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.