A vacinación completa das crianzas pasa a ser obrigatoria tamén nas escolas infantís privadas acollidas ao programa de gratuidade

Escola infantil na Pobra do Caramiñal CC-BY-SA Xunta

A decisión do Goberno galego de financiar a matrícula nos centros privados estendeu a estes centros a obriga, xa existente nos públicos, de esixir ás familias a documentación que acredite que os nenos e nenas que asisten a eles seguen o calendario de vacinación infantil

Dende hai anos é obrigatoria en Galicia a vacinación completa de nenos e nenas para acceder ás escolas infantís públicas. Así o decidiu no 2019 a Xunta, contando co aval da asesoría xurídica, que nese momento emitiu un informe que subliñaba que era prioritaria a protección da saúde dos menores (recollida no artigo 43 da Constitución) e que a obriga non contraviña "de ningún xeito" a liberdade ideolóxica, relixiosa ou de culto das familias (artigo 16 do texto constitucional). A medida, apoiada polos colexios médicos, e aplicada dende entón buscaba "velar polo ben común dos menores protexéndoos de calquera enfermidade e garantir a inmunidade do grupo". 

A decisión do Goberno galego de financiar a partir deste curso tamén a matrícula nos centros privados e nos de "iniciativa social" estendeu a estes centros a obriga de esixir ás familias a documentación que acredite que os nenos e nenas que asisten a eles seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación. Así o recolleu xa no mes de xuño a orde da Consellaría de Política Social que regula o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas de 0 a 3 anos.

Cartel do calendario de vacinación ao longo de toda a vida, actualizado en setrembro de 2022 © Xunta

A Consellería de Sanidade segue a avaliar "a idoneidade ou non de que a vacina da gripe sexa obrigatoria" para o acceso ás escolas infantís

Así pois, dende este curso, todo o alumnado das escolas infantís públicas e tamén o alumnado dos centros privados que se acolla á subvención da matrícula aprobada polo Goberno galego debe presentar un documento que acredite que conta con todas as vacinas indicadas para a súa idade e que se ofrecen de forma gratuíta na sanidade pública galega, seguindo o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

A vacinación contra a gripe en menores de 5 anos, ata agora non incluída nas campañas da Xunta, levarase a cabo a partir deste mes de outubro con dúas doses para os nenos e nenas menores de 59 que anteriormente non recibiran esta vacina

Esta mesma semana a Xunta aprobou a ampliación das vacinas incluídas neste calendario de vacinación infantil e que se administran de forma gratuíta do Sergas. O Goberno galego incorporou a vacinación universal contra o virus do papiloma aos 12 anos de idade (anteriormente só se administraba de forma gratuíta ás nenas), contra a meninxite B (con dúas doses aos 2 e 4 meses, máis unha terceira de recordo ao alcanzar os 12 meses) e contra a gripe (entre os 6 meses e os 5 anos).

A vacina contra a meninxite B, que era ata agora habitualmente pagada polas familias que podían facer fronte ao seu custo, cun prezo de ao redor de cen euros por dose, pasa automaticamente a ser obrigatoria para o acceso de nenos e nenas ás escolas infantís.

Carteis da campaña de vacinación fronte á gripe de 2020 CC-BY-SA Xunta de Galicia

A recomendación da vacinación infantil contra a gripe baséase na alta carga de enfermidade e taxas de hospitalización neste grupo de idade. Prevese, ademais, que a vacinación diminúa tamén a transmisión dos nenos e nenas ás persoas maiores

Pola súa banda, a Consellería de Sanidade segue a avaliar "a idoneidade ou non de que a vacina da gripe sexa obrigatoria", analizando a situación co resto de consellerías implicadas (Educación e Política Social). Dende o Sergas sinalan que o feito de que vacina da gripe para os máis novos sexa de recente introdución no Calendario Galego de Vacinación obriga a unha análise diferenciada sobre a necesidade da súa obrigatoriedade.

A vacinación contra a gripe en menores de 5 anos, ata agora non incluída nas campañas da Xunta, levarase a cabo a partir deste mes de outubro con dúas doses para os nenos e nenas menores de 59 meses que anteriormente non recibiran esta vacina (unha dose se si foran vacinados antes). A partir dos 5 anos e ata os 60 anos a vacinación só se recomenda "se hai condición de risco".

A recomendación da vacinación infantil contra a gripe, iniciada este ano, baséase na alta carga de enfermidade e taxas de hospitalización neste grupo de idade, incluíndo complicacións, infeccións bacterianas secundarias e consumo de antibióticos asociados. Prevese, ademais, que a vacinación diminúa tamén a enfermidade noutros grupos de idade ao reducir a transmisión dos nenos e nenas ás persoas maiores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.